V Trail San Silvestre de Lousame

Había que queimar o turrón do día de Noiteboa e Nadal e que mellor maneira que facelo correndo polo monte. Tocou desprazarse ata Lousame onde se celebraba o V Trail San Silvestre Castelo de San Mamede sobre unha distancia de 15Km e un desnivel acumulado de 1000m aprox. tamén había distancia de 26Km pero non comín tanto turrón polo que os 15Km xa me chegaban ben.

O obxectivo:
  • Chegar de unha peza a meta.
  • Desfrutar da proba xa que se esperan condicións climatolóxicas adversas.
Intentei chegar cedo para non ter que aparcar no Campo de fútbol xa que dende alí a zona da meta aínda había un bo treito. Seino porque no 2019 xa participei nesta proba e tiven que aparcar alí. Non foi posible, cando cheguei a zona do colexio onde estaba a meta xa me mandaron para atrás e que aparcase no campo de fútbol. Fun o primeiro en estacionar alí...

Recollín o dorsal e volvín ata o coche para deixar o agasallo que neste caso eran uns calcetíns. Regreso para o pavillón xa que aínda faltaba para coller o autobús que nos levaría a zona de saída.

Foto: Lousame Deporte
O día estaba chuvioso e polo que se escoitaba, na zona de saída non había onde meterse para non mollarse e canto mais tarde se fora para o bus mellor. Ao final creo que fun no segundo bus e aínda houbo que esperar un pouco para poñerse a quecer. Estabamos todos na Ermida de San Mamede pero como non collíamos todos, algúns estabamos pegados as arbores (o meu caso) e outros incluso debaixo de pedras que facían unha especie de cova e polo menos non te mollabas.

Chegou o momento de poñerse a quecer e menos mal porque xa comezaba a ter frío. Un pouco de trote para ir examinando o percorrido. Cando restaban 5 min. funme achegando a zona de saída onde xa estaban todos esperando e case fun dos últimos en colocarme polo que quedei bastante adiante. Tras as indicacións sobre o percorrido e algún cambio que vai facer o percorrido máis longo, deu comezo a proba.

Foto: Marcos Creo (La Voz de Galicia)
Arranquei bastante ben e practicamente nada máis saír xa comezamos a subir. Fun gañando postos durante o tramo de subida que duraría ata o Km 0,5. A partir de aí, comezamos unha baixada moi longa que non era moi técnica aínda que si que había que mirar ben onde pisabas e ao estar o terreo mollado había máis opcións a esvarar. Durante a baixada fun perdendo postos, os outros corredores baixaron como se non houbese máis carreira, eu preferín controlar un pouco máis.

Todo ía ben por esta baixada ata o Km 2,1 onde saímos da pista e nos metemos por un corta lumes que estaba enlamado, aí eu xa o tomei con moita calma porque xa non estabamos correndo se non que iso era un tobogán, íamos deslizándonos porque as zapas era imposible que agarrasen algo. A baixada remataba en torno ao Km 2,75 aínda que antes xa había algún pequeno repeito.

Seguimos por terreo chan entre arbores para bordear un rego e cruzalo por onde puxeran unha corda. O rego era pequeno pero que forza levaba... No Km 3 saímos a estrada, imos todo pola beirarrúa ata que nos mandan cruzar e adentrarnos de novo no monte.

Comezamos a subir e aí sentinme máis competitivo xa non perdía postos. Case me perdo nun punto onde había que cruzar outro rego e había un fotógrafo. Menos mal que estaba alí e me corrixiu o camiño. Uns metros máis adiante vólveme pasar, ía seguir pola pista na que estabamos correndo cando de repente vexo corredores que veñen de fronte Km 4,2 e xusto aí había un xiro que polo visto houbo varios corredores que non viron entre eles eu pero con mais sorte e non fixen metros de mais. Seguimos subindo e facemos cumio no Km 4,4.

Comezamos a baixar novamente e eu a deixar pasar corredores que viña por detrás, cada vez que viña unha baixada afrontábaa con bastante respecto polas condicións do chan. Pero pouco a pouco funme atopando máis cómodo porque esas baixadas xa non estaban tan embarradas e permitían correr un pouco máis. Así rematada esta baixada polo Km 5,8, comezo a remontar postos, tamén axudado a que había corredores do trail longo e intentaba ir a polo seguinte corredor.

Foto: Lousame Deporte
Dende o Km 5,8 ata o 8,5 fomos subindo pouco a pouco, algunha subida era máis forte que outra pero intentei facer todo correndo, isto fixo que recuperara bastantes postos. A verdade é que incluso eu en carreira me estaba sorprendendo do ben que estaba indo sobre todo comparado coa primeira parte da carreira.

Volvemos a baixar ata o Km 9,75 aprox. para chegar a zona propia para min, xa que chegamos a un tramo bastante chan e que permitía correr bastante, máis parecido a un cross entre arbores e ao carón dun rego. Seguín gañando postos aínda que non sabía se eran do trail curto ou do trail longo.

Foto: Lousame Deporte
Este tramo cambiaba sobre o Km 11 onde nos comezamos a atopar algún repeito pero sen grandes dificultades. O cambio importante veu no Km 12,3 aprox. onde as subidas xa eran máis fortes ata o Km 13,3. Aí forte baixada duns 300m por asfalto que me cargou bastante as pernas.
Volvemos a terreos salvaxes e a subir outro pouco, algún tramo fíxeno andando ata o Km 13,8 novamente a baixar uns 400m e outra vez para arriba. Este ultimo treito de carreira non estaba dando ningún respiro... Subida longa ata o Km 14,7 que practicamente fixen toda andando e onde notei o cansancio de toda a proba, xa estaba desexando chegar a meta. Tras esta subida comezamos a baixar e volvemos a atoparnos con un tramo de asfalto, xusto cando deixamos o asfalto e nos metemos de novo no monte comezaba a subir e aí teño que parar, Km 15,1. O xemelgo quería subirse e tiven que estirar a perna para que volvera ao sitio e me permitise rematar a proba.

Por sorte o que restaba de proba era chan e baixadas leves polo que puiden controlar o xemelgo aínda que sobre o Km 16,3 había unha baixada por un cortalumes que remataba nun terraplen no que te tiñas que axudar do poste da luz para baixar e aí si que tiña medo de que volvera a protestar o xemelgo e no tramo que viña a continuación por asfalto. Dende aí xa so restaban uns metros para meta e era deixarse levar para finalizar a proba.

Foto: Miki86eiroa
O resultado final foi:
  • Posto xeral: 25º de 149
  • Posto categoría: 25º
  • Tempo: 1:43:41
  • Ritmo: 6:10 min/km
Finalmente foron 16,8Km dos 15 anunciados e obxectivo conseguido máis ou menos xa que conseguín chegar sen que me pasase nada que coas condicións que estaba o percorrido xa é moito pero as sensacións que tiven foron estrañas, ao principio cando nos atopamos todo a lameira baixando a min quitáronseme as ganar de seguir correndo pero despois pouco a pouco funas recuperando e acabei bastante ben.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Rubén Martínez Mayo ... 1:21:01
  2. José M. Gómez Canabal ... 1:22:09
  3. Diego Bermúdez Remuiñan ... 1:25:24
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Veronica Calvo Dopazo ... 1:46:12
  2. Enara Fernández Chivite ... 1:57:20
  3. Veronica Otero Santos ... 1:58:45

Tamén che pode gustar:

0 comments