Comezamos o ano e unha nova tempada pertencendo ao Club Deportivo Pinarium e con esta xa serán catro as tempadas. Para esta primeira proba do ano despraceime ata O Carballiño onde se celebraba a IX Carreira Solidaria do Arenteiro sobre unha distancia de 10 Km e que xa teño disputado. 
Esta proba tiña que haberse celebrado o 10 de Decembro pero por mor do temporal foi suspendida, o que me permitiu poder participar xa que de celebrarse aquel día non podía.

Os obxectivos serían:
  • Intentar mellorar o tempo que teño nesta proba conseguido no 2015 que é de 37:35 min.
  • Ver o estado de forma despois dos atracóns navideños.
Unha vez cheguei a O Carballiño, fun rápido polo dorsal porque ía xusto de tempo, alí facendo cola voume atopando con compañeiros de carreiras. Recollín o dorsal, entreguei os alimento non perecedoiros e funme cambiar para comezar a quecer xa que estaba a facer moito frío.
Cando comecei co quecemento, empecei a notar unha leve molestia na zona do xeonllo pero non lle din moita importancia xa que supuxen que sería por estar os músculos fríos.
Chegado o momento coloqueime na zona de saída na parte media, non queixen poñerme nunha posición máis adiantada porque tiña medo de que a molestia que me acompañou durante o quecemento fose a máis ao intentar ir a uns ritmos fortes, polo que ía intentar saír con calma e ver como evolucionaba.
Deuse a saída e arranquei ben, pouco a pouco gañando postos pero a molestia non acababa de desaparecer.

Foto: Óscar Pinal (Diario La Región)

No primeiro km marquei un ritmo de 4:08 min/km, moi lento sabendo que practicamente era todo favorable (costa abaixo). Pouco a pouco fun collendo confianza e a entrar en calor polo que a molestia xa non a notaba moito. Comecei a gañar moitos postos e a intentar buscar o obxectivo do tempo. Fun bastante rápido nos dous seguinte km's intentando recuperar o tempo perdido polo que gañei bastantes posicións. 

A partir do km 3 comezaba a zona do río onde xa corríamos por terra e area, debido as últimas choivas e a xeada da noite anterior estaba o terreo moi delicado e era moi fácil esvarar polo que fun con moito coidado.

No km 4 chegamos a unha das pasarelas de madeira das que recordaba de anos anteriores nas que se esvaraba moito pero este ano, a noite anterior foron botar sal para evitar o xeo e incluso botaron serraduras para que houbese máis agarre, moi boa a labor da organización.

Foto: Salomé Soto

A metade de carreira xa me dou de conta de que o obxectivo de mellorar o tempo ía ser imposible, tanto polo terreo como polas condicións físicas nas que me atopaba. As molestias seguían a pesar de que intentaba manter un bo ritmo.

A altura do km 6 máis ou menos, atopábase o avituallamento. Situado nun punto estratéxico xa que a partir de aí viña o duro da proba. A altura do km 7 comezaba a pendente máis pronunciada da carreira, unha subida duns 400 metros que che esnaquizaban as pernas e a partir de aí un constante sube e baixa do que aínda que tiñas algúns metros para recuperar ao ser xa na parte final chegabas xusto de forzas.

Foto: Manolo Celta

Tras percorrer o Parque Municipal, vólvese ao asfalto para percorrer o último km da proba na que xa me vou dando por satisfeito e dándome igual se me adiantaban ou non porque non quería forzas máis a maquinaria xa que a molestia do xeonllo seguía aí.
Para chegar a meta había que subir unha pendente non moi pronunciada pero constante duns 700 metros onde perdín un par de postos antes de cruzar a liña de meta satisfeito pero decepcionado co tempo final e coas sensacións que tiven por mor do xeonllo.

Foto: Atletismo Arenteiro


O resultado final foi:
  • Posición xeral: 34º de 427.
  • Posición categoría: 12º.
  • Tempo: 39:40 min
  • Ritmo: 3:58 min/km
Os obxectivos non foron cumpridos xa que me quedei a 2:05 minutos do meu mellor tempo nesta proba e as sensacións non foron boas. Ademais a molestia do xeonllo que non me abandonou durante a proba, unha vez arrefriei foi a máis polo que vai tocar descanso e recuperar ben para non incrementar a lesión.

En canto a proba moi ben pola organización traballando ata última hora para evitar que houbese xeo na zona da carreira, o avituallamento moi completo e con autobuses que nos levaban e traían ata a zona das duchas.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Jose A. Requejo Santos ........... 33:55
  2. Jose M. Corral Justo ................ 34:03
  3. Jose Canda Louzao .................. 34:30
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Sonia Teijeiro Ferro ................. 42:01
  2. Begoña Domínguez Montes ..... 43:53
  3. Silvia Casal Domínguez ........... 44:09
Coma xa fixen o ano pasado, vou facer un resumen de todas as carreiras nas que participei este ano e ver todo o acadado, que por certo, posiblemente un dos mellores anos dos que levo correndo e ademais facendo máis trail, algo que me está gustando aínda que o meu 'habitat' sexa o asfalto.

XANEIRO (4 probas)

Comecei o ano correndo na 'casa', na II Carreira Solidaria Concello de Vedra onde mellorei o tempo pero non fun capaz de chegar ao podio algo do que teño ganas de facer nesta carreira.


Logo tocou desprazarse ata Boborás onde se celebraba o XVII Cross Popular Concello de Boborás, tamén conseguín mellorar o tempo pero sen recompensa en forma de podio.


Tras Boborás que ten pouco de cross e moito de trail fácil, fun ata A Coruña onde ía participar por primeira vez no VI Cross dos Menhires xa coas zapatillas de cravos, aínda que se podía facer con zapatillas normais.


Para rematar o mes desprázome ata Ribadavia, que como é habitual, é a sede do Campionato Galego de Cross Largo, no que este ano fixen un bo papel, non tanto pola posición senón porque puiden axudar ao equipo, algo do que non cría que fora capaz nesta disciplina.

FEBREIRO (3 probas)

Seguimos de campionatos, desta vez participaba no Campionato Galego de Cross Curto por Clubs que se celebrou en A Baña onde non acabei moi contento co rendemento acadado ao ser un circuíto duro e moi explosivo, algo que non me vai moi ben.


A seguinte semana dobrei carreira. Primeiro tocaba novamente campionato, desta vez estaría no Campionato Galego de 10K en ruta que se celebraba en Padrón. Onde busquei mellorar a miña marca de 36:55 min, o malo era que neste percorrido nunca fora capaz de baixar de 41:33 min. Finalmente non conseguín mellorar a miña marca na distancia pero polo menos puiden mellorar considerablemente a marca que tiña nesta proba e acabar un 4º por equipos que non está nada mal.


Tras o campionato, ao día seguinte, volvo ao monte que sería a primeira deste ano no II Trail de San Isidro, pero coa mala sorte de que a metade de carreira torzo un nocello e teño que ir como podo ata o final e esperar que non fora moita cousa.


O último finde tiña pensado ir a Media Maratón Coruña21 a mellorar a marca pero tras a torcedura da semana pasado non podo, aínda que finalmente non tiven esguince, o nocello quedou moi resentido e estábame custando recuperar.

MARZO (5 probas + 1 ruta de sendeirismo)

Tras estar dúas semanas recuperándome da torcedura de nocello, volvía a competición e como son así de 'carneiro' volvo dobrando carreira.
Primeiro na V Carreira da Filloa - Subida ao Pico Sacro onde sufrín polo parón e tiven que pararme un par de veces a estirar os xemelgos pero o nocello parecía que xa estaba recuperado.


Ao día seguinte como xa me sentía ben co nocello volvo ao monte, desta vez no Trail de Bealo, onde por un erro meu por non ver as marcas me tiro ao río (dicir que non sei nadar...) porque pensaba que a carreira era por alí e menos mal que había unha voluntaria alí que me dixo que non era o camiño, a partir de aí comezaron os problemas novamente cos xemelgos e a ter que estirar, incluso se me resentiu un pouco o nocello.


