Biografía

Miguel Iglesias Amores

Inicios

Nacido no 1991, comecei no mundo do deporte como practicamente todos os rapaces por aquela época, no mundo do fútbol, concretamente nas categorías base da Sociedade Deportiva Bandeira.


Aínda que por aquel entón non sempre nos dábamos xuntado para formar un equipo e houbo tempadas que tocou estar na casa.


Recordo que cando estaba no colexio da Bandeira fixeran unha probas para ir a correr a Lalín unha especie de campionato escolar ou algo así, non me lembro ben. Pois nesas probas para seleccionar o equipo que levaría o colexio, fun o primeiro ou segundo, polo que non se me daba mal. O malo foi o día da carreira, cos nervios da primeira carreira e que non sabía moi ben como ía o tema, acabei mal e con flato. Pero esa foi a miña primeira incursión no atletismo.

No momento que houbo que dar o salto ao equipo sénior, decidín deixar o fútbol. Tampouco é que fose un fenómeno xogando...

No 2013 empecei a correr, necesitaba facer algo e como non hai nada máis simple que poñerse unhas zapas e botarse a correr pois alí fun eu. Estábame gustando isto de correr e aínda que cando comecei aguantaba moi pouco correndo e ía afogado seguido. Pouco a pouco ía correndo mellor e aguantando máis. Xa comezaba a mirar os tempos que facía e a poñerme obxectivos nos adestramentos. Así foron pasando os meses e en Setembro decidín anotarme a primeira proba porque me notaba preparado. 
Dende ese momento quedei enganchado e practicamente cada fin de semana ando percorrendo sobre todo Galicia buscando carreiras e intentando mellorar os meus rexistros.