VII Sin Son 10K

Tras un par de semanas onde non competín por molestias no xemelgo e sóleo. Tocaba volver a poñer a camiseta Pinarium para disputar a VII Sin-Son 10K. Unha proba en liña que vai dende Portosín ata Porto do Son facendo unha distancia de case 10K. 
Este ano como atleta invitado participaba Carles Castillejo, atleta español, campión de España nos 5000m., 10000m, Media Maratón e Maratón. Ademais de participar en campionatos do mundo e nas olimpíadas varias veces.

O obxectivo sería:
  • Mellorar o tempo que teño nesta proba que é de 35:55 min acadados o ano pasado.
Intentei chegar pronto a Porto do Son para poder aparcar con máis facilidade e así foi. Rematei de cambiarme xa que cando baixei do coche, non facía moito frío e decidín coller o bus xa listo para correr e non facer uso do gardarroupas. 

Collín o bus que nos levaría ata Portosín onde estaba situada a saída mentres compartía o obxectivo co compañeiro co que ía sentado no bus. Chegamos a Portosín e funme atopando con compañeiros de equipo que ían deixar as cousas no gardarroupas e poñerse a quecer polo que xa fun con eles. Creo que nunca estiven tanto tempo quentando xa que tranquilamente botei uns 40 minutos trotando e é que había zonas onde sopraba un aire bastante frío e era mellor estar en movemento.

Cando faltaban 10 min. para a saída voume colocando no meu caixón, nunha cuarta ou quinta fila polo que estaba moi ben colocado. Antes de dar comezo a proba gardouse un minuto de silencio polas vítimas do "Sin Querer 2" e por Laura Luelmo.

A falta de 5 min. deu comezo a proba para os que ían facer a proba en patíns e con un leve atraso foi a nosa quenda. Os primeiros 100 metros foron un caos, empuxándome por detrás e moito cóbado solto que non me fixo moita gracia. A algún que ía por adiante miña debeulle pasar igual porque estaba discutindo con outro corredor. Menos mal que dende o ano pasado a saída se fai noutro sitio e é máis cómoda a saída... 

Foto: Andrea Carleos Photography
Pasado ese tramo, pouco a pouco intentei recuperar o terreo perdido e marcar un ritmo forte, xa que unha vez se vai estirando todo, xa é máis fácil gañar postos. Así na volta que hai que dar pola zona portuaria de Portosín de case 3 Km marquei uns parciais segundo o reloxo de 3:36, 3:28 e 3:32 min/km respectivamente.
A verdade é que me sentía bastante cómodo e as molestias que me fixeron facer o descanso xa non existían.

Foto: Juanma Fotografía
Saímos a estrada xeral xa rumbo a Porto do Son, onde pouco a pouco seguía recuperando postos pero cada vez me estaba custando máis. Polo punto de control situado no Km 5, marquei un tempo de 17:45 min que supoñía ir a un ritmo de 3:33 min/km e pasei no posto 78º.

A partir de aí comecei a pagar o esforzo dos primeiros km's e xa non conseguía seguir o mesmo ritmo aínda que ía mantendo a posición xa que se formou un grupo e intentaba seguilo.

Sobre o km 6,5 deixeime adiantar por ese grupo para recuperar un pouco o alento xa que viña a zona máis complicada da proba, unha subida de un km de distancia que ía dende o 7 ata o 8, con algunha zona de máis pendente e outras máis levadeiras pero que se non chegas ben podes perder moitos postos.

Comecei a subida con pasos curtos pero moi rápido e estaba funcionando xa que pouco a pouco volvín a adiantar a ese grupo e a deixalos atrás aínda que algún dos corredores me comezou a seguir. Así fun subindo todo o tempo ata que xa nos últimos metros da subida tiven que comezar a alongar a zancada porque as forzas xa se estaban a esgotar.

Rematada a subida no km 8 comezamos a baixar e todo o que quedaba era terreo favorable. Os primeiro metros da baixada fun intentando relaxar un pouco as pernas e brazos despois da subida. Mentres por detrás algún dos corredores comezou a darme caza.

Cando xa só faltaba un km dous corredores adiántanme e póñome a seguilos. Eu xa non podía máis pero tiña que aguantar como fose así que tras chegar ao cruce para coller cara a zona de meta, comezo a incrementar o ritmo intentando deixar aos corredores atrás e parecía que o conseguía. 

Foto: Da Photo
Pero non contaba con que a falta de 300 metros comezase a notar algo raro no xeonllo e uns pequenos tiróns como se tivese uns fíos con corrente que non me gustou nada e decidín levantar un pouco o ritmo e deixarme levar ata meta, perdendo así un par de postos pero que non me importaron moito ao mirar o tempo final.

Foto: Andrea Carleos Photography
O resultado final foi:
  • Posto xeral: 80º de 1629º.
  • Posto categoría: 35º.
  • Tempo: 35:49 min.
  • Ritmo: 3:34 min/km.
O obxectivo cumprido, mellorei o tempo do ano pasado en 6 segundos a pesar dos atrancos no comezo e o pequeno susto do final que non me permitiu sprintar para arañar algún segundo máis pero de todas formas, moi contento co resultado obtido despois do descanso polas molestias e acabar a proba sen notar nada estraño no xemelgo nin soleo.

En canto a proba, os primeiros km's en Portosín en llano ata que colles a estrada xeral e comeza un sube e baixa constante que permite ir bastante rápido ata a subida do km 7 ao 8 na que xa tes que dar o mellor de ti. A partir de aí deixarte levar ata meta xa que o que resta é todo terreo favorable.

Dende o meu punto de vista practicamente todo perfecto: recollida anticipada de dorsais, servizo de gardarroupas e de autobs tanto para ir a Portosín ao comezo ou ao remate da proba, avituallamento moi completo e varias zonas para ducharse pero aí vou poñer un pero, xa que nas duchas do polideportivo que penso que son as que quedan máis preto da meta non hai moita auga, aínda que este problema supoño que o tería que solucionar o Concello. 

Se as lesións mo permiten, vémonos para o ano nesta proba na que levo participado as últimas 4 edicións e que é unha das fixas no meu calendario.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Alejandro Fernández Rivera ... 30:08
  2. Nuno Costa ................................... 30:09
  3. Carles Catillejo Salvador .......... 30:14
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Joselyn D. Brea Abreu ......... 33:53 
  2. Ester Navarrete Santana ... 34:00
  3. Edymar D. Brea Abreu ........ 34:59

Tamén che pode gustar:

0 comments