Campionato Galego de 10K en ruta 2018 (Marín)

Última proba antes do "descanso" de verán xa que non todo vai ser correr. Non podería ser de mellor maneira que correndo na casa do equipo no que estou xa que se celebraba a +10 Marín - Manuel Rosales e este ano tamén era a sede do Campionato Galego de 10Km en ruta. O horario era un pouco estraño porque que eu recordase nunca fixera un Campionato Galego as 22:00 h polo cal a carreira sería nocturna.

O obxectivo sería:
  • Intentar mellorar a miña marca persoal na distancia que é de 36:09 min. conseguidos en Ribeira 2017.
Cheguei moi pronto a Marín para intentar aparcar sen problemas e así foi, xusto ao carón da saída. Tras aparcar fun recoller o dorsal e como quedaba moito tempo para cambiarme, fun tomar o típico té negro pre-carreira a un dos bares que estaba preto da meta. Despois de ver algunha das probas de categorías inferiores e de saudar a gran cantidade de compañeiros que hoxe estaban alí, funme cambiar.

Despois de cambiarme, estiven pola zona de saída a ver se atopaba a cámara de chamadas para o Campionato e logo poñerme a quecer. Como non o atopaba púxenme a quentar cando vin que a cámara de chamadas estaba dentro da pista de fútbol de 3x3, polo que fun para certificar a miña presencia e seguir quentando pero non puido ser, había un xuíz que estaba dicindo que unha vez pasaramos pola cámara de chamadas non se podía saír do recinto polo que xa non podía quentar como fago sempre.
Cando estaba alí encerrado vía como os populares e algún do campionato estaba quentando fora mentres eu pensaba que a ver se nos deixaban saír pronto para quentar un pouco pero non foi así xa que de repente, vin como os da carreira popular comezan a colocarse na saída e nos seguimos alí encerrados, non entendía nada. Faltaban 5 min. para a saída, déixannos saír e temos que entrar por onde se podía, polo que creo que é a primeira vez que salto unha das vallas que delimitan o percorrido para poder estar nunha posición "aceptable" e non ter que ir para atrás de todo.
Sinceramente seguía sen comprender o que sucedera e de que non houbese ningún tipo de control para a saída. Creo que sendo Campionato Galego os que ía a participar nel deberían ter preferencia e non o revés. O mesmo estaban dicindo os corredores que estaban ao meu carón xa que non entendían nada. (Seguirei coa crítica ao final)*.

Xa colocado para a saída nunha posición que non me gustaba moito xa que estaba algo máis atrasado do que debería e tras esperar a que foran chamando aos que mellor marca tiñan un por un e coa banda sonora do Equipo A, deuse a saída, onde por ir con precaución fun perdendo postos e adiantando a xente que como era normal non debería estar tan adiante.

Foto: Diego Torrado (Pontevedra Viva)
Tras 150 metros intentado gañar postos e evitar posibles tropezos, entramos na Escola Naval Militar onde comecei realmente a recuperar moitos postos pero forzando máis do que debería. Fun collendo todas curvas polo exterior xa que era onde menos corredores había e así poder avanzar mellor durante esta volta pola Escola Naval duns 1,7 Km's onde tiñamos moitos xiros, unha zona de adoquines (que non me gustan nada) e terra. As sensacións non eran moi boas por non quentar xa que notaba como se me ían cargando os xemelgos.

Foto: Diego Torrado (Pontevedra Viva)
Tardei sobre 2 Km en estar nunha posición máis acorde co meu ritmo de carreira e as sensacións ían mellorando, xa comezaba a entrar en calor. Comecei a marcar un ritmo forte e de momento estaba correndo por debaixo do ritmo obxectivo menos no primeiro Km onde me fun a 3:40 min/km os seguintes xa foron moi rápidos 3:21 / 3:27 min/km ata que pouco a pouco me foi custando máis alcanzar corredores e comecei a "regular" un pouco para ir ao ritmo obxectivo de 3:35 min/km.

Os Km's ían pasando e parecía que todo estaba de cara para conseguir a marca xa que pasei polo Km 5 (segundo o reloxo) nun tempo de 17:48 min. que supoñía un ritmo de 3:34 min/km e ir por debaixo da marca que teño nos 5 Km só quedaba aguantar ese ritmo e estaba feito.

