II Trail da Carixa

Tocou cambio de superficie para regresar ao monte e participar no II Trail da Carixa sobre un percorrido de 20Km e 1000m+, primeira vez que ía participar neste trail. O último trail que fixera (Campionato Galego de Trail) pasarao realmente mal. Desta vez ía mellor preparado xa que durante os dous meses anteriores algún finde quedaba con compañeiros que tamén o ían facer para adestrar polo percorrido da carreira polo que máis ou menos xa sabía o que nos íamos atopar.

Sen obxectivos para esta proba máis que o de desfrutar e chegar sen contratempos a meta.

Pensaba que ía chegar cedo pero ao final foi bastante xusto, onde tiña pensado aparcar xa non había sitio e había unha gran cola para recoller o dorsal. Tanto que cando o recollín xa me fun cambiar e púxenme a quecer un pouco, aínda que sempre hai tempo para sacar unha foto pre-carreira.


Achegámonos a zona de saída xa que había que pasar por cámara de chamadas para saír en grupos, aínda non se pode saír todos xuntos... Era dos últimos en saír, xusto antes dos que ían participar por parellas. No momento da saída non sei que pasou que nos despistamos e saín só, con dous compañeiros en vez de saír co grupo que nos tocaba.


Os primeiros 350m eran por asfalto e perfecto para ir collendo posición de cara o que nos esperaba xa que a partir de aí, comezabamos a subir sen practicamente descanso ata o km 2 aprox. As sensacións estaban sendo bastantes boas e sentíame con ganas de apertar, incluso nas subidas estaba correndo e intentaba manter o ritmo para non botarme a andar. Durante este tramo fun adiantando a moitos corredores e isto foi un "problema" porque a veces non sabía por onde pasar e perdía o ritmo que levaba. Incluso nunha zona técnica que había, tivemos practicamente parados porque non había por onde pasar, esa zona foi un pouco caos con corredores adiantando por onde podían.

A partir de aí un pequeno tramo de baixada con unha zona delicada pero a chuvia dos últimos días compactou o terreo e estaba máis seguro. Volvemos a subir ata o km 2,8 aprox. onde seguía coa mesma idea de intentar forzar nas subidas e ir correndo o maior tempo posible. A partir dese punto unha zona propicia para min xa que íamos llaneando e podía correr máis comodamente ata chegar a unha pequena zona onde íamos correndo ao carón do Rio Toxa e que estaba un pouco delicado polas raíces que había. Aínda así sorprendeume pasar rápido por aí, creo que foi a sensación de que tiña ao corredor que me perseguía moi encima miña e non me podía parar. Total que uns metros máis adiante comezaba unha pequena subida forte onde si me podo a andar para recuperar un pouco o alento e me adianta o corredor pedíndome paso porque era da carreira por parellas.

Rematada a subida km 3,2 zona para correr, o terreo xa era practicamente favorable e pouco a pouco me ía achegando a ritmos de 4'/km que para o trail xa é ir rápido (polo menos para min). Así cheguei ao km 4 onde comezamos unha baixada rumbo a Fervenza e poderíase dicir que en varios tramos xa que primeiro íamos por camiño normal, despois cruzamos un monte con unha zona técnica onde apiques estou de esvarar e lle botei a man a unha silva para frearme... 🤦 para acabar saltando de pedra en pedra e baixando polas escaleiras ata chegar a Fervenza do Toxa onde estaba o primeiro dos avituallamentos, Km 5,1, do cal como é habitual non parei.

Continuamos a proba percorrendo o sendeiro que vai pegado ao Rio Toxa con algunha zona técnica e que despois das chuvias estaba un pouco esvaradía. Máis que en intentar ir rápido por esa zona ía máis pendente de non esvarar.

Foto: José Ramón Moire Silva

Así chegamos a ponte de ferro que cruza o Rio Deza, Km 5,3 quedaban uns metros máis de poder correr ata chegar a que para min era a primeira subida importante Km 5,5. Só eran uns 300m pero xa se comezaba a notar o esforzo que estaba facendo. Houbo corredores que subían correndo pero eu practicamente fíxena toda andando, iso si, andando rápido e tomando a primeira das gominolas que levaba. Tras chegar arriba, Km 5,8 a organización montou un fotocall xa que dende alí había unha boa estampa coa Fervenza de fondo. A miña idea era de facer unha paradiña rápida e sacar a foto pero cando cheguei había cola para sacala polo que rápido cambio de idea e continúa a proba sen determe. 

A partir de aí zona de baixada e onde se podía ir bastante rápido incluso che daba tempo a divertirte un pouco. No Km 6,5 un pequeno tramo técnico xa que había que baixar por unha zona onde había terra solta e algo de barro e se podía esvarar pero superado sen problemas incluso o corredor que levaba por diante me deixar pasar para que fixera camiño... 

