XVII Carreira Nocturna Concello de Vilagarcía

Aquí seguimos, participando nas poucas carreiras que se van facendo. Desta vez tocou debutar na XVII Carreira Nocturna Concello de Vilagarcía sobre unha distancia de 10K e un percorrido completamente chan ao que que teríamos que dar 3 voltas.

O obxectivo sería:

  • Intentar facer a proba nun tempo aprox. de 37 min. aínda que será complicado xa que non estou adestrando todo o que me gustaría.
Cheguei a Vilagarcía con moito tempo de marxe xa que así dábame tempo a tomar o té que tomo antes de competir. Menos mal que fun con tempo porque onde tiña pensado aparcar estaba bastante cheo aínda que tiven sorte porque cando cheguei, atopei un sitio que estaba deixando outro vehículo.

Cando faltaban uns 30 min. acabei de cambiarme e púxenme a quecer facendo un pouco de recoñecemento do percorrido. Tras o quecemento fomos chamados a entrar na zona onde só podían entrar os corredores e nos explicaron como ía ser o procedemento de saída. Algo lento xa que cando me tocou saír xa estaba frío...

A saída era de 9 en 9 corredores cada 20 seg. e tiñamos que manter a distancia e formación durante os primeiros 50 metros. Polo que unha vez pasados eses metros xa podíamos adiantar e marcar o ritmo propio.

Arranquei bastante ben intentando volver a entrar en calor porque ata o km 2 aprox. non me comecei a notar ben xa que ía notando os xemelgo forzados. Pronto comezo a gañar postos, en principio todos os corredores que ían por diante miña tiñan un tempo maior ao meu pero os que saían despois ca min eran máis rápidos e algún pasoume que nin tempo me deu de mirar que zapas levaba... Remato a primeira das voltas facendo un tempo de 12:00 min. que supoñía un ritmo de 3:36 min/km sorprendido co rendemento pero había que seguir tirando.

Durante a segunda volta seguín na mesta tónica, gañando postos e forzando o corpo. A verdade é que me estaba sentindo moi cómodo correndo e a un ritmo bastante rápido. Aínda así esta segunda volta fun un pouco máis lento facendo 14 segundos máis que na primeira volta.

Na terceira volta paguei a falta de adestramento e comecei a notar esa sensación de querer ir máis rápido e non ser capaz. Ata que a falta de 1km aprox. me adianta un corredor e intentando seguilo sendo capaz e así cheguei a meta, facendo 19 segundo máis lento ca segunda volta.

O resultado final foi:
  • Posto xeral: 22º de 162.
  • Posto categoría: 6º
  • Tempo: 36:33 min.
  • Ritmo: 3:39 min/km.
Obxectivo cumprido. Fixen a proba por debaixo dos 37 min. algo co que non contaba xa que pensaba que ía facer entre 37 e 38 min. e finalmente moito mellor do esperado quedándome a 43 segundos do meu mellor rexistro na distancia. A proba era completamente chan o único inconveniente son un par de xiros de 90º que queiras ou non sempre che rompe un pouco o ritmo. O avituallamento final completo e intermedio en cada volta con auga.


🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Gustavo Santiago Fernández ... 32:06
  2. Jordi Carrasco Nuñez ... 33:29
  3. Jacobo Crego Fernández ... 33:36
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Martina López Gestal ... 43:36
  2. Ángeles Iglesias Santiago ... 44:07
  3. Marisé Astorga Somoza ... 44:42

Tamén che pode gustar:

0 comments