A seguinte semana participo na XI Interrunning Concello de O Porriño cos obxectivo de mellorar a marca nos 10K aínda que como chegaba cos xemelgos e nocellos tocados non sabía moi ben como ía acabar. Finalmente por sorpresa e tras un bo sprint conseguín mellorar a marca 3 seg. Non foi moita a melloría pero a satisfacción de saber que xa volvía a rodar rápido foi o mellor.


Nesta fin de semana só ía participar nunha proba pero o día anterior vou cos amigos facer unha ruta de sendeirismo a PR-G 98 Canón do Sil - Santa Cristina duns 19 Km's, con moi boas vistas e dun esforzo físico medio/alto.


Ao día seguinte despraceime ata O Carballiño, onde se celebraba a V Media Maratón do Carballiño, a primeira media do ano e a primeira vez que facía esta proba. Fun sen buscar tempo ao non estar homologada pero si intentar quedar o mellor posible para axudar ao equipo na clasificacións por equipos na que, finalmente, acadamos o segundo posto.


Para rematar o mes, despraceime ata Rianxo, onde se celebraba o Trail de Castro Barbudo, posiblemente unha das carreiras nas que peor me sentín mentalmente, fun correndo sen ganas gran parte da proba sen atoparme cómodo.

ABRIL (6 probas)

Comezo coa preparación do evento no que ía participar en Maio a Wings for Life World Run en Valencia e precisaba facer km's.
A primeira foi no I Trail Bisbarra do Sar, no cal conseguín un bo resultado sabendo que o meu non é o monte a pesar de que cada vez estou máis adaptado.


Logo faría o ultimo trail deste mes no III Trail Peninsula do Grove xa de 22 Km, o máis longo o que me teño enfrontado pero que finalmente non foi tan duro como esperaba xa que monte puro só foron un par de km's.


A seguinte semana despraceime ata Padrón onde se celebraba a tradicional Carreira da Pascua que este ano modificou o percorrido que o fixo máis rápido e onde un compañeiro tivo que tirar por min para rematar ben.


Despois tocou volver a unha carreira da que gardo un bo recordo, xa que foi na que conseguín o meu primeiro podio, a Carreira Batalla de Cacheiras, tamén con percorrido completamente renovado e moito máis duro. Con sorprendente resultado xa que sen contar moito con el, conseguín acabar 2º da categoría, o que sería o meu primeiro podio neste ano.


Rematamos o mes dobrando carreira para sumar os últimos km's as pernas de cara o desafío da seguinte semana.
Primeiro despraceime ata Sigüeiro onde se celebraba a V Carreira Pedestre Concello de Oroso, onde consigo mellorar o tempo que tiña na proba pero sen podio.


O día seguinte fun ata O Pedrouzo, onde se disputaba a XIV Carreira Popular Concello de O Pino, onde non recuperei ben da carreira do día anterior e fago un mal tempo.

MAIO (5 probas)

Ao estar participando tanto para sumar km's, comezo a ter opcións claras de conseguir o trofeo Pinga-Pinga no concurso que se fai no equipo, o Km Pinarium, que é un concurso entre os membros do equipo no que imos puntuando por cada carreira.

Primeiro tocou o gran desafío deste ano e é que tras inscribirme o ano pasado e por lesión non puiden ir pero este ano por fin ía participar na IV Wings for Life World Run en Valencia, onde conseguín correr 32,31 Km antes de que me pillase a meta. Primeira vez que corro tanta distancia, ademais en Valencia, catalogada como 'Ciudad del Running' e onde espero volver a correr, esta ou outras probas como a Media Maratón ou a Maratón (para esta falta máis) porque me encantou o ambiente.


A seguinte semana xa estaba participando de novo en vez de descansar ben e ademais dobrando proba. Primeiro fun ata A Estrada onde se disputaba a III 5K Festa do Salmón, onde intentei mellorar a miña marca na distancia pero debido ao esforzo físico da semana anterior non fun capaz.


O día seguinte participei na IV Carreira Camiño das Letras con un percorrido que coñecía xa que ía dende o Pico Sacro ata a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela todo polo Camiño de Santiago e onde a piques estou de subir ao podio, fun todo o tempo en posicións de podio ata os últimos km's onde as pernas xa non ían.


Tras dobrar a semana anterior quedei coas pernas esnaquizadas e ata o último momento non sabía se ía participar a seguinte semana. Finalmente decido asistir a XIV Carreira Popular Virxe da Guia e onde por primeira vez me perdo nunha carreira de asfalto por un erro nun cruce pero tras comezar a tirar forte dende aí, conseguín ser 2º da categoría e un novo podio para este ano.


Para rematar o mes, despraceime ata Vila de Cruces onde se celebraba a II Carreira Popular O Galo Corre, onde consigo un novo podio sendo 1º da categoría, aínda que a piques estiven de conseguilo na xeral xa que acabei sendo cuarto pero para o ano espero ter o desquite.

XUÑO (5 probas)

Primeiro estreeime nun trail que xa tiña ganas de facelo, o V Trail de Vilatuxe onde todos me dician que era moi duro e o tomei máis relaxado pero se para o ano participo, xa intentarei ir máis rápido.


A seguinte semana participei no I 15K Arousa Norte, unía as poboacións de Ribeira e Boiro sobre unha distancia pouco habitual pero que me gusta. Ademais concedín a miña primeira entrevista...


Logo veu unha Media Maratón considerada por moitos unha das mellores de España, a V Media Maratón "Os 21 do Camiño", este ano con moita calor pero fun capaz de mellorar o tempo que tiña nesta proba. Mágoa que me volveu a pasar o de ir en posicións de podio gran parte da carreira e no tramo final perder as opcións.


Para rematar o mes dobro carreira. Primeiro disputo a VI Nocturna Estradense onde conseguín un bo tempo quedando sorprendido do rápido que conseguín ir sen moito cansancio físico.


O día seguinte foi unha carreira especial xa que me pai tras acompañarme a case todas as carreiras que fixen metéuselle na cabeza que tamén ía correr e así foi como finalmente no I Dubra Trail participou e polo menos acabou pero sen moitas ganas de repetir (pensaba que era chegar e encher).

XULLO (5 probas)

Primeiro había que participar no Campionato Galego de 5K e a onde fun intentar mellorar a miña marca pero non chegaba moi ben. Finalmente conseguino e rebaixei o tempo 13 segundos para establecer a nova marca en 18:02 min.


A seguinte semana participei no I Medio Maratón "O Gran Camiño", onde fixen unha gran carreira e na que quedei 4º da categoría, por 38 segundos non conseguín chegar ao podio.


Logo tocou desprazarse ata Moraña onde ía participar en dúas probas, primeiro na V Carreira Carneiro ao Espeto, onde consigo mellorar o tempo que tiña na proba e como a semana pasada, quedarme a un posto do podio.


Tras descansar unha hora aprox. foi a quenda de correr a II Carreira por Parexas, onde fun co amigo Alberto e que conseguimos ser 2º absolutos pero só daban trofeo aos primeiros de cada categoría polo que tivemos que quedar coa satisfacción de ser 2º e pasar un bo rato correndo.


Antes do descanso de verán que boa falta me facía ía participar nunha última proba o I Trail NaturFest onde ía levar unha sorpresa xa que acabei sendo 3º da categoría, o meu primeiro podio no trail e iso que non era un trail fácil e tiña algunha zona na que non sabía nin por onde baixar.


Tras este meses de estar competindo seguido, conseguín unha marxe para poder seguir no primeiro posto do KM Pinarium e a volta do descanso intentar manter a posición.

AGOSTO (2 probas)

Volvo a última semana de Agosto como é habitual pero sorprendentemente xa non estaba primeiro no KM Pinarium e Manu Sobral estaba a encabezar a competición polo que decido participar en todo o que poida ata o último día de competición para intentar recuperar o posto, polo que xa comezo dobrando tras o descanso.

Primeiro participarei na X Carreira do Demo, unha proba a que fun ver como me sentara o descanso de verán e na que acabei sendo 2º da categoría e con un bo ritmo a pesar de non atoparme ben de todo.


O día seguinte tocou participar na primeira proba do Circuíto Arousa Norte, a IX Carreira Popular Concello da Pobra do Caramiñal onde consigo mellorar o tempo que tiña na proba pero que en canto a posición para o circuíto ía estar complicado xa que fun 7º e só hai premio aos tres primeiros absolutos.

SETEMBRO (7 probas)

Comecei o mes desprazándome ata Padrón onde se celebrou o I Trail Desafío Vértice, o trail máis duro e longo ao que me enfrontei, case 3 horas correndo monte arriba e monte abaixo pero contento de haber chegado enteiro.


A seguinte semana era a gran oportunidade de conseguir mellorar a marca en Media Maratón xa que se celebraba o Campionato Galego de Media Maratón, onde ata o km 15 ía para baixar de 1:19:00 pero unha mala pisada provocou un esforzo extra no xemelgo e tiven que facer sobre 6 km coxeando e intentando que non se escapara o tempo pero non houbo forma e acabei moi decepcionado porque sabía que era o día.


Despois tocou dobrar proba. Primeiro fun a primeira proba do Circuíto CorreSan, a Nocturna Cidade Vella, onde ía intentar chegar ao podio no circuíto. Consigo mellorar o tempo que tiña na proba pero en canto a posición ía estar complicado porque era o 9º da categoría.


O día seguinte fun ao XIII Cross de Verán de Broña, unha carreira na que me estreaba e que me encantou ademais conseguín ser 1º da categoría, seguramente volva a repetir nesta proba.


Tras dobrar a semana anterior o seguinte finde tamén ía dobrar aínda que tiña un día de descanso polo medio.

Primeiro fun a II Carreira Solidaria Festas de Lalín, onde cambiaron o percorrido pero non me atopei nada cómodo durante a proba e as sensacións tampouco acompañaron, aínda así, igualei o resultado do ano anterior.


Descansei un día e despraceime ata Boiro onde se celebraba o IV Trail Castelo de Vitres, todos me dixeran que este trail era bastante duro e si algunha das zonas era bastante técnica e complicada pero nada que non se esperase nun trail, ademais acompañounos a choiva e aínda o fixo un pouco máis complicado polo agarre pero máis entretido.


A seguinte semana era a última na que poder participar para sumar puntos no KM Pinarium polo que a dobrar novamente. Primeiro despraceime ata Ribeira onde se celebrou a segunda proba do Circuíto ArousaNorte, a XX Carreira Santa Uxía de Ribeira cun novo percorrido homologado e onde fun a intentar mellorar a marca nos 10K que era de 36:52 e que finalmente consigo baixar ata os 36:09 minutos. Quedoume pena dos últimos km's nos que notei falta de forza e non dar baixado dos 36:00 minutos por 9 segundos pero logo chegará.

OUTUBRO (4 probas)

Tras correr o día anterior, despraceime ata Barro para participar na II Carreira Solidaria Montes de Curro, última proba que entraba no KM Pinarium e primeira vez que facía, na que acado un gran resultado xa que finalizo 3º absoluto e 1º da categoría.


Finalmente tras meter todos os resultados na base de datos para o KM Pinarium nun fun capaz de recuperar o primeiro posto e tiven que conformarme con ser 2º a 9 puntos do primeiro, Manu Sobral.

A semana seguinte participo na segunda proba do CorreSan, a Ruta da Prata - Angrois onde consigo mellorar o tempo e ser 3º da categoría pero non hai podio porque só o hai para a xeral. Esta posición fixo que tivera opcións ao podio no circuíto. 


