Campionato Galego de 5K en ruta 2018 (Vimianzo)

Tocou disputar o último campionato desta tempada, neste caso o Campionato Galego de 5K en ruta que este ano tivo a súa sede en Vimianzo e que como dato coincidiu coa miña carreira número 200 e xusto unha semana antes de facer 5 anos de competición.

O obxectivo sería:
  • Intentar mellorar a miña marca na distancia que é de 18:02 min. acadada en Curtis 2017.
Cheguei a Vimianzo co tempo perfecto para ir recoller o dorsal, onde tiven que facer cola para recollelo, volver ata o coche para acabar de cambiarme, pasar por cámara de chamadas e poñerme a quecer uns 10 min. antes de colocarme na saída.
As sensacións non eran moi boas, imaxino que polos nervios de pre-competición e de intentar facer marca nesta distancia xa que non hai moitos intentos que se poidan facer ao longo do ano ou polo menos eu non coñezo moitas probas en Galicia coa distancia de 5 Km homologados. 

Coloqueime na saída algo máis atrasado do que debería e iso sóubeno porque cando deu comezo a proba, practicamente saín "andando" ata cruzar a liña de saída onde con moita precaución de non tropezar puiden comezar a correr. Así fun os primeiros 100 metros ata que damos a primeira curva e comecei a marcar o meu ritmo.

Foto: Concello de Vimianzo
Dábame a sensación de ir despacio e non conseguía gañar tantos postos como fago en outras probas, mirei o reloxo para ver a que ritmo estabamos rodando e sorprendente a 3:30 min/km, entón foi cando me din de conta que todos saímos bastante rápido. Nese momento decidín intentar manter ese ritmo e non forzar máis para poder ter forzas durante os 5Km xa que a ese ritmo sería suficiente para facer marca persoal.

Vou aguantando o ritmo entre 3:30 e 3:35 min/km e pouco a pouco gañando postos. O terreo aínda que non era todo o llano que se podía esperar xa que era un sube e baixa constante pero sen que se notase moito a simple vista a priori non repercutía moito no meu ritmo.

A altura do Km 2,3 tiñan un camión de bombeiros botando auga para refrescarnos algo que agradecín moito porque a calor xa estaba apertando. Volveríamos a pasar pola auga 400 metros despois xa que facíamos un cambio de sentido para volver pola mesma zona. O único que non me gustou moito da auga foi que a mangueira botaba unha gran cantidade de auga e había que pasar cos ollos pechados e era algo molesto.

Deixando os bombeiros atrás, continuamos o sube e baixa constante mentres seguía gañando postos. As sensacións cada vez eran mellores e cada pouco tempo miraba o reloxo para que o ritmo se mantivese no obxectivo. Todo ía ben ata o Km 3,5 / 4 onde comecei a ter unha dor como se me fora dar flato. Non lle fago moito caso e intento seguir tirando como o estaba facendo.

Foto: Tere (Running Oleiros)
Así o último km fun sufrindo cun leve dor pero aguantando o ritmo xa que a meta estaba preto e o obxectivo de conseguir mellorar a miña marca tamén. Encaramos a recta de meta onde comezo un sprint con outro corredor pero que tiña máis gardado ca min e non son quen de aguantarlle o ritmo final. A pesar diso eu sigo dando todo o que me quedaba durante toda a recta de meta xa que cada segundo contaba para conseguir mellorar e así cruzo a meta sen alento e levándome máis do normal recuperar a respiración.

Foto: Concello de Vimianzo
O resultado final foi:
  • Posto xeral: 36º de 220.
  • Posto categoría: 10º.
  • Tempo: 17:48 min.
  • Ritmo: 3:34 min/km.
O obxectivo cumprido, conseguín mellorar a miña marca nos 5K en 14 segundos. Aínda que quedei moi contento ao conseguir mellorar o tempo sei que o podía facer mellor e recortarlle algún segundo máis. As sensacións ao comezo non foron moi boas, penalicei un pouco na saída e o último Km con leve dor no costado impediume dar o máximo. Agora a seguir adestrando para que no próximo intento vaia todo mellor e lle poida recortar algún segundo máis.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Alejo Ares Prada .................. 15:06
  2. Jorge Puig Malvar ............... 15:25
  3. Miguel Penedo Taboada ... 15:35
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Paula Mayobre González ... 16:48
  2. Rocio Alvite Ferreiro ........... 18:33
  3. Laura Santos Domínguez .... 19:27
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Concello de Vimianzo e Tere (Running Oleiros). Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments