XLII Carreira do San Martiño
- novembro 18, 2018
- Por: IglesiasAmores
- 0 Comentarios
Tras fracasar a semana anterior o intento de mellorar a miña marca nos 10K na Popular de Negreira, tocou desprazarse ata Ourense para un novo intento xa que se ía celebrar a XLII Carreira do San Martiño. Unha das clásicas de Galicia e das que máis corredores reúne.
O obxectivo sería:
- Intentar mellorar o tempo que teño na distancia que é de 36:09 min acadados en Riveira 2017.
Cheguei a Ourense unha hora antes do comezo da proba para intentar aparcar preto da saída pero todos deberon pensar o mesmo e non conseguín aparcar onde quería. Cando conseguín aparcar fun cara a zona da saída coa sorpresa de que a gran maioría dos corredores xa estaban quentando. Cando xa faltaba media hora para o comezo, decido poñerme a quecer e a falta de quince minutos xa vou cara a saída para colocarme nun bo sitio.
Coloqueime adiante de todo no caixón que me correspondía, aínda que alí había dorsais de todas as cores e só controlaban que ninguén se colase na zona elite. Unha vez se abre o caixón e avanzamos cara adiante para comezar a proba quedo situado practicamente adiante de todo, creo que nunca saíra tan adiante nesta proba. Coa hora exacta, arranca a proba.
Foto: Organización da San Martiño |
Arranquei bastante ben, aínda que ao ter que coller sitio, cando saín xa estaba frío e custoume entrar en carreira ata entorno ao Km 1,5, ao cruzar pola ponte romana. A partir de aí comecei a recuperar moitos postos e a correr ao ritmo obxectivo para mellorar a marca. Practicamente fun tirando forte durante todo o tempo, incluso me sentía forte nas subidas.
No paso polo control do km 5 pasei nun tempo de 18:02 min. que supoñía ir a un ritmo de 3:36 min/km. Bastante ben xa que só fixen 14 seg. máis que a miña marca nos 5K e este ritmo valíame para conseguir o obxectivo.
Sigo tirando forte pero comezo a notar a falta de forza e a levar unha respiración máis axitada do normal algo que puido ser provocado por exceso de mucosidade na garganta.
Cada pouco tempo miraba o reloxo, vía que estaba indo moi rápido e que tiña moitas opcións de conseguir o obxectivo polo que, sigo tirando a tope sabendo que o último km sempre se me fai moi longo.
Foto: Tito Picouto Fotografía |
Ese último km comeza cunha subida importante, non sei si será a que máis pendente ten en toda a proba pero ao estar ao final faise eterna. Subín intentando perder o menos tempo posible pero sen dar todo o que me quedaba xa que tras esta subida viña unha baixada ata a ponte romana e alí a ponte volvía picar cara arriba. Nese punto foi onde din todo o que me quedaba porque si me relaxaba aí era posible de que non chegase ao obxectivo. A partir de aí xa por inercia e polos moitos ánimos do publico chegas a meta moi rápido e aínda que puiden sprintar para recortar algún segundo ao crono non o fixen porque cando vin o marcador do tempo quedei moi satisfeito co resultado.
Foto: Organización da San Martiño |
O resultado final foi:
- Posto xeral: 84º de 3680.
- Posto categoría: 31º.
- Tempo: 35:50 min.
- Ritmo: 3:35 min/km
O obxectivo cumprido. Conseguín mellorar a miña marca na distancia en 19 segundos e quedei coa sensación de que podía facer un mellor tempo. Teño que mellorar o tema dos 2 primeiros km xa que creo que é onde máis perdo, posiblemente teña que quecer mellor para arrancar con máis ganas. Moi contento co resultado, xa que era a única marca que me quedaba por mellorar este ano e esta era a última oportunidade.
En canto a proba moi ben organizada, público en case todos os sitios animando, un avituallamento intermedio con auga e un final tamén liquido ao que notei en falta algo sólido, non sei se había pero eu non o vin. Un tema a mellorar sería un maior control nos caixóns de saída porque só o había para o caixón elite.
🏆 Clasificación xeral homes 🏆
- Alejandro Fernández Rivera ... 30:30
- Nuno Costa .................................... 30:34
- Manuel Hurtado Sanjurjo ........ 30:59
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
- Solange A. Pereira da Ponte ... 34:45
- Marta Casanova Vázquez ....... 35:04
- Ester Navarrete Santana ......... 35:14
Pd: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Organización da San Martiño e Tito Picouto Fotografía. Moitas gracias.
0 comments