IX Sin Son 10K
- decembro 19, 2021
- Por: IglesiasAmores
- 0 Comentarios
Tocou regresar a Porto do Son onde se celebraba a IX Sin Son 10K. Unha carreira en liña con saída en Portosín e meta en Porto do Son. Este ano como invitado repetía Adrián Ben, atleta que este ano participou nas olimpíadas.
O obxectivo sería:
- Intentar mellorar o tempo que teño nesta proba de 35:49 min. acadados no 2018.
Coma sempre intentei chegar pronto e fun con marxe ata Porto do Son, onde saían os buses cara Portosín, lugar da saída. Case non teño onde aparcar... parece que había ganas desta proba e todos foron cedo.
Xa en Portosín fun tomar un té/café cuns compañeiros e "veciños" ata que chegase a hora de cambiarse xa que o día estaba frío e nada máis sacar a roupa había que poñerse a quecer. Así foi, chegada a hora cambieime e levei a bolsa ao gardarroupas para inmediatamente poñerme a quecer. Xa non facía tanto frío como o principio e unha vez estabas correndo xa non se notaba.
A falta de 5 min para o comezo da proba, funme achegando a liña de saída para quedar ben posicionado, faltaban corredores que estaban a quecer pola outro lado da liña de saída e que se ían colocar por adiante polo que nun principio estaba dos primeiros pero logo xa fun quedando máis atrasado.
Xa todos colocados, comunican por megafonía o método de saída por caixóns. Íamos saír por intervalos de tempo entre caixóns. Eu estaba no primeiro polo que xa me tocaba saír e tras unha conta atrás deu comezo a proba.
Foto: Marcos Creo (La Voz de Galicia) |
Tras o Km 3 imos ao carón da Praia de Coira xa rumbo a estrada xeral para coller dirección a Porto do Son. O ritmo xa comezaba a ser máis normal para min, ademais xa comezaba o sube e baixa característico desta proba. Intentaba apertar un pouco máis porque diante miña ía un grupo de corredores onde tamén ían as dúas primeiras corredoras. Non fun capaz de chegar e a partir do punto de control do Km 5 funme quedando pouco a pouco. Por ese punto marquei un tempo de 17:57 min. que supoñía un ritmo de 3:35 min/km xa estaba no límite do obxectivo e as sensación comezaron a empeorar.
Empecei a sentir molestias nun xeonllo, a mesma sensación que tiven ca Carreira de Boiro, pero desta vez era unha molestia máis notable sen chegar a doer, intentei seguir co mesmo ritmo probándome a ver se cambiaba algo no xeonllo pero nada. Cando chegamos ao Km 7 onde empeza a subida máis dura desta proba decido cambiar de ritmo e deixarme levar ata a meta. Xa ía facendo trazadas abertas para non molestar aos corredores que me estaban adiantando. Así pasei os últimos km's vendo como ía perdendo posicións ata chegar a meta, algún corredor animabame a seguilo pero por precaución seguín co meu ritmo máis tranquilo.
O resultado final foi:
- Posto xeral: 102º de 1051.
- Posto categoría: 35º.
- Tempo: 37:05 min.
- Ritmo: 3:42 min/km.
O obxectivo non foi conseguido pero o tempo conseguido tampouco foi tan malo. Creo que tiña bastantes opcións de facer 35:30 min. aprox. aínda que non sei si o esforzo que fixen na primeira parte o ía pagar na segunda pero con ganas de facer un 10K homologado a ver como sae. En canto ao xeonllo penso que o problema poden ser as zapatillas que xa están pedindo renovación. As últimas lesións que tiven gran parte de culpa foi esa, facerlle km's demais porque logo cando cambio de zapatillas todo volve a normalidade.
En canto a proba, moi boa organización coma sempre o único que me quedei sen camiseta e bolsa da proba porque cando recollín o dorsal en Decathlon Santiago non me deron nada e resulta que a tiñan que dar alí pero bueno, como teño unha chea delas tampouco me preocupa moito. Para o ano máis e espero que mellor.
🏆 Clasificación xeral homes 🏆
- Adrián Ben Montenegro ... 29:19
- Alejandro Fernández Rivera ... 29:43
- Ángel Castro Varela ... 30:26
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
- Laura Santos ... 34:02
- Esther Navarrete Santana ... 34:12
- Tina Fernández Barreiros ... 37:06
Pd: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Marcos Creo (La Voz de Galicia) e Organización. Moitas grazas.
0 comments