Campionato Galego de Trail 2021 (A Pobra do Caramiñal)

Despois de máis dun ano esperando por fin volvemos ao monte. Aínda que polo medio houbo unha proba (Romanico Experience), esta non era competitiva. Tocou desprazarse ata A Pobra do Caramiñal onde se celebraba o Campionato Galego de Trail e a súa vez o Trail Popular Serra do Barbanza sobre unha distancia de 24,8Km e 1100 m+ aprox. Podíase inscribir nas dúas probas ou só en unha polo que decidín facer só o campionato sabendo que aínda non estou moi ben fisicamente. Xa fixera esta proba no 2019 pero na súa distancia curta.

Os obxectivos:

  • Chegar enteiro a meta.
  • Desfrutar da proba e das grandes vistas que hai.
Cheguei pronto a Curota onde estaba a saída da proba, facía bastante aire e incluso frío. Tras recoller o dorsal, púxenme a quecer un pouco cos ex compañeiros do equipo Pinarium. Chegada a hora paso por cámara de chamadas e por primeira vez fan a comprobación de material obrigatorio que neste caso era: un teléfono e un recipiente onde levar auga.

Coloqueime na fila para saír xa que como na proba anterior (Carreira Camiño das Letras) a saída ía ser de dous en dous cunha separación de 20 seg. cada parella de corredores. Xusto a hora que me correspondía, as 10:37h e 40'' con unha temperatura cada vez máis alta e sin aire, arranquei a proba.

Foto: A Pobra Deportes

Comecei bastante ben e rápido empecei a gañar algún posto. Os primeiros 3Km eran favorables e practicamente todo o tempo baixando polo que as sensacións eran bastante boas. Nunha baixada por un cortalumes detívenme un momento para preocuparme polo estado dun dos ex compañeiros de equipo que polo visto torcera un nocello.

Foto: Senderismo Camiñadas do Barbanza

Chegamos a primeira subida importante da proba (Km 3,1) e todas esas boas sensacións que tiña comezaron a mudar, non me estaba sentindo nada cómodo, estaba como sin ganas, sin forza nas pernas e aínda estabamos no comezo da proba...

Foto: Senderismo Camiñadas do Barbanza

Rematada a subida forte (Km 3,5) seguimos subindo pero xa permitía correr. Custoume recuperar as pernas para seguir correndo e comecei pouco a pouco a perder postos, sabía que por detrás ían vir corredores máis rápidos e que tería que apartar pero cada vez que había unha pequena subida as pernas dicían que non e veña perder postos que logo recuperaba cando baixabamos un pouco ou o terreo se poñía máis propicio para correr.

Así foron pasando os km's e entorno ao km 6,5 como unha das gominolas que levaba, creo que nunca a tomara tan cedo pero o corpo xa me estaba pedindo gasolina. O terreo seguía subindo non eran esas subidas que miras cara onde hai que ir e te asustes pero no meu estado toda pendente se me facía eterna. 

Chegamos ao Km 7,3 a unha subida por asfalto pensando para min "por fin o meu terreo, agora xa vou poder subir correndo", error, aguanto os primeiros metros correndo pero despois a volver a andar... Rematamos a subida por unha pista ata chegar aos eólicos (Km 7,9) a partir de aí regresamos ao terreo favorable o a falsa sensación de recuperar as forzas xa que volvía a correr medianamente cómodo, claramente íamos baixando e eu xa ía por inercia.

Así fun ata o Km 10 onde estaba situado o primeiro avituallamento no cal non parei porque non me facía falta xa que apenas bebera auga e aínda levaba 3 gominolas máis. Deixando o avituallamento atrás comezamos a subir novamente ata o Km 11, unha subida entre toxos e pedras que se me fixo dura porque foi un momento de querer apertar e corpo non querer. 

Dende o Km 11 ata o 12,4 baixada de novo cos últimos 300m. un pouco máis técnicos onde tiven que apartarme para deixar pasar. Aí cruzamos o rio Barbanza. Déronme unha ganas terribles de tirarme ao rio para refrescarme da calor e iso que non sei nadar...

Dende o 12,4 comezamos a subir, mentres subía metinlle outra gominola e bastante auga, xa levaba un par de km nos que estaba bebendo bastante e iso que polo normal só levo a auga de paseo xa que non son de beber moito durante a carreira. Acabamos de subir sobre o km 12,9 e veu unha zona onde se estivera ben, podía dar zapatilla pero neste punto comezaron a incrementarse os problemas. Estabamos rodando por unha zona bastante chan e sin dificultade ningunha pero comezoume a doer o lombo en cada impacto que se facía máis pronunciado se o terreo era en baixada. Desta maneira non podía forzar baixando porque non aguantaba a dor e comecei a perder postos tamén en terreo máis favorable para min.

Xa no Km 14,2 un pequeno repeito entre pedras duns 150m e seguimos con terreo favorable ata o Km 15. Nese punto atopamos unha subida importante duns 350m ata outros eólicos creo que esa subida acaboume de desfacer as pernas porque cando remata a subida xa non era quen de correr. Íamos por pistas e aínda que picaba levemente cara arriba podíase correr perfectamente. Pois parecía que ía arrastrando os pés xa non podía nin coa alma. Así fun entre correndo e andando porque as miñas pernas xa non querían máis.

No Km 16 comezamos a baixar pensando para min que podía deixarme levar, nada... o lombo non a aguantaba e tiña que ir máis a modo para que a dor fose menos intensa. O terreo foi favorable ata o Km 17,3. Un pouco antes metinlle outra gominola a ver si recuperaba un pouco pero xa ía desexando atopar un avituallamento porque me estaba quedando sen auga e a verdade é que levaba tanto sede como ganas de meterlle algo sólido ao corpo. (O segundo avituallamento estaba anunciado para o km 16 pero de momento nin rastro del...)

Cruzamos de novo o rio e veu un sube e baixa continuo xa que: subimos 200m., baixamos 300m., subimos 400m., baixamos 200m. e rematamos coa última subida forte da carreira de 600m. Antes da última subida as miñas pernas xa ían desfeitas de todo, tanto que empezaba a sentir os músculos e que se facía un esforzo de máis me ía dar un tirón. Practicamente este tramo xa o fixen todo andando, mais que nunha carreira parecía que estaba facendo sendeirismo. Durante esa última subida forte paseino realmente mal, entre a calor e que estaba esgotado fisicamente era un cadáver andante e pola miña cabeza pasaba a idea de sentarme alí porque non daba máis, incluso me daba a sensación de que me estaba mareando un pouco por sorte non me deu nada pero ía mal. Que recorde nunca chegara a ese punto de esgotamento físico. Mentres subía metinlle a última gominola que me quedaba e unha pouca auga que xa estaba quente.

Cheguei arriba arrastrándome e xa só quedaban 5Km para meta, por certo de momento seguimos sen rastro do segundo avituallamento e xa estábamos no Km 19. Comecei a baixar e aguanto 500m. non aguantaba o lombo nin as pernas xa que ao facer forza parecía que me ía dar un tirón. Vou deixándome levar e parando para masaxear os músculos a ver se me deixaban acabar a proba sin que me dera un tirón. Creo que nunca fixen unha baixada en trail andando e sendo un terreo polo que se podía correr sin problemas.

Así foron pasando os km's ata que por fin chegamos ao segundo avituallamento Km 21,4 (5Km despois do anunciado). Parei no avituallamento, a pouca auga que me quedaba no bidón, tíroma pola cabeza para refrescar, recheo o bidón e o sobrante da botella béboa alí, como medio plátano e continúa a proba andando e correndo pero sobre todo andando. Con chegar a meta xa estaba conforme.

Os 3Km que quedaban permitían correr aínda que había algún repeito que se facía duro. Foron pasando os km's pero fixéronse larguísimos non daba acabado máis pero finalmente crucei a meta esnaquizado de todo pero acabei.

Foto: Senderismo Camiñadas do Barbanza

O resultado final foi (só contabilizados os do campionato):
  • Posto xeral: 63º de 77.
  • Posto categoría: 13º
  • Tempo: 3:25:44.
  • Ritmo: 8:28 min/km.
Os obxectivos non acadados, aínda que cheguei a meta sen ningún contratempo, a carreira que fixen foi moi mala para min unha das peores que fixen. Nótase a falta de adestramento sobre todo para facer unha proba tan longa e dura. Aínda que a proba non era moi técnica e tiña moitas zonas para correr. Agradecer a todos os corredores que me deron ánimos e se preocuparon por min que non foron poucos incluso algún acompañándome e tirando por min durante algún km.

A organización ben ao principio con tema de distancia de seguridade e a saída pero o dos avituallamentos foi lamentable. Si se anuncia no Regulamento que vai haber no km 8 aprox. avituallamento líquido, no km 16 aprox. líquido e sólido e en meta líquido e sólido. Non se pode cambiar un segundo avituallamento 5km despois estando xa a 3km de meta coa calor que fixo. Algún dos corredores que me adiantou preguntábame se eu levaba auga porque practicamente todos íamos desexando chegar a ese segundo avituallamento. Logo chegar a meta e só haber auga e nada sólido para recuperase do esforzo. Moito que desexar neste punto a organización. Tamén creo que non pasaría nada por adiantar a saída 30min ou 1h.

🏆 Clasificación campionato homes 🏆
  1. Rubén Martínez Mayo ... 2:02:10
  2. Daniel Paz Pardo ... 2:07:56
  3. Sergio Mosteiro García ... 2:13:24
🏆 Clasificación campionato mulleres 🏆
  1. Eva de la Fuente Iglesias ... 3:01:45
  2. Enara Fernández Chivite ... 3:18:56
  3. Mª José Grobas Garaboa ... 3:26:12

Tamén che pode gustar:

0 comments