Superado ese tramo puxémonos a correr ao carón do Río Deza por un falso llano no que, en zonas picaba cara arriba e así imos ata o Km 7 onde xa saímos do sendeiro para poñernos a correr por asfalto. Non sei se aos demais corredores de trail lles pasa pero que duro se fai o cambio de correr polos camiños de terra a ir por asfalto e iso que o asfalto é meu "hábitat" pero coas zapas de trail, noto que se me cargan moito máis as pernas.

Este tramo de asfalto remataría no Km 8 onde volvemos a terra e a herba para chegar ao punto de saída/meta e completar así o primeiro tramo, Km 8,2. Aquí estaba situado o segundo dos avituallamentos, claramente seguín sen parar nel. Agora tocaba o máis complicado do trail é onde estaba para min o máis duro é técnico. 

A segunda parte comezaba subindo, unha subida duns 600m aprox. que xa che daban ganas de dar a volta e volver para a meta e a tomar unha caña. Logo unha pequena baixada para ir por un camiño onde había que ter coidado de onde se pisaba xa que había troncos de mimosa que se cortaron para facer camiño aínda que tamén hai que dicir que estaba máis limpo que os días que fomos por aí adestrando. Un último repeito pequeno para ir sobre grandes pedras soltas que esvaraban bastante. Así chegamos ao km 9,1.

Tras sufrir un pouco neses tramo, volvemos a correr xa sen descanso ata o km 10,4. Esta zona case todo o tempo era en baixada é permitía correr fácil, algún repeito había pero si chegabas con algo de forza non había problema en facelo correndo que foi o que me pasou a min. Seguía bastante ben fisicamente e xa me estaba sorprendendo porque a estás alturas do trail xa se tiña que ir notando o esforzo pero de momento ben. O último tramo foi unha baixada forte saltando de pedra en pedra ata chegar a ponte que cruza o Río Deza na parte de abaixo do Mosteiro de Carboeiro.

Foto: José Ramón Moire Silva

Ao chegar a esa ponte primeira sorpresa xa que nos estabamos adestrando por outro sitio e houbo aí unha pequena variación e subimos polo camiño de pedras ata o Mosteiro, Km 10,6. A verdade que me gustaba máis por onde estabamos adestrando. Unha vez no Mosteiro indicacións do voluntario para que tivésemos precaución cos turistas que estaban vendo o Mosteiro e tamén había outro cambio, percorremos outro tramo que adestrando non fomos, ese si que me gustou máis que por onde estabamos indo.

Desde o Mosteiro quedaba un último tramo rápido ata o Km 11. A partir de aí a subir e subir sen descanso. Subida dura de 1Km aprox. O primeiro tramo de subida aínda che permitía en algunha zona correr uns metros pero a última xa era morrer ademais xa che pegaba todo o sol no lombo e ías afogando, nese punto tomei a glucosa que levaba para alimentar un pouco os músculos para afrontar o que quedaba o que igual foi un erro, xa que tras facer cumio e poñerme a correr comezoume a doer un pouco o estómago e condicionoume un pouco o seguinte tramo. Na metade da subida polo Km 11,6 aprox, puxeron un avituallamento con auga que non estaba marcado e que seguro que a máis de un lle deu a vida.

Poderíase dicir que tras chegar arriba tocou unha baixada vertixinosa ata o Km 13,5 onde se podía ir realmente rápido. Eu ía algo tocado do estómago e os incluso sentía algo de dor nos nocellos que non me permitían correr todo o que quería por esa zona, como se me estivese faltando aceite... 🤖 A todo isto na metade da baixada a dor de estómago pasou a ser flato e estábame custando un pouco coller aire. 

Chegamos ao punto crítico e para min a o que máis me custa correr no trail, a zona do río, aínda que das máis bonitas de percorrer. Pero antes había que baixar ata el e polo sitio con máis pendente que había, tanto que puxeron unha corda para axudar a baixar. Case era mellor tomalo como un tobogán poñer o cú na terra e a deslizarse ata abaixo. Neste punto adestrando caín e non lle faltou nada para ir a rebolos ata abaixo por sorte parei nada mais caer contra unha árbore (tamén dicir que ía coa Gopro na man e non vin onde estaba pisando... 😅).

Foto: José Ramón Moire Silva

Chegamos ao río Km 13,6 e si xa adestrando ía amodo, despois de que os días anteriores estivese chovendo e deixar todas as pedras esvaradías pois aínda mo tomei con máis calma. Nese tramo de 200m mais que nunha carreira de trail, parecía que estaba nunha etapa de sendeirismo. Tampouco é que permitise correr moito porque había que ir saltando entre pedras e raíces. Así chegamos a ponte artesanal feita para a carreira e cruzar por última vez o Río Deza, Km 13,8. Nese punto si que había un tobogán xa que o gran penedo o que chegabamos para encarar a ponte non había quen se puxera de pé. Por sorte para min, xusto aí me adiantou un corredor que estaba facendo a proba por parellas e nada mais pisou xa foi arrastras ata o comezo da ponte. Eu nada máis vin iso, o primeiro que fixen foi agacharme e chegar ata a ponte deslizándome. E xa poder cruzar o río sen máis complicacións de mirar ben onde se pisaba xa que a ponte era unha especie de escaleira de madeira. Daban ganas de ir polo río para refrescarse un pouco pero tiña medo de saír con algún tipo de mutación 👽 xa que ultimamente non fan máis que facer vertidos ilegais sobre o río e ía con escuma 😠.

