VII Media Maratón Solidaria Zona Aberta

Dende o 2015 non facía esta carreira porque coincidiu mal con outras probas pero este ano puiden volver a correr a VII Media Maratón Solidaria de Vilagarcía sobre un circuíto de dúas voltas e a recta de meta, completamente chan polo que é unha proba idónea para intentar facer marca persoal sempre e cando o vento respecte. Proba solidaria a favor de Cáritas Interparroquial.

O obxectivo sería:
  • Intentar mellorar a marca na distancia que é de 1:19:23 acadados en Pontevedra 2018.
Cheguei a Vilagarcía co tempo xusto e iso que saín pronto da casa pero ao final fixo falta o tempo xa que foi chegar, recoller o dorsal e xa tiña que poñerme a quecer porque faltaban 15 min. para o comezo da proba e aínda tiña que acabar de cambiarme.

A mañá estaba fresca e apenas sopraba o aire polo que o día era perfecto para intentar o obxectivo. Un pouco de trote suave para ir collendo temperatura e para liña de saída. Coloqueime na parte dianteira aínda que a miña intención era saír tranquilo como na Media de Pontevedra e pouco a pouco ir máis rápido.
Cando xa estamos listo para o comezo da proba practicamente diante miña vin como un dos corredores se desvaneceu e caeu ao chan. Rapidamente o asistiron os corredores que estaban máis preto e chamaron a ambulancia. O corredor desmaiado incorporouse parecendo que só foi unha baixada de tensión ou algo así, pero cando se puxo de pé, volveu a desmaiarse e xa nos apartamos todos porque estaba chegando a ambulancia para que o atendese (finalmente e como se comentou no foro parece que todo foi un susto e o corredor xa está recuperado).
Tras este susto, volvémonos a colocar na saída onde quedei colocado un pouco máis atrasado que antes, con un compañeiro de equipo o cal ía intentar facer unha carreira coma a miña, de menos a máis e deu comezo a proba.

Foto: Gonzalo Salgado (Diario de Arousa)
Foi unha saída tranquila pero igual quedeime algo atrasado xa que cando se foi estirando un pouco o grupo de corredores fun detrás do globo que ía para 1:24:00 e é que ao principio este globo estaba indo dende o meu punto de vista algo rápido para ese tempo. Non conseguía pasar este grupo por ningún lado e ata chegar a Vilaxoán (Km 2,7) onde facíamos un cambio de sentido para volver cara Vilagarcía, non conseguín adiantalo e poder así comezar a marcar o meu ritmo xa que os dous primeiros km estaba rodando preto dos 4:00 min/km e estaba perdendo algo de tempo para buscar o obxectivo.

Tras pasarlle ao grupo comecei a rodar a ritmos de 3:45 min/km de media xa que ese e o ritmo obxectivo no que tería que rematar a proba. O compañeiro de equipo sígueme e os dous pouco a pouco íamos recuperando postos.

Foto: Bea Pérez (Where Is The Chandal?)
Así fun ata chegar ao cambio de sentido en Carril (Km 8), aí comecei a aumentar o ritmo porque o ritmo medio que me daba o reloxo seguía estando por debaixo do obxectivo e tiña que ir recuperando terreo para poñerme en posición de cumprir a meta, nese momento comecei a rodar só xa que o compañeiro de equipo non seguiu o meu cambio.

Comecei a rodar a ritmos por debaixo de 3:40 min/km e a verdade é que me estaba sentindo moi cómodo rodando a ese ritmo, sobre todo porque seguía gañando postos de corredores que antes non vía nada preto. Un deles incluso cando o adiantei (Km 11,5), púxoseme a seguir e preguntoume o ritmo ao que ía e tras dicirllo díxome que me ía seguir un pouco polo que xa estaba novamente facendo a función de lebre pero só me aguantou un par de km e volvinme a quedarme só.

Foto: Martina Miser (La Voz de Galicia)
Todo ía ben e o ritmo medio xa estaba por debaixo do obxectivo polo que só tiña que aguantar pero entorno ao km 17 comezaron os problemas. O xemelgo da perna dereita comezoume a doer e cada vez ía a máis, como tiña unha pequena marxe decidín ir un pouco máis despacio a ver si por "obra divina" recuperaba as boas sensacións pero non había maneira, cada vez a dor era máis intensa como se me fóra a dar un tirón. Intentei aguantar e chegar a meta como fora.

Cando o grupo que viña por detrás miña me alcanzou (km 19), decidín intentar seguilo. Para a miña sorpresa cando comezo a tirar un pouco máis rápido para seguir ao grupo parecía que o xemelgo volvía a entrar en calor e a dor aínda que estaba aí, xa me permitía forzar máis.

Os últimos 2 Km din todo o que me quedaba e xa non sentía dor ningunha no xemelgo, só pensaba na meta e en conseguir o obxectivo. Nestes dous últimos km ata gañei postos e me saíron uns ritmos de 3:38 e 3:32 min/km pero xa era tarde, crucei a meta exhausto e cando parei toda ese dor que xa non notaba pouco a pouco cada vez era máis intensa, incluso os abdutores se anotaron a festa e case non daba andado.

Foto: Video de ChampionChip Norte
O resultado final foi:
  • Posto xeral: 29º de 407.
  • Posto categoría: 11º
  • Tempo: 1:19:23
  • Ritmo: 3:46 min/km
O obxectivo non foi cumprido xa que fixen o mesmo tempo, non sei cal sería a probabilidade de facer o mesmo tempo en dúas media maratón seguidas. A pesar de non conseguir o obxectivo, esta ao ser a máis recente será a marca que poña. Aprendín moito nesta media para futuros intentos xa que teño claro onde perdín o obxectivo e imaxino que foi por unha saída onde non puiden marcar o meu ritmo dende o comezo e claramente a molestia no xemelgo que se non fora por iso, seguro que podía estar escribindo que xa tiña un tempo por debaixo 1:19:00 pero agora a pensar no próximo intento a esta distancia que se todo vai ben será na Coruña21 o 17/02/19.


🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Ismael López González ...... 1:11:50
  2. Esteban Toucedo Santos ... 1:12:51
  3. Manuel Dosil Lago ............... 1:14:17
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Mª del Rosario Figueroa Figueroa ... 1:26:44
  2. Beatriz Álvarez Fernández ................. 1:31:53
  3. Loreto Herrero Blanco ......................... 1:33:01

Tamén che pode gustar:

0 comments