X Carreira Popular Concello da Pobra do Caramiñal

Despois do descanso de verán, volvo a competición aínda que con falta de adestramento xa que non puiden adestrar todo o que me gustaría para poder chegar mellor preparado. Tocou desprazarse ata A Pobra do Caramiñal onde se ía disputar a X Carreira Popular Concello da Pobra do Caramiñal sobre unha distancia de 7,2 Km dando dúas voltas ao percorrido. Esta proba tamén é a primeira do Circuíto de Carreiras Arousa Norte ao cal este ano, igual que os anteriores, tamén estou anotado.

Os obxectivos serían:
  • Quedar o máis adiante posible para puntuar ben na clasificación do circuíto de cara as próximas probas xa que nesta chego algo xusto de adestramento.
  • Intentar mellorar o tempo que teño nesta proba que é de 25:58 acadado o ano pasado.
Unha vez cheguei a A Pobra do Caramiñal fun recoller o dorsal e o obsequio que daban aos que estaban inscritos ao circuíto que neste caso era unha mochila simple pero bastante práctica. Como aínda faltaba tempo para poñerme a quecer, fun ver as carreiras das categorías inferiores mentres saudaba a compañeiros de carreiras.

Chegado o momento póñome a quecer cun compañeiro e veciño. Un pouco de trote para entrar en calor e logo eu fago uns cambios de ritmo para acabar de preparar os músculos. Vou cara a saída xa que non faltaba nada para que dera comezo. Antes de saír houbo corte de cinta por parte do alcalde, Matías Regueira Boo e Antonio Mariño Santamaría. Unha vez rematado o corte xa estaba todo listo para que dera comezo a proba. Estaba colocado bastante ben posiblemente máis adiante do que tiña pensado estar dada as condicións nas que chegaba a carreira. Tras o pistoletazo deu inicio a proba.

Foto: A Pobra Deportes
Arranquei bastante ben sen perder moitos postos e quedándome no grupo de cabeza das mulleres, onde ía a un ritmo cómodo así fun aguantando ata o primeiro Km onde decido comezar a marcar o meu ritmo. Ese primeiro km saíume a 3:37 min/km nada mal xa que pensei que ir estar moito peor.

Comecei a marcar o meu ritmo e pouco a pouco a gañar postos, as sensacións eran moi boas a pesar da calor que estaba facendo e estábame sorprendendo como despois do descanso de verán podía seguir estando a un nivel bastante bo xa que durante toda a primeira volta os ritmos ían entre os 3:30 min/km e os 3:40 min/km.

Foto: A Pobra Deportes
Durante a segunda volta a pesar de que seguía con boas sensacións as pernas xa comezaron a protestar e a notarse esa falta de adestramento xa que eu quería tirar un pouco máis para seguir gañando postos pero xa non había máis ritmo. Cando faltaba un Km para meta boto un vistazo cara atrás e só viña a primeira das mulleres, por adiante tiña ao alcance a outro corredor o cal intento apertar un pouco para ver se podía lanzar un sprint encarando a meta pero a pesar de que consigo poñer detrás súa non había máis forza nas pernas e teño que desistir o intento de adiantar e conformarme coa posición.


O resultado final foi:
  • Posición xeral: 29º de 232.
  • Posición categoría: 10º
  • Tempo: 26:05 min.
  • Ritmo: 3:37 min/km.
Os obxectivos non os conseguín superar xa que me quedei a 7 segundos do mellor tempo que teño nesta proba e encanto a posición cara o circuíto, vou ter que pelexar moito para intentar conseguir algo. Ademais o corredor que quedou diante miña tamén está no circuíto e na miña categoría que se o chego a saber pelexaba ata cruzar a meta. Quitando os obxectivos, quedei moi contento co rendemento que conseguín xa que pensei que ía facer sobre un ou dous minutos máis sabendo que non adestrei case nada en agosto e que a última semana estiven mal da garganta creo que non me podo queixar de nada.


En canto a proba seguimos co percorrido dos últimos anos onde temos que dar dúas voltas ao percorrido e despois facer uns 700 metros ata meta. A organización estivo moi ben o único que creo que se podía mellorar sería que en días nos que o calor aperta como foi nesta edición, un avituallamento intermedio agradecíase moito.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Alejandro Fernández Rivera ... 22:38
  2. Lolo Penas Blanco ....................... 22:39
  3. Uxio Abuín Ares .......................... 22:42
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Mª Yolanda Gutiérrez Robles ... 26:18
  2. Mª Jesús Gestido Rodríguez .... 26:24
  3. Deirdre Mc Dermot .................... 26:48
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de: A Pobra Deportes. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments