VII Trail Serra do Barbanza

Tras correr o venres a Carreira Camiño das Letras, tocou desprazarse ata O Mirador da Curota na Pobra do Caramiñal xa que se disputaba o VII Trail Serra do Barbanza que a súa vez era Campionato Galego de Trail. Desta vez non ía disputar o campionato xa que me anotei a distancia curta porque sabía que ía ter as pernas cansas para correr a distancia longa que era o do campionato. Tocou disputar a distancia curta de 16,7 Km e un desnivel positivo de 800 metros.

O obxectivo sería:
  • Quedar o mellor posible para a clasificación por equipos xa que volvía a formar parte do equipo popular "Azervañan".
Chegamos a Curota e fomos recoller os dorsais. Tiña as pernas cansas da proba anterior polo que foi un acerto non anotarme ao campionato e disputar o curto. Acabamos de cambiarnos e quentamos un pouco sobre todo movemento nos nocellos que eran os que máis ían sufrir. A falta de 5 min. somos chamados para o arco de saída e sen darme de conta soou o disparo para dar comezo a proba.

Foto: A Pobra Deportes
Arranquei un pouco no medio do pelotón por non molestar moito aos que estaban participando no campionato galego xa que a saída era conxunta e ata o primeiro dos avituallamentos non nos íamos separar. A proba comezou baixando, primeiro un pequeno tramo de asfalto duns 150 metros para adentrarnos xa a percorrer os camiños da curota, rodeados de moito toxo e moita pedra, pero antes houbo que facer un alto xa que se fixo un pouco de embude porque había que ir en lia de un. A baixada era duns 2,6 Km con algunha zona máis técnica sobre todo nunha baixada onde había moita pedra solta e dunha pendente considerable onde un pequeno despiste podía provocar que baixaras dando tombos.

Rematada esa baixada polo km 2,8 veu a primeira subida pero que se facía ben correndo para chegar a outra baixada que nos levaría a unha subida duns 300 metros onde xa tiñas que poñerte a andar e mirar ven onde pisabas para non esvarar. Como estabamos no principio subín bastante ben incluso gañando algún posto polo que as pernas a pesar do cansadas que ían estaban respondendo ben.

Esta subida finalizaba en torno ao km 3,7 a partir de aí volvíamos a seguir baixando constantemente ata o km 6,5 por pistas con algún tramo con pedras pero que se podía facer moi rápido. Esta baixada levaríanos ata o Río Pedras.

Tocaría afrontar un tramo técnico e dos que peor levo como é correr ao carón do rio xa que non me atopo nada cómodo correndo polas raíces e pedras con humidade que con un mínimo despiste podes caer. Só foron 500 metros pero desde que entramos nesa zona estaba desexando abandonala, por sorte conservei a posición pero o corredor que me seguía xa estaba pegado a min.

Dende que entramos no Rio Pedras comezamos a subir pouco a pouco ata o momento que saímos de correr ao seu carón e a subida comezou a ser máis importante. Eu xa comezaba a notar o cansazo acumulado e veu o peor, posiblemente a subida máis longa entorno a 1,1 km no que mirabas para arriba e non lle poñías final. Nesta subida que remataba preto do km 8,7 perdín algún posto xa non tiña as pernas para moita festa e aínda quedaba un pouco menos da metade.

Case a un km de rematar esta subida estaba o primeiro avituallamento, Km 9,4, do cal non paro xa que eu levaba auga e non me fixo moita falta polo cal recupero algún posto. A partir de aí, o percorrido permitía volver a correr e así fun tirando ata chegar o km 11 onde seguramente foi onde o peor o pasei.

Tocaba percorrer a ladeira da montaña, pouco a pouco íamos ir subindo pero ao non ter xa moita forza eu sempre tendía a ir cara baixo e saíame do percorrido marcado, cando vía de novo a cinta estaba máis arriba de por onde estaba indo eu polo que tocaba subir e así durante todo este tramo duns 1,6 Km ata que facemos un xiro para acabar de subir a montaña e coller un pista.

Esta pista levaríanos ata o Monte dos Forcados que sería o punto máis alto ao que íamos estar (Km 13) e a partir de aí quedaba facer unha última baixada onde perdín varias posicións porque tiven que comezar a ir mais tranquilo ao non notar moi ben o nocello. Esta baixada tivo algunha zona técnica entre pedras e outras nas que podías correr mellor pero eu xa só pensaba na meta.

A baixada remataba por unha pista forestal onde facemos un xiro e comezaba a última subida duns 500m pero que subida... Case era mellor subir a gatas, a inclinación era considerable e ao ser a última e ir canso parecía que non estaba avanzando nada. Neste pequeno tramo volvín perder algún posto pero eu xa non daba máis e chego a meta moi canso e con sentimentos encontrados.

O resultado final foi:
  • Posto xeral: 17º de 54.
  • Posto categoría: 1º. 🏆
  • Posto por equipos: 3º. 🏆
  • Tempo: 1:50:21.
  • Ritmo: 6:54 min/km.
Foto: A Pobra Deportes
O obxectivo conseguido xa que conseguimos ser 3º por equipos e a maiores fun o 1º da categoría polo que moi satisfeito co resultado da proba que a pesar de chegar bastante canso puiden lograr un bo rendemento pero non o esperado. O desgaste da proba anterior notouse moito o que provocou que nos últimos km's perdera bastantes postos ademais o trail era máis técnico do que imaxinaba e houbo que esforzarse máis. De todas formas os obxectivos conseguíronse e toca pensar nos seguintes.


Foto: A Pobra Deportes
En canto a proba, un trail máis técnico dos que adoito correr xa que non había moitas zonas onde puidese ir rápido sin preocuparme moito onde pisaba pero si moi entretido e sobre todo con unhas vistas espectaculares. Houbo tramos nos que me custou seguir as cintas que igual se fosen doutro color que chamase máis a atención estaría resolto. Voluntarios nalgún cruce conflitivo e avituallamento intermedio e final.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Sergio Requeijo Requeijo .... 1:34:52
  2. Lucas Pouso Vidal ................... 1:35:34
  3. Daniel Tarela Miramontes ... 1:36:09
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Beatriz Vigo Iglesias ... 2:28:25
  2. Sara Sumay Rial ........... 2:30:50
  3. Ana Bello Nine .............. 2:36:37
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de: A Pobra Deportes. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments