XXXVII Carreira Popular de Leiro

Despois do sufrimento da última proba (Campionato Galego de Trail), houbo que poñerse a adestrar un pouco máis en serio para poder ir collendo forma e o ritmo perdido. Despraceime ata o Concello de Leiro onde se celebraba a XXXVII Carreira Popular de Leiro sobre un percorrido de 8,3 Km aprox. practicamente planos polo que era unha boa opción para recuperar as boas sensacións e ver o estado físico no que me atopaba.

O obxectivo sería:

  • Intentar facer a carreira con un ritmo inferior a 3:45 min/km.
Cheguei a Leiro con tempo xa que así podo aparcar máis comodamente e sempre hai marxe ante calquera imprevisto. Mentres fun recoller o dorsal ía saudando aos compañeiros das carreiras que por alí estaban e regresei ao coche para cambiarme mentres esperaba polo amigo que tamén ía disputar a proba. 

Xa con todo listo puxémonos a quecer xa que eu tiña que saír 2:40 min. despois dos primeiros corredores mentres que o meu amigo practicamente era dos últimos en saír e tiña máis tempo para poder quecer. Achegueime a zona habilitada para o quecemento mentres esperaba a que fose chamada a miña quenda. Cando din o meu nome entro na zona da saída pero desorientado xa que era o único que estaba para saír. Nese momento entra outro corredor que me pregunta pola quenda nº8, sendo eu da nº9. Eu non entendía nada e pensaba que a miña quenda mais a do outro corredor xa saíran e que entrei tarde a zona de saída. A persoa que estaba dando a orde saída mándanos saír e comecei a proba pensando que saíra tarde. (Comprobando o vídeo da carreira (minuto 38:45) puiden ver que eu saín na hora que me correspondía pero fun o único da miña quenda xa que o outro corredor era da quenda 8 e algúns da miña quenda saíron na quenda anterior).


Arranquei pensando que saíra mal e que tiña que recuperar o terreo perdido (cando non era así xa que ao levar o chip íame contar o tempo de carreira igual). Isto fixo que comezara forte e pronto empecei a gañar algún posto. Estaba rodando a ritmos de 3:30 min/km así é como o primeiro km me sae de media a 3:34 min/km. A partir de aí fun buscando un ritmo un pouco máis tranquilo porque senón era moi probable que rebentase na metade da proba. 

Ata cruzar o Rio Avia preto do km 3 practicamente eran todo pista de terra e empedrado só había un pequeno tramo de asfalto. Eu seguía marcando uns bos ritmos algo que me estaba sorprendendo porque adestrando non conseguía ir rápido e cómodo pero estábame sentindo ben e con ganas de seguir apertando xa que seguía gañando postos e sen perder ningún.


Xa por asfalto os ritmo xa se achegaban máis ao ritmo obxectivo algo que ía comprobando cada pouco para ver se ía ben. Sobre o km 4 alcánzanme corredores aos que intento seguirlles o ritmo e parecía que podía polo menos durante un tempo xa que no km 5 a altura do avituallamento comezo a quedarme un pouco máis atrasado e xa comecei a notar o cansancio do esforzo que estaba facendo.


A partir do km 5 comezabamos a dar unha volta polo centro de Leiro onde xa había máis público animando, como botaba de menos esa sensación, sobre todo onde estaba o pulpeiro km 6,8, uns metros máis adiante tiñan colocada unha pantalla onde podías seguir a carreira e xa puiden ver como algún corredor xa estaba chegando a meta.

Foto: Maribel

Chegamos ao segundo dos avituallamentos entorno ao km 7,5 e uns metros mais adiantes deixamos a zona de asfalto para ir polo paseo do Rio Avia, xa rumbo a meta onde antes temos que pasar por unha ponte de pedra mirando ben onde se pisaba para encarar a liña de meta facendo un último esforzo.


O resultado final foi:

  • Posto xeral: 25º de 215.
  • Posto categoría: 7º
  • Tempo: 31:03 min.
  • Ritmo: 3:43 min/km.

O obxectivo conseguido. Conseguín facer a proba por debaixo de 3:45 min/km e iso que pensaba que a proba ía ser mais chan do que en realidade foi polo que moi satisfeito co rendemento obtido. Quitando o "problema" que houbo na saída co tema das quendas, a carreira foi perfecta. Dous avituallamentos intermedios e un final moi completo. Protocolo COVID poñendo xel cada vez que entrabas na zona dos corredores. Os cruces perfectamente marcados, era imposible que te perdeses. Eu non lle atopei ningún erro a esta proba. Para finalizar, a falta de vestiarios e duchas polo tema do covid, houbo que darse un lavabo rápido no rio mantendo distancias e como novo.

En canto ao meu amigo ía coa idea de facer a proba entre 4:45 e 4:50 min/km. Eu calculeille que a podía facer ben a 4:30 min/km xa que unha vez estás en carreira sempre vas máis rápido do que pensabas e ao saír das últimas quendas, ía ir gañando postos practicamente durante toda a proba o que provoca que non se perda motivación e sigas tirando. Finalmente rematou con un tempo de 37:20 min que supoñía un ritmo de 4:29 min/km. 


🏆 Clasificación xeral homes 🏆

  1. José Canda Louzao ... 26:17
  2. Carlos Porto Pazos ... 26:27
  3. Simón González Rio ... 26:31
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆

  1. Edymar Brea Abreu ... 28:52
  2. Luisa González Somoza ... 31:26
  3. Begoña Domínguez Montes ... 32:05

PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Capturas do video oficial e Maribel. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments