I Trail Ribeiras do Tambre
- marzo 03, 2019
- Por: IglesiasAmores
- 2 Comentarios
Ultimamente non salgo do monte polo que outro trail que tocou facer. Neste caso despraceime ata o Concello de Ames, concretamente ata o Real Aero Club de Santiago onde se disputaba o I Trail Ribeiras do Tambre sobre unha distancia de 16 Km e un desnivel positivo de 405m+ aprox. O percorrido unía Ponte Maceira co Real Aero Club.
O obxectivo sería:
- Quedar o mellor posible para a clasificación por equipos.
Chegamos ao Aero Club con tempo de sobra para recoller o dorsal e ir para o bus que nos levaría a saída. O Aero Club está nun alto polo que a sensación térmica que alí facía era moi fría incrementada polo vento, menos mal que de momento non chovía.
Tras recoller o dorsal, acabamos de cambiarnos e fomos coller o bus pero cando chegamos alí, había moita xente e tivemos que esperar a que viñera o seguinte. Cando chegou comezamos a subir pero volveume a pasar o mesmo que na CorreSan - Ruta dos Parques, subín por unha porta e baixei pola outra, xa non quedaban asentos libres no que supostamente xa era o último bus. Tras esperar uns 15 min. a que chegara outro, subimos e por fin podemos ir cara a saída en Ponte Maceira.
Chegamos e xa estaba todo listo para o comezo da proba, tras recibirnos con un aplauso, ímonos colocando para saír sen quentar nada e con 20 minutos de atraso deu comezo a proba.
Foto: Federación Galega Atletismo |
Arranquei con moita precaución sobre todo ata cruzar a ponte sobre o rio Tambre xa que non vía moi ben onde pisaba e era fácil torcer o nocello. Fun perdendo postos durante 200 m. ata que unha vez pasada a ponte e collendo o asfalto comecei a marcar un ritmo forte. Quedárame nun segundo grupo e ía intentar chegar ao grupo de cabeza porque segundo oín, unha vez nos metemos a correr polas Ribeiras do Tambre era practicamente imposible adiantar a non ser que che deixen pasar.
Quedei marcando o ritmo dese segundo grupo e achegándome ao primeiro grupo. Aínda que fun gañando algún posto de corredores que se foron descolgando non conseguín darlles caza.
Chegamos aos sendeiros das Ribeiras do Tambre sobre o Km 2,2, onde xa nos imos poñendo en fila de un e a correr moi preto do rio, aínda que se podía marcar bos ritmos xa que o camiño estaba ben marcado e era fácil de seguir menos cando saltabamos polas pedras pegados ao rio que xa daba algo de respecto. Durante o tramo polas Ribeiras do Tambre formouse un grupo duns 8 corredores no cal me atopaba eu e parecía unha persecución.
Así fomos ata o Km 6,6 onde deixamos momentaneamente o rio para adentrarnos no monte, nese momento consigo gañar uns postos no grupo no que ía e formouse outro de catro corredores, no cal eu ía pechando ese grupo intentando non descolgarme. Nesta zona de monte maiormente fomos subindo e baixando pero predominaba a subida. Eu intentei non andar moito a non ser que fose necesario xa que a subida non eran moi fortes pero si durante un bo tramo. Deixamos o monte conservando o posto e volvemos as Ribeiras do Tambre sobre o Km 8,6 pero xa por prados ata o avituallamento intermedio situado na Praia Fluvial de Tapia no Km 9,2 no cal non parei e gañei dous postos. Seguimos pola Ribeira do Tambre 500 m. e chegamos ao asfalto, onde comezamos a subir cara a Ermida da Nosa Señora da Madalena para adentrarnos novamente no monte, Km 10.
A partir de aí xa nos esqueceriamos do Tambre pero veu posiblemente a zona máis técnica da proba, a parte de que o que quedaba practicamente era todo o tempo en subida, íamos estar cruzando o Rego da Anduriña unha chea de veces e saltando entres as pedras para intentar non mollarnos pero as veces era inevitable.
Foto: Emilio Medina |
Así fomos subindo polo monte e atravesando dun lado ao outro seguido o rego ata cerca do Km 12 onde comezamos a subir a montaña que nos separaba da meta que estaba do outro lado. A subida comezou por monte e segundo íamos subindo a vexetación ía cambiando ata que practicamente arriba de todo, corriamos entre toxos e pedras soltas. Chegamos a zona máis alta da proba, Km 14,2 e tocaba baixar por unha zona técnica, onde perdo un posto por non ter esa técnica baixando e ir con medo a esvarar nas pedras. Aínda así para min xa baixei rápido demais porque non sabía onde estaba pisando, só intentaba levar o pé forte para evitar unha torcedura.
Rematada a baixada, Km 14,6, só quedaban 200 metros para cruzar a meta e aínda que perdo outro posto subindo por un terraplén chego bastante contento co resultado e como fun en carreira a pesar dunhas sensacións estrañas.
O resultado final foi:
- Posto xeral: 26º de 194.
- Posto categoría: 9º.
- Posto equipos: 3º de 5. 🏆
- Tempo: 1:21:23
- Ritmo: 5:30 min/km
O obxectivo conseguido. Finalmente quedamos 3º por equipos co equipo popular de Azervañan composto por: Sergio Requeijo, Diego Montouto, Miguel Parcero, Miguel Cibreiro, Tomás Baúlde e un servidor. Moi lonxe dos dous primeiros Tribu Trail e Club Atletismo O Pino e que se decidiu a vitoria por un só punto a favor de Tribu Trail.
Durante a proba fun bastante ben sobre todo a primeira parte onde ía forzando para intentar sacar vantaxe aos perseguidores. Isto fixo que cando chegase a zona da subida fose con poucas forzas e perdera uns cuantos postos pero igual reservando antes ía ser peor porque seguramente despois non ía dar recuperado. As sensación ben, a pesar de que sentise como se me estivese inflamando o xeonllo e nos xemelgos como se me fora dar un tirón que imaxino que estes problemas foron por saír sen quentar nada por mor de chegar tarde a saída.
En canto a proba, un trail que se pode dividir en dous; a primeira parte moi rápida polas ribeiras do Tambre, adentrandonos no monte para descubrir algunha zonas moi interesantes e algunha cova entre pedras e unha segunda parte xa máis técnica polo Rego da Anduriña subindo monte arriba e rematando nunha baixada técnica.
🏆 Clasificación xeral homes 🏆
- Daniel Paz Pardo ............ 1:11:42
- Carlos Martínez Mayo .... 1:13:05
- David Landeira Castro ... 1:13:10
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
- Eva de la Fuente Iglesias ... 1:39:23
- María Mareque Martínez ... 1:41:57
- Ana Blanco Pérez .............. 1:42:50
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Federación Galega de Atletismo e Emilio Medina. Moitas gracias.
2 comments
Buenas tardes Miguel.-
ResponderEliminarTú hermana Doris,nos ha mostrado tú Blog personal y nos parece una actividad apasionante.
Saludos desde Santiago.
Buenas, gracias por la visita!! Un saludo.
Eliminar