I Carreira Solidaria Ponte en su Piel

Tras dous podios consecutivos en 5 días (Carreira Camiño das Letras e Trail Serra do Barbanza), tocou desprazarse novamente ata a Cidade da Cultura xa que se ía disputar a I Carreira Solidaria Ponte en su Piel. O percorrido transcorrería polas arredores da Cidade da Cultura ata completar unha distancia de 2,5 Km. A verdade é que non estou a feito a correr estas distancias tan curtas e non sei como vai actuar o corpo pero o motivo da proba ben valía a súa asistencia. Por cada corredor que chegase a meta a farmacéutica Brystol-Myers Squibb doaría 10€ a Asociación Melanoma España para a investigación do cáncer de pel.

O obxectivo sería:
  • Tomala como un adestramento de cara a próxima proba.
Cheguei a Cidade da Cultura cando faltaban 30 min. para o comezo da proba. Xa ía cambiado polo que só tiña que recoller o dorsal e poñerme a quecer. As pernas seguían tocadas das últimas probas sobre todo nos isquios polo que nada máis recollín o dorsal púxenme a quecer para preparar o corpo ao esforzo express ao que o ía someter.

Cando faltaban 5 min. funme achegando ao arco de saída para colocarme nun bo sitio pero de momento había xente facendo zumba a modo de quecemento. Cando remata ímonos colocando e quedo ben posicionado, igual un pouco atrasado para saír rápido pero non debería haber problema. Cando todo estivo OK, deuse o pistoletazo de saída.

Foto: Federación Galega de Atletismo
Arranquei bastante ben, controlando nos primeiros metros de non tropezar con ninguén pero sen moito problema. Os primeiros 500 metros eran polo empedrado da Cidade da Cultura onde deu tempo a gañar moitos postos e ir asentando as posicións para adentrarnos nos camiños de terra do Bosque de Galicia.

Durante o percorrido polo Bosque de Galicia tamén gañei algún posto pero xa me estaba custando máis, estabamos indo moi rápido. Así o primeiro km fíxeno en 3:16 min/km que non estaba nada mal, xa podía aguantar así un 10K... jajaja.

O segundo km foi o máis duro xa que había unha pequena subida pero ao ritmo que estabamos indo fíxose bastante dura. Nesa subida perdín un posto pero seguía en persecución para ver se podía recuperar o posto pouco a pouco. Non foi posible, a subida notouse e non conseguía acercarme. Este segundo km fíxeno en 3:39 min/km.

Quedaban 500 metros con moitos xiros xa polo empedrado da Cidade da Cultura e onde perdo un novo posto, xa non tiña as pernas para moito máis, non podía ir máis rápido e tampouco quería forzar moito máis polo que intentei manter posto e así cheguei a meta. 

O resultado final foi:
  • Posto xeral: 13º de 402.
  • Posto categoría: 9º.
  • Tempo: 8:48 min.
  • Ritmo: 3:27 min/km
O obxectivo cumprido fixen unha boa carreira para non estar acostumado a correr distancias curtas nin a adestrar series polo que bastante satisfeito co ritmo obtido pero sei que igual un pouco máis rápido podería haber ido pero as últimas probas foron bastante esixentes e fun con medo de poder romper.

En canto a proba, todo perfecto. O percorrido para ser só 2,5 Km tiña de todo, zonas rápidas, unha subida para desfacer un pouco as pernas, voluntarios nos cruces, animación inicial, avituallamento final, inscrición de balde e solidaria. Espero que siga habendo iniciativas así e sempre que poida aí estarei para poder axudar.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Amador Pena Torreira ... 8:10
  2. Victor Esparis García ..... 8:12
  3. Brais Picón Montero ...... 8:12
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Ester Pedrosa Carrete ... 9:25
  2. Ainoa Gontan Iglesias .... 9:36
  3. Tania Mª. Silvelo Pallín ... 10:06
PD: Clasificación completa. Foto cortesía de: Federación Galega de Atletismo. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments