XII Carreira Popular Concello da Pobra do Caramiñal

Parece que o calendario de carreiras populares empeza a coller forza e a haber máis probas. Tocou desprazarse ata A Pobra para participar na XII Carreira Popular Concello de A Pobra do Caramiñal. O percorrido sufría modificacións dende a última vez que participara no 2018 xa que pasaba de 3 a dúas voltas e completando unha distancia de 8Km. Percorrido que sería completamente chan polo que en principio idóneo para ir rápido.

O obxectivo sería:

  • Seguir co bo ritmo e as boas sensacións que estou acadando nas últimas probas. 
Cheguei cedo para, coma sempre, poder aparcar máis comodamente. Fun recoller o dorsal e xa había bastante cola para recollelo, tranquilamente botei 20 min. esperando... Tras recollelo tiven que esperar outro tanto esperando polo amigo que tamén ía participar. Xa ambos co dorsal fomos acabar de cambiarnos e xa nos puxemos a quecer un pouco, Mentres estaba quecendo comecei a notar as pernas cansas pero esperaba que despois en carreira xa me pasara. 
Antes de darse a saída imos ata uns baños portátiles que había ao longo da Praia do Areal. Cando regresamos cara a saída xa vemos que algúns dos participantes xa estaban correndo e tivemos que apurar para chegar a cámara de chamadas. A verdade é que aquelo era un pouco descontrol e poucas medidas había xa que estabamos todos amontoados esperando para pasar por cámara de chamadas onde tiñamos que entregar o papel de responsabilidade e mirarnos a temperatura. Chegamos xusto porque nada máis presentarnos xa fomos para dentro e a colocarnos na saída. Quedei posicionado na parte dianteira do grupo, e tras o pitido do xuíz comecei a proba.

Foto: A Pobra Deportes

Arranquei ben intentado manterme no grupo que saía comigo pero tras uns metros miro o reloxo e íamos a ritmos de 3:05 min/km polo que véxome obrigado a frearme un pouco porque de seguir así (que non sei canto ía aguantar) seguramente a segundas das voltas a tivera que facer andando... Van pasando os km's e as sensacións eran boas. Estaba marcando bos ritmos e ía adiantando a outros corredores aínda que non era moi significativo xa que as probas seguen sendo en modo contra reloxo e non sabes en que posición estás.

Así fun durante a primeira volta xa correndo ao meu ritmo entorno a 3:40 min/km, xusto antes de completar a primeira volta tiven un "contratempo" con un dos motoristas xa que ía xusto polo medio e non había por onde pasarlle polo que tiven que frearme un pouco. Así completo a primeira volta nun tempo de 13:38 min o que equivale a un ritmo aprox. de 3:38 min/km xa que a distancia faltábanlle un 300m. para chegar aos 4Km anunciados.

Foto: RunPhotos Galicia

A segunda volta foi de supervivencia aínda que me notaba con ganas de seguir tirando e marcar un ritmo forte, cada vez que miraba o reloxo ía máis amodo. Tiña a sensación de que me faltaba o aire supoño que producido pola gran humidade que había e a calor que facía xa que a pesar de estar medio anubrado facía bochorno como de cando se aproxima tormenta. Claramente non eran as mellores condición para correr pero eran así para todos. Fun completando os km's como puiden e os ritmos xa estaban mais preto dos 3:50 min/km. Así remato a segunda das voltas nun tempo de 14:16 min que supoñía un ritmo de 3:50 min/km.

Foto: A Pobra Deportes

O resultado final foi:
  • Posto xeral: 79º de 459.
  • Posto categoría: 24º.
  • Tempo: 27:53
  • Ritmo: 3:44 min/km
O obxectivo non foi cumprido xa que non me notei nada cómodo e os ritmos non acabaron de saír. Imaxino que a climatoloxía tivo moito que ver pero hai que seguir adestrando para que os resultados e obxectivos se acaben conseguindo.

En canto a proba, completamente chan e varios xiros nos que perdes un pouco o ritmo. A organización un pouco peor do que recordaba polo tema de entrega de dorsais, o caos formado para pasar por cámara de chamadas e os motoristas dando voltas que non sei moi ben para que estaban. Avituallamento completo: auga, froita, barritas e camiseta de recordo.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Alejandro Fernández Rivera ... 21:41
  2. Paulo Barbosa ... 22:20
  3. Manuel Hurtado Sanjurjo ... 22:26
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Laura Santos Dominguez ... 26:11
  2. Tina Fernández Barreiros ... 27:22
  3. Beatriz Barroso Pérez ... 29:50
Pd: Clasificación completa. Fotos cortesía de: A Pobra Deportes e RunPhotos Galicia. Moitas grazas.

Tamén che pode gustar:

0 comments