Trail de San Isidro 2019

Tras correr o día anterior a Padrón 10K, tocou recibir unha dose de monte. Para iso despraceime ata A Pobra do Caramiñal para disputar o Trail de San Isidro. Unha proba de 13,5 Km e con un desnivel positivo de 722 m+. A última vez que fixen esta proba acabei facendo máis da metade cunha torcedura no nocello e pensando en abandonar.

Os obxectivos serían:
  • Chegar a meta sen consecuencias e non coma no 2017.
  • Tirar ata onde aguantes as pernas despois da carreira do día anterior.
Cheguei a zona da saída cando aínda faltaba unha hora para o comezo da proba e xa case non había onde aparcar. Fun recoller o dorsal mentres saudaba aos compañeiros de carreira e acabei de cambiarme. O sol xa estaba quentando con ganas e non eran máis que as 10:30 da mañá. Cando me dispoñía a comezar a quecer o amigo Eduardo sacoume a rigorosa foto pre-carreira, pero desta vez estratexicamente para que se virá tamén a Ambulancias do Nordes e o arco de Galitiming.

Foto: Arousa Neo
Tras a foto, comecei co quecemento, as pernas parecían estar ben e non notaba moito cansancio do día anterior. Cando faltaban 10 min. para o comezo voume achegando ao arco de saída ata que fomos chamados para colocarnos e tras uns intentos para que cantásemos, comezou a conta atrás e, ¡a correr!

Foto: Francisco Javier Pazos Suarez
A saída non tivo moita complicación e foi rápida nos seus primeiros 300 m. xa que o terreo axudaba pero a partir de aí comezamos a subir e a subir. Primeiro subimos por asfalto e despois xa por pistas ata o km 1,2 onde comezamos a baixar. As pernas de momento ían ben, sen rastro de cansancio acumulado. Cruzamos o primeiro regato e como xa sabía que sen mollar non ía quedar decido meter os pés directamente na auga.

Foto: Arousa Neo
Tras cruzar o regato, o terreo pouco a pouco comeza a ir inclinándose ata que de repente no km 2,1 comezamos a subir pero a subir de verdade, se te despistabas ou pisabas mal tiñas moitas opcións de ir a rebolos monte abaixo (a última vez que subira por esa ladeira estaba case no final da proba e practicamente subira a gatas). Unha vez subido ese tramo de 300 m. un pouco de baixada para intentar recuperar as pernas ata o km 2,7 aprox. onde pouco a pouco comezamos a subir de novo.

Foto: Lisardo Vilar Fotografía
Seguimos subindo sen descanso e é que viña a peor parte da proba e na que comecei a perder postos xa que estivemos subindo case 3 km con unha parte final infernal e xa non tanto porque o sol che daba de pleno, senón porque era unha subida con pedras soltas e con bastante inclinación. Varias veces pensei en apartar do "camiño" e descansar un pouco porque agora si que estaba notando a carreira do día anterior e xa non tiña moita forza para subir. Por sorte cada corredor que me adiantaba me animaba a seguir (isto é o que me gusta do monte, o gran compañeirismo que hai). Non recordaba que esta proba tivera unha subida tan longa e dura que coa calor que facía, aínda se me fixo máis eterna. Así foi como nesa subida tomei a gominola que levaba.

Chegamos ao punto máis alto da proba sobre o km 5,5 e comezamos a correr entre moitos toxos porque non sentía máis que rascarme as pernas mentres intentaba recuperarme de tanta subida pero tiña unha sensación rara, de como se os xemelgos estivesen a punto de dicir basta e a darme un tirón polo que tiven que afrouxar un pouco o ritmo e seguín perdendo postos.

Saímos desa zona de toxos ou non sei que planta era (km 6,2) onde había un voluntario animándonos e dándonos a man a todos para seguir uns metros por unha pista e comezar a baixar.

Primeiro baixamos uns 300 metros por un sendeiro fácil para ir estirando as pernas pero a partir de aí veu a diversión. Uns 100 metros de baixada técnica, un descanso para cruzar un pista onde había un voluntario con auga para quen quixese e outros 50 metros técnicos. Que ben o pasei baixando ese tramo e o mellor de todo que me sentía cómodo sen moito medo a unha máis que posible caída.

A partir de aí (Km 6,8), xa con moitas menos inclinación continuei baixando a morte xa que estaba recuperando postos ata o km 8,6. Neste treito tiven que facer unha parada xa que un compañeiro ía tocado, tras preguntarlle que tal e se precisaba algo, continuei baixando.

No Km 8,6 atopábase outro posto de avituallamento do cal pasei xa que eu levaba liquido propio e non me fixo falta encher. Ao non parar gaño un posto e continuo por pistas ata que comezamos unha baixada vertixinosa para cruzar un monte sobre o km 8,8 (nesta baixada si que sufrín bastante xa que non daba freado e os pés notárono moito, a partir de aí as cousas cambiaron).

Comezáronme a doer os pes tras a última baixada e as poucas forzas que me quedaban deixeinas intentando frear. Aínda quedaban 4 km para meta de continuo sube e baixa todo moito máis fácil pero eu ía K.O.
Os pouco postos que conseguira recuperar baixando empeceinos a perder sen ser quen de facer nada, as pernas dixeron basta polo que só me quedaba sufrir e desfrutar do último treito da proba.

Foto: Lisardo Vilar Fotografía
Cando faltaban 500 m. para chegar a meta pasamos pola mítica "corredoira das prejuntas" para refrescar os pes e lavarnos ben e así estar ben limpos na meta. Un tramo duns 200 m. cheo de auga como se pode ver na foto.

Foto: Koala36 Retratografía
Tras saír dese treito collemos o asfalto xa ata meta onde recupero un posto e aperto un pouco para poder conservar a posición que finalmente consigo e cheguei a meta moi canso e cos pes desfeitos.

O resultado final foi:
  • Posto xeral: 54º de 289.
  • Posto categoría: 17º.
  • Tempo: 1:22:27.
  • Ritmo: 6:07 min/km.
Os obxectivos cumpridos. Cheguei a meta sen consecuencias aínda que os pes quedaron bastante tocados cunhas cantas bochas que espero que se recuperan rápido e mellorando tanto o tempo como a posición que tiña neste trail. A pesar de correr o día anterior sentinme bastante cómodo en carreira.


En canto a proba non a recordaba tan dura, sobre todo a subida que ca calor que facía fíxose eterna. A baixada moi entretida, persoalmente paseino moi ben baixando coma un neno pequeno. O que si notei en falta foi cruzar máis veces polo rio ou igual me confundo con outro trail pero esperaba máis auga.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Carlos Lorenzo Blanco ....... 1:06:31
  2. Esteban Toucedo Santos ... 1:07:18
  3. Daniel Paz Pardo .................. 1:07:32
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Beatriz Barroso Pérez ............ 1:28:04
  2. Elena Matalobos Redondo ... 1:30:49
  3. Pati Martinez Lago .................. 1:32:26
Video resumen do Canal Rías Baixas


Tamén che pode gustar:

1 comments

  1. Cada día o fas mellor... O de correr, porque estas crónicas son aburridas coma ir comer o lacón e que non che poñan os jrelos ��
    Gracias pola crónica "runner"!!! ��

    ResponderEliminar