II Cronoescalada Pedra da Rá
- decembro 08, 2021
- Por: IglesiasAmores
- 0 Comentarios
Como era habitual nos días festivos antes do Covid, sempre había algunha proba e xa parece que se vai recuperando iso. Tocou desprazarse ata Ribeira, concretamente ata Carreira onde se ía celebrar a II Cronoescalada Pedra da Rá, sobre un percorrido de 7,2Km por sendeiros e algo de asfalto ata chegar ao Miradoiro Pedra da Rá.
Sen obxectivos claros xa que é a primeira vez que participo nesta proba e non sei ben o que me vou atopar, ademais estreo as novas zapas de trail polo que vai ser máis unha adaptación as zapas e a ver como responden.
Chego pronto os arredores da Capela da Guía onde estaba situada a saída e onde se recollía o dorsal e o detalle que regalaban que non era unha camiseta máis senón que unha xoaniña pintada nunha pedra e pegada a un circulo de madeira. Detalle orixinal e non a camiseta de sempre que dentro de pouco xa non me van coller máis na casa...
Tras recoller o dorsal volvín para o coche porque estaba o día moi frío e con ameaza de choiva polo que preferín esperar ao quente. Chegado o momento cambieime e xa me poño a quecer para que non me collera o frío.
Fomos chamados de 5 en 5 se non me lembro mal e con diferencia entre grupos de 30 seg. Chegada a miña quenda, coloqueime adiante para saír ben e tras pasar eses 30 seg. respecto ao anterior grupo deu comezo a proba. Arranquei forte e pronto me coloquei no primeiro posto do grupo que pouco me ía durar xa que un dos corredores que saía no grupo comezou a marcar o seu ritmo e aínda que intento seguilo pouco a pouco o vou perdendo de vista.
Foto: Arousa Neo |
Os primeiros 400m foron por asfalto, logo metémonos por un camiño de herba onde había que mirar onde se pisaba xa que a herba estaba alta e non sabías o que ía haber abaixo. Traspasado ese tramo Km 0,8 unha recta duns 200m novamente de asfalto que nos levaría a un sendeiro de terra onde estiven apiques de esvarar (aínda non confío nas zapas...). Tras ese tramo de terra chegamos a un muiño onde me tiven que parar porque non sabía que dirección tomar, por sorte acertei e uns metros máis adiante xa vexo unha cinta polo que, camiño correcto. Xa estaba gañando postos aínda que ía controlando un pouco o ritmo esperando a subida do final.
Polo Km 2,6 pasamos por unha edificacións que non tiña nin idea de que eran nin que facían alí ata que, mentres escribía a crónica, busquei información e vin que eran parte do Parque Natural de Corrubedo. Tendrei que visitar esa zona porque non a coñecía e tiña boa pinta para facer un pouco de turismo.
Seguimos avanzando e chegamos ao Km 4 agora empezaba o bo da proba, a subir e subir. Seguíamos por camiños de terra e de momento ía subindo ben sen apertar moito pero sen determe. Seguín gañando postos de corredores que se botaron a andar. Tamén perdín un posto a favor do vencedor da proba. Así fun todo o tempo sorprendido porque polo normal cando veñen as pendentes en trail sempre se bota un a andar e estaba subindo todo correndo. Foron pasando os km´s con pendentes unhas máis duras que outras todo o tempo por terra ata o Km 6,9 onde afrontamos a última subida por asfalto que nos levaría xa ata o miradoiro da Pedra da Rá, onde chego satisfeito por facer toda a proba correndo.
Foto: Arousa Neo |
O resultado final foi:
- Posto xeral: 15º de 41.
- Posto categoría: 15º.
- Tempo: 33:20 min.
- Ritmo: 4:35 min/km
Carreira que se me fixo menos dura do que pensaba e me estaban dicindo. Conseguín facela toda correndo e iso que nalgún momento daban ganas de subir andando. Organización perfecta, non lle vexo ningún punto en contra igual saír todos xuntos xa que non eramos moitos e no momento da proba xa se pode saír de 300 en 300. Agasallo orixinal e avituallamento final liquido.
Xa para rematar dicir que unha vez chegas arriba e contemplas as vistas tocaba volver a zona de saída correndo para soltar pernas e estar preparado xa para a seguinte proba.
🏆 Clasificación xeral homes 🏆
- Daniel Paz Pardo ... 28:55
- Jose M. Gómez Canabal ... 30:26
- Juan J. Barral Varela ... 30:38
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
- Enara Fernández Chivite ... 41:01
- María T. Cimadevila Crujeiras ... 42:08
- Clara Mª. Millares Sieira ... 43:57
Pd: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Arousa Neo. Moitas grazas
0 comments