XVII Padrón 10K

Tocou facer o primeiro intento do ano para mellorar a miña marca nos 10K. Para iso fun disputar a XVII Padrón 10K nun percorrido homologado con dúas voltas que polo normal non se me dá moi ben pero que na última vez que a corrín no 2017 conseguín romper coa barreira dos 40 min.

Os obxectivos serían:
  • Intentar mellorar a marca que teño nos 10K que é de 35:50 min. acadados na San Martiño 2018.
  • Intentar mellorar o tempo que teño nesta proba que é de 37:17 min. acadados no 2017.
Cheguei a Padrón un pouco máis tarde do que quería polo tema de aparcar con maior comodidade pero finalmente non tiven problema, había un sitio esperando por min.
Fun recoller o dorsal e comecei a atoparme con compañeiros de carreiras e de equipo. Tras o quecemento sacamos unha foto, aínda que non estabamos todos presentes.

Foto: Maribel
Tras a foto, xa só restaban 10 minutos para o comezo polo que me vou achegando ao lugar da saída e meténdome no meu caixón que foi un caos. Eu tiven sorte que me tocou no caixón que me correspondía pero había moita xente con mellores tempos co meu que os mandaban para o último caixón e con ameazas de descualificalos se non ían. Non sei que método usaron para asignar os dorsais xa que no momento da inscrición non pedían tempos para despois organizar os caixóns.

Tras poñerse cada corredor onde puido e con un lixeiro atraso polo tema dos caixóns, deu comezo a proba.

Foto: Difusión ProSport
Saída estreita para a cantidade de corredores que eramos. Isto fixo que fose con máis precaución nos primeiros metros ata que todo se foi estirando. Así pasados os primeiros 200 m. xa se podía comezar a correr mellor e a recuperar os postos que perdera por non tropezar con ninguén.

Comecei a recuperar os postos pouco a pouco xa que non había moito sitio por onde pasar pero cando vía un sitio xa me metía e a seguir avanzando. En torno ao km 1,5 xa podía marcar o meu ritmo con facilidade o que provocou que puidese avanzar moito mellor. Estábame sentindo moi ben e segundo ían pasando os km's vía máis factible o intento a mellorar a marca.

Así fago a primeira volta en 18:00 min. que supoñía ir a un ritmo medio de 3:36 min/km. polo que so tiña que un pouco máis rápido e estaba feito.

Foto: Difusion ProSport
Cando pasamos polo avituallamento intermedio véxome obrigado a coller unha auga xa non tanto por beber pero precisaba refrescarme pola calor que estaba a facer. Así collín o botellín de auga, tírome media botella pola cabeza, doulle uns sorbos como podo para hidratarme algo e o sobrante volvo a tirarma por encima. 

Os ritmos xa non eran coma na primeira volta, o cansancio comezábase a notar e sobre o km 6,5 deume como un baixón de rendemento no que perdín varios postos e non era quen de engancharme aos corredores que me adiantaban. Menos mal que só durou sobre 1 km aprox. e pouco a pouco volvía a ir rápido e recuperei eses postos perdidos. 

Xa estaba correndo máis por inercia que polas forzas que tiña, só pensaba en intentar baixar o tempo e cada pouco miraba o reloxo. Seguía tendo posibilidades ou iso cría eu xa que encarando a recta de meta, sobre o adoquinado, vexo como o tempo de carreira xa ía polos 36 min. e xa non ía dar conseguido mellorar a marca. 

Mantiven o ritmo ata chegar a meta pero xa sen intentar un cambio de ritmo nin nada, hoxe non era o día. Así cheguei a meta facendo esta segunda volta en 18:41 min. que supoñía un ritmo medio de 3:44 min/km moito peor que na primeira volta pero non había máis.

Foto: RunPhotos Galicia
O resultado final foi:
  • Posto xeral: 64º de 572.
  • Posto categoría: 25º.
  • Tempo: 36:45 min.
  • Ritmo: 3:40 min/km.
Os obxectivos aínda que non conseguín mellorar a marca que era o que máis ganas tiña, tamén sabía que non chega nas mellores condicións. A pesar diso mellorei a marca que tiña nesta proba en 32 seg. que está bastante ben xa que ata o 2017 non era quen de baixar dos 40 min. e iso que o circuíto e dos máis chans de Galicia pero ten algo que non acaba ser o idóneo para facer marcas (a parte do empedrado no cal odio correr).


En canto a organización para min estivo ben xa que non sufrín o problema coa colocación nos dorsais pero é un tema grave que non se pida un tempo e despois repartan os caixóns ao chou... O avituallamento final moi completo e as duchas perfectas agás porque a auga saía fervendo e case non me daba metido na auga.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Antonio Serrat Seoane .................. 30:27
  2. Alejandro Fernández Rivera ........ 30:40
  3. Alejandro Martínez Fernández ... 31:27
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Esther Rodríguez Díez .......... 37:45
  2. Tina Fernández Barreiros ... 38:35
  3. Tania Silvelo Pallín .................. 41:14

Tamén che pode gustar:

0 comments