Foto: RunPhotos Galicia
Os problemas viñeron a partir do km 7,5 aprox. comecei a notar unha falta de forzas excesiva quizais penalizado pola remontada do comezo de carreira. No xiro de cambio de sentido para volver cara Marín notei algo que solo me pasara nos trails, xa que son probas onde hai que ter máis forzas, xusto no xiro cando intentei volver arrancar para seguir co ritmo que estaba levando notei os cuadríceps como pedras e sen forza para traccionar, só foi no momento de volver a coller o ritmo pero xa me din de conta que as pernas estaban chegando ao límite e aínda quedaban 2 km para meta.

Eses 2 últimos Km's fixéronseme eternos e o ritmo estábase escapando, xa non tiña forza para seguir co ritmo que ata ese momento estaba levando, a parte que dende o km 8 comezara a perder postos e xa non era quen de aguantarlles. Restaban uns 200 metros, mirei o reloxo, vin que o obxectivo do tempo xa non o daba conseguido e decidín non sprintar, non valía a pena intentar gañar un posto e a pesar de non conseguir o obxectivo crucei a meta satisfeito e moi canso.

Foto: Video Concello de Marín
O resultado final foi:
  • Posición xeral: 95º de 707.
  • Posición categoría campionato: 25º
  • Posición categoría popular: 11º
  • Tempo: 36:47 min.
  • Ritmo: 3:41 min/km
O obxectivo non o conseguín pero quedei contento co ritmo que fun marcando na carreira, ademais segundo o reloxo conseguín o obxectivo xa que no paso polo km 10 marcoume un tempo de 35:55 min. e tras a "mala" saída pola posición que non era a miña podía recortar uns 15/20 segundos polo que non acabei decepcionado co rendemento senón que con ganas de que chegue un novo intento para poder mellorar o meu tempo nos 10Km que previsiblemente será a finais de Setembro en Ribeira onde conseguín o ano pasado a marca.

En canto a carreira, o percorrido ten dos cambios de sentido, un deles faise tres veces e o outro dúas veces xa que hai que dar dúas voltas, máis o tramo da Escola Naval que foi o que menos me gustou polos adoquines e a zona de terra que para un Campionato Galego onde a maioría dos corredores intentan mellorar as súas marcas creo que non é o mellor escenario. Avituallamento intermedio con auga e final bastante completo. Moito público animando sobre todo na zona de saída e meta e con animación durante o percorrido.

*Continúo coa crítica, a verdade é que non sei quen puido ser o responsable no tema da saída pero creo que sendo Campionato Galego a Federación ou a organización da proba, debería colocar uns caixóns por tempo para poder saír máis ordenadamente xa que se nos teñen encerrados e apartados dos que só corrían a popular ata o último momento, ao final os federados non temos onde colocarnos e temos que entrar saltando as vallas para poder estar nun sitio dacordo aos nosos ritmos de carreira. 
Cando acabei a proba e nos días seguintes estiven dándolle voltas as vantaxes que ten que estar federado porque a verdade eu corro porque me gusta superarme, intentar mellorar os meus tempos vendo como pouco a pouco vou máis rápido e sobre todo, desfrutar de cada proba e iso podo facelo sen pagar para estar federado. Creo que é a primeira vez que teño que facer unha crítica negativa pero non me pareceu razoable o que pasou na saída e lendo comentarios nos días seguintes non fun o único que pensa o mesmo.
Espero que esta crítica se tome de forma construtiva e que nos vindeiros campionatos non se comentan este tipo de erros. Polo que estiven lendo no regulamento para o Campionato Galego de 5K en ruta que se celebrará en Vimianzo o primeiro fin de semana de Setembro, xa se van establecer caixóns para a saída polo que supoño que o que pasou en Marín foi un erro puntual.

🏆 Clasificación xeral do campionato homes 🏆
  1. Pedro Nimo del Oro ........... 30:58
  2. Esteban Iglesias Vila ........... 31:44
  3. Jose M. Vieito Vilacoba ..... 31:44
🏆 Clasificación xeral do campionato mulleres 🏆
  1. Paula Mayobre González ......... 33:19
  2. Tina Fernández Barreiros ........ 38:11
  3. Mª Esther Pedrosa Carrete ..... 38:42

Tamén che pode gustar:

0 comments