II Trail Ribeiras do Tambre

Novamente no monte, desta vez tocou participar no II Trail Ribeiras do Tambre (15,3 Km e 400 m+), no cal xa participei o ano pasado e que conta con un percorrido rápido e sen moitas zonas técnicas que o fan propicio para comezar no mundo do trail e para a xente de asfalto. Este ano como o anterior, estaría participando co equipo popular "Azervañán".

O obxectivo sería:
  • Quedar o mellor posible para a clasificación por equipos e intentar polo menos igualar o posto do ano pasado onde conseguimos ser 3º.
Chegamos cedo ao Real Aeroclub de Santiago onde estaba a meta, os dorsais e os autobuses que nos levarían a zona de saída en Ponte Maceira. Xa na saída, había moita néboa e un frío intenso pero tiña a esperanza de que abrise o sol pronto xa que o tempo era bo para correr pero de momento había que aguantar un pouco de frío. Tras realizar os exercicios de quecemento funme achegando ao arco de saída coa intención de saír forte dende o principio. Así tras quedar ben colocado e con un disparo ao aire, arrancou a proba.

Foto: Manuel Domínguez
Arranquei bastante ben pero con precaución porque o primeiro tramo tiñamos que cruzar a Ponte Maceira e había posibilidades dalgunha torcedura. Pasada a ponte aos 150m. chegamos ao asfalto que duraría ata o Km 0,9 onde xa conseguín marcar un bo ritmo e gañar uns cuantos postos para ir quedando ben colocado para cando entremos nos sendeiros do rio. Así fun con un ritmo forte primeiro polo tramo de asfalto e despois por uns sendeiros que seguían permitindo ir moi rápido ata a chegada do rio Km 2,1.

Xa no rio Tambre, había que ir en fila de un e quedei liderando aos perseguidores que non sei cantos eran por non mirar cara atrás pero si que se escoitaba que viñan aí polo que fun tirando e esforzándome o máximo nesa zona. Este tramo de carreira pegado ao rio era coma nas películas cando corren pola selva, saltando troncos e evitando todo tipo de ramas, unha zona moi divertida. Tamén había unha subida de botar as man a terra e subir as catro patas coas súa correspondente baixada na que non me faltou moito para ir co cu arrastras.

No Km 6,5 separaríamos do rio para comezar con unha subida que non era moi dura pero as miñas pernas xa comezaban a notar o esforzo de ir tirando forte todo o tempo. Iríamos subindo ata o Km 7,6 aprox. para seguir con unha baixada que nos levaría novamente ao carón do rio para ir por un prado anegado e con moito barro. Ata chegar ao Km 9,2 onde estaba a praia fluvial e o posto de avituallamento da cal pasei.

Foto: Manuel Domínguez
Continuamos 500m. máis pegados ao rio e saímos a un tramo de asfalto para comezar a subir practicamente sin descanso e deixando o rio Tambre atrás para poñer rumbo ao Aeroclub. Xa comezara a perder postos pero eu estaba dando o máximo e nas subidas notábase que aínda me falta físico para poder facer fronte as pendentes.

Mentres subiamos tivemos que cruzar varias veces o Rego da Anduriña, algunha vez só para refrescar os pés e outras a auga cubríame a metade das pernas por sorte aquel frío que facía en Ponte Maceira xa non existía e a temperatura era bastante agradable.

Durante o último tramo de subida había zonas con moito barro, nalgunha zona pensei que me quedaba a zapatilla alí cravada. Intentei facer a última subida correndo xa que non tiña moita inclinación pero as pernas xa non podían moito máis e tiven que poñerme a andar un par de veces para recuperar e seguir correndo. Unha vez que chegamos ao punto máis elevado, Km 14,4 comezamos a baixar por enriba de grandes penedos que por sorte non estaban moi mollados o que reducía as posibilidades de esvarar.

Foto: Koala36 Retratografía
Esta baixada levaríanos xa ao Aeroclub pero con unha modificación respecto ao ano pasado xa que en vez de ir directos cara o arco de meta, tivemos que dar un rodeo as instalación o que dende o meu punto de vista foi un acerto e gustoume ese cambio. Así cheguei a meta bastante canso e coas pernas esnaquizadas xa que no avituallamento final tremíanme as pernas, xa apenas tiña forza para manterme en pé.

O resultado final foi:
  • Posto xeral: 27º de 252.
  • Posto categoría: 2º 🏆
  • Posto equipos: 6º de 9.
  • Tempo: 1:21:43
  • Ritmo: 5:22 min/km.
O obxectivo non se conseguiu e quedamos a 36 puntos de acadar o 5º posto que daba dereito a premio. Quedei moi satisfeito coas sensacións e o rendemento acadado aínda que sei que me falta forza para afrontar as subidas rápido xa que é onde máis perdo. Ao final por sorpresa xa que non contaba para nada, acabei subindo ao podio con un 2º posto na categoría. 


🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Amador Pena Torreira ... 1:13:36
  2. Rubén Insua Díaz ... 1:13:43
  3. Sergio Requeijo Requeijo ... 1:14:02
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Paula Esteiro Ramos ... 1:37:59
  2. Eva de la Fuente Iglesias ... 1:39:32
  3. Martina Tasende Andrade ... 1:43:04

Tamén che pode gustar:

0 comments