Deixando o río atrás, subida duns 100m pero de poñer as mans no chan e ir coa tracción as 4 patas. Salvada esta subida, Km 13,9 zona para correr e soltar un pouco as pernas. A dor de estómago xa remitira e de pernas parecía que ía mellor. 

Chegamos ao Km 14,2 e afrontamos o que sería a última subida forte da carreira onde lle tomo outra das gominolas que levaba. Non é que fose máis dura que a do Km 8,2 pero pola altura da carreira a que íamos, as pernas xa non son as mesmas e as forzas comezan a escasear. O bo desta subida era o camiño xa que non tiña nada técnico o que permitía subir andando rápido. Incluso nunha zona correr un pouco.

Rematamos a subida polo Km 14,8 e eu xa ía pensado para min, carreira feita agora só queda deixarse levar ata meta. Este é un dos beneficios que ten adestrar pola zona e controlar o terreo. Tras dar unhas voltas polo Poboado Mineiro de Fontao onde estaba o último avituallamento Km 15,3 no cal tampouco parei pero que dende 100m. antes xa me estaban dicindo o menú para saber si quería algo. 

Deixando o Poboado atrás, tramo de asfalto duns 500m que ía levemente subindo. Aí comeceime a preocupar polo xemelgos xa que non era que sentise que estivesen a punto de darme un tirón pero comezaban a dicir "estamos aquí, non forces moito máis ou imos protestar de verdade".

Tras o tramo de asfalto Km 15,8, volvemos a terra por un sendeiro estreito e en baixada polo que se volvía a coller velocidade xa non eran os ritmos de antes pero andaba sobre 5:00'/km xa se ía notando que non había moito máis e practicamente me ía deixando levar. Así foron pasando os km's e ao cansancio que xa levaba, houbo que sumarlle que sobre o Km 17 comezáronme a doer os lumbares e nas baixadas ía sufrindo un pouco do impacto contra o chan.

Tras un repeito situado no Km 19 aprox. no que me tiven que botar a andar porque xa non podía máis, encarei a última baixada perigosa que tampouco era para tanto con mirar ben onde se pisaba xa estaba e xa poñía rumbo a zona de meta. Unha última subida para chegar a estrada, indicacións do voluntario para cruzala correctamente e chegar a meta bastante canso pero satisfeito co esforzo realizado. Ah e con ganas de sacar a mochila de hidratación porque me foi rozando o pescozo e fíxome unha ferida.


O resultado final foi:

  • Posto xeral: 28º de 140.
  • Posto categoría: 18º
  • Tempo: 2:07:38.
  • Ritmo: 6:27 min/km
En canto a proba, dura para facela enteira aínda que non moi técnica e permite correr bastante algo que a min me beneficia. Sobre todo a primeira parte e moito de correr a segunda é a que ten todo o duro e ao facer a proba enteira co cansancio acumulado nótase máis. Marcaxe perfecta, con sinalización no chan, banderillas, cintas e voluntarios nos cruces perigosos. Tres avituallamentos moi completos e como facía calor meteron un máis con auga. Avituallamento final igual de completo e comida tras a entrega de trofeos (empanada, mexillóns, tortilla, queixo con marmelo e pan) incluso podendo repetir. Sen duchas pero tendo as piscinas da Area Recreativa da Carixa, máis que suficiente. 


O único que non me gustou foi o tema das quendas de saída que xa que se formaron embudos na primeira subida igual poñendo no momento de inscribirse un tempo aprox no que pensas rematar ou pola marca en 10Km ou Media Maratón sería a proba máis fluída nos primeiro km's. Aínda que esperemos que na seguinte edición xa non haxa que saír por quendas e se poida ir todos xuntos xa que ata chegar a primeira subida hai espazo para estirar o pelotón e ir ordenándose. Ah é a clasificación que está algo trapalleira con todos os participantes xuntos e non separándoos entre o trail longo e o trail por parellas.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Nasr Bouchaib ... 1:35:15
  2. Elpidio Gómez Sousa ... 1:41:28
  3. Federico Losada Conde ... 1:43:51
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Patricia Varela Santiso ... 2:11:46
  2. Olalla Conde Seoane ... 2:16:07
  3. Verónica Mon ... 2:18:53
Pd: Clasificación completa. Fotos cortesía de: José Ramón Moire Silva. Moitas grazas.

Tamén che pode gustar:

0 comments