III Trail Ribeiras do Tambre

Estou de volta, despois de un mes parado no que estiven enfermo. Tocou pouco a pouco ir recuperando o ritmo para non ir desfeito xa dende o segundo km. Así foi Febreiro, adestrando e vendo o rápido que se perden as condicións físicas. 

Tocou regresar para participar no III Trail Ribeiras do Tambre sobre unha distancia de 15Km e 450 m+. Esta foi o última carreira que fixera pre covid no 2020 e onde conseguira o último podio. De manterse percorrido que todo apunta a que si será un trail rápido na primeira metade e onde o máis técnico estará na segunda parte.

Os obxectivos serían:
  • Intentar quedar o mellor posible xa que estarei competindo co equipo popular Azervañan.
  • Ver en que condicións estou despois do parón de Xaneiro para establecer obxectivos de cara as próximas probas.
Intentei chegar pronto xa que non é a primeira vez que nesta proba se tiña que esperar polo último bus para poder saír no cal ía eu... (2019). Tras recoller o dorsal e o agasallo que daban que neste caso non foi a mítica camiseta senón un calentador para o pescozo, funme acabar de cambiar ao coche e xa me dirixín cara o bus onde atopei cos outros compañeiros que formábamos equipo.

Chegamos a Ponte Maceira onde estaba a saída e sacamos unha foto pre carreira cos membros do equipo, aínda que faltaban dous que aínda non chegaran.


Tras a foto xa nos puxemos a quecer porque o día non era que estivese moi cálido e había que preparar ben as articulacións para o que se nos viña enriba. Preto da hora de saír, fómonos achegando a liña de saída onde nos informaron que ía haber un retraso en canto a hora marcada que eran as 10:00h xa que faltaba un bus por chegar. 
Así tras esperar uns 10 min. a que chegase o bus, se colocaran todos na liña de saída e nos deran as indicacións da marcaxe e sinais que nos íamos atopar durante o percorrido, arrancou a proba.

Foto: S.E. (El Correo Gallego)
Saín con moita precaución xa que todo o que quecera xa non se notaba e había que ir con tino para cruzar a ponte para non tropezar con ningún outro corredor. Unha vez cruzada a ponte, tramo de asfalto para estirar o grupo. Comezo a gañar postos aínda que non me notaba moi cómodo, igual era polo frío ou porque estaba apertando mais do que debería. Así no Km 0,9 abandonamos o asfalto e comezado a correr por pistas ata o Km 2,2 onde deixamos a pista para meternos por un sendeiro pegado ao rio Tambre. 

Este tramo de sendeiro levaríanos ata o Km 6,4. Durante todo o tramo íamos ter que estar esquivando árbores, raíces, ramas sen descanso, parecía unha persecución. Eu ía ben, apertando bastante e tomando precaucións nalgún sitio para non esvarar pero ían mantendo o posto agás nun punto onde tivemos que pasar por encima dunha rochas das que non me fiaba moito xa que estaban molladas e perdín un par de postos.

No Km 6,4 abandonamos o sendeiro para meterlle un pouco de desnivel. Non eran subidas moi importantes pero aí xa notei que non tiña moito máis nas pernas e que o ía pasar mal na segunda metade da proba. Comecei a perder postos constantemente, intentaba facer as subidas correndo e non botarme a andar pero érame imposible.

Sobre o Km 8,4 volvemos a ir pegados ao rio, xa non era por un sendeiro se non que íamos por un prado, había que ir con algo de precaución porque non sabía o que había debaixo da herba e algunha zona embarrada. Iríamos así 400m ata que cruzamos unha ponte de madeira que estaba moi esvaradía e chegamos así ao avituallamento intermedio Km 8,9 do cal como é habitual non me deteño.

Seguiriamos polo sendeiro uns 500m máis para volver a facer un tramo por asfalto duns 300m para comezar a segunda parte da proba xa que dende aí practicamente iríamos subindo todo o tempo e o terreo xa se volvía máis técnico.

O dito, Km 9,7 e comezamos a subir. Parecía que ía ben pero cando chegamos a unha zona máis técnica onde tiñamos que cruzar o Rego da Anduriña volvo a perder postos, intentei non mollarme pero era imposible e que fría estaba a auga... Íamos ir por este rego mais ou menos ata o Km 12. Durante este tramos estaríamos cruzando dun lado ao outro varias veces e sempre coa tendencia a subir.

Dende o Km 12 deixamos o rego atrás e comezamos a subir o último treito de carreira xa por pistas forestais. Eu ía sen pernas, non tiña forzas para subir pero intentaba forzar, corría un pouco e ou pouco ía andando intentando non perder moito tempo. Facemos cumio no Km 14,3 e xa só quedaba baixar ata o Aeroclub de Santiago. Baixada que case fago andando porque era sobre pedras mollados e co medo a esvarar baixei con moita precaución, despois das pedras unha zona moi embarrada onde xa baixaba un pouco mellor intentando evitar o barro e así ata chegar abaixo. Quedaba uns últimos metros polo aparcadoiro do Aeroclub e cruzar así a meta.

O resultado final foi:
  • Posto xeral: 60º de 215.
  • Posto categoría: 8º.
  • Tempo: 1:29:01
  • Ritmo: 5:59 min/km.
  • Posto por equipos: 7º de 7.
Os obxectivos non foron cumpridos xa que me saíu unha mala carreira e non quedei nada satisfeito co rendemento pero agora mesmo non hai moito máis, notase moito o parón de Xaneiro e toca seguir adestrando para ir collendo ritmo de competición e poder ir a por uns obxectivos máis ambiciosos.

En canto a proba máis o menos o percorrido do último ano do cal eliminaron un treito arredor do Aeroclub polo demais parecía igual. Avituallamento intermedio que descoñezo se había tamén líquido e sólido ou só líquido. Avituallamento final bastante completo, zona para lavar as zapas e pernas antes de pasar pola ducha.


🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Daniel Paz Pardo ... 1:09:01
  2. Borja Varela Paz ... 1:11:05
  3. Javier de Dios Rodríguez ... 1:11:52
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Lucía Peón Santomé ... 1:30:23
  2. Elena Veres Ojea ... 1:35:17
  3. Silvia Fajín Pérez ... 1:35:17
Pd: Clasificación completa. Fotos cortesía de: S.E. (El Correo Gallego) . Moitas grazas.

Tamén che pode gustar:

0 comments