Logo veu o último intento a mellorar a marca na XXII Media Maratón de Pontevedra onde no 2015 fixen a marca que teño. O novo intento foi finalmente errado xa que volvín ter problemas de sobrecarga nas pernas e as sensación non foron nada boas.


Para rematar o mes fun ata Santiago de Compostela para participar na XL Carreira Pedestre na que unicamente fun a rodar xa que pasara toda a semana con gripe e molestias da Media Maratón. A pesar diso, apertei nos últimos km's e acabei bastante ben e con boas sensacións.

NOVEMBRO (5 probas)

Comezo Novembro participando na terceira proba do Circuíto Arousa Norte, a V Carreira Popular Concello de Rianxo onde a choiva e as sensacións non foron as esperadas e non puiden mellorar o tempo que tiña na proba nin quedar nun bo posto para a clasificación do circuíto.


Con dous días de descanso, volvo a dobrar proba xa que primeiro estaría na terceira proba do circuíto CorreSan, a Ruta dos Parques, con un novo percorrido máis rápido e aínda que conseguín un bo tempo, a posición non foi a esperada e de cara a clasificación final ía estar moi complicado.


O día seguinte participei no III Trail Senda do Picón que sería a despedida do monte por este ano, primeira vez que participaba neste trail e onde conseguín un bo resultado xa que fun 2º da categoría.


Tras a despedida do monte, tocou a XLI San Martiño de Ourense, onde sen moito adestramento por unha molestias conseguín un bo tempo e boas sensacións para o que resta de ano.


Para rematar o mes foi a quenda da Carreira Pinga-Pinga organizada polo equipo no que estou e na que participaba por primeira vez e puiden comprobar a dureza da que moitos falan. 


Ademais tiven que recoller o trofeo por ser 2º no KM Pinarium.

DECEMBRO (6 probas)

Comecei Decembro dobrando proba xa que o destino fixo que as últimas probas do Circuíto ArousaNorte e do CorreSan coincidisen. 
Primeiro foi a quenda para a VI CorreSan Ponte Mantible - Vite onde por primeira vez se me esquece o dorsal na casa e apiques estou de non correr pero finalmente arranxo o problema e podo correr, aínda que só puiden recortar un posto na clasificación final do circuíto e ser o 7º da categoría.


Ao día seguinte participei na última proba do circuíto ArousaNorte, a XIII Mar de Boiro onde conseguín mellorar o tempo que tiña nesta proba pero que non me serviu para gañar postos na clasificación final na que acabei sendo o 6º absoluto.


A seguinte semana participei na XVIII Carreira de Pontecesures que modificou o seu percorrido e puiden igualar o resultado da última vez que correra aí sendo 2º da categoría.


Despois tocou participar na VI Sin-Son 10K onde se modificou un pouco o traxecto e conseguín mellorar o tempo que tiña nesta proba e acabar por debaixo dos 36 minutos, mágoa que non estivese homologada porque sería a miña mellor marca.


A seguinte semana sería a última que fixen a competir. Participei na IV Romaría Vikinga 10K onde a pesar de mellorar o tempo que tiña nesta proba non puiden igualar o resultado do ano pasado onde fun 3º da categoría.


Para rematar o ano había que despedilo dunha maneira diferente polo que na V San Silvestre Compostelana tocou poñerse o disfrace, ir correr cos amigos e pasalo ben sen mirar o reloxo.

PALMARÉS

Gran ano este onde acabei facendo 57 carreiras que suman 656 Km e nas que conseguín moitos logros a pesar de quedarme cunha espiña cravada:
  • Un 2º absoluto por parellas con Alberto.
  • Un 3º absoluto.
  • Tres 1º da categoría.
  • Cinco 2º da categoría.
  • Un 3º da categoría
  • Dous 2º por equipos.
  • 2º Clasificado no KM Pinarium.
  • MMP en 5K: 18:02 min.
  • MMP en 10K: 36:09 min.
Quedoume a espiña cravada de non ser capaz de mellorar a marca en Media Maratón pero para o 2018 ten que caer si ou si.