XXIII Medio Maratón de Pontevedra
- outubro 21, 2018
- Por: IglesiasAmores
- 0 Comentarios
21,097 Km esa distancia que se me ven atragoando dende o 2015 e que nos volvíamos a ver as "caras" para buscar algo que levo intentando xa 3 anos... Tocou disputar o XXIII Medio Maratón de Pontevedra ao cal teríamos que dar dúas voltas ao percorrido marcado.
Os obxectivos serían:
- Intentar mellorar o tempo que teño nesta distancia que é de 1:20:54 acadados neste mesmo percorrido no 2015.
- Facer o menor tempo posible para a clasificación por equipos mixtos.
Nada máis cheguei fun recoller o dorsal e como aínda quedaba tempo para o comezo da proba fun dar unha volta por Pontevedra e así ir estirando as pernas un pouco. Chegado o momento cambieime e púxenme a quecer un pouco, só 5 minutos porque era a hora de sacar a foto co equipo e non a quería perder.
Foto: Maribel |
Tras a foto, un par de conversacións con algúns compañeiros e para liña de saída xa que quería estar ben colocado para non ter que facer máis esforzo a hora de recuperar postos. Tras a esperar no caixón de saída onde o pouco que quentara xa non se notaba, deuse a saída con un pequeno susto. Practicamente diante miña houbo unha caída na que por sorte o corredor se puido levantar rápido e que non me levasen a min por diante. Foi un momento tenso pero sen maiores consecuencias.
Foto: Organización da proba |
Pasado ese momento comecei a correr a un ritmo "tranquilo" onde vou recuperando postos pouco a pouco e intentando manter o ritmo por debaixo de 4:00 min/km. Consigo facelo, aínda que me estaba custando por quentar pouco polo que, eses primeiros km's os tomei en modo quecemento para afrontar o resto da proba. Así os dous primeiros km's saíronme a un ritmo de 3:54 e 3:53 min/km os máis lentos que fixen en toda a carreira. Nestes primeiros km's fun acompañado por José, responsable da sección de atletismo do CD Pinarium que me indicou a quen tiña que seguir para intentar facer marca.
Foto: Organización da proba |
A partir do km 2,5 aprox. comecei a incrementar o ritmo para empezar a facer os km's por debaixo de 3:50 min/km xa que era o ritmo obxectivo para mellorar o tempo. Con este ritmo gañei moitos postos e estaba bastante cómodo mirando cada pouco o reloxo para controlar como ía.
Polo Casco de Pontevedra fun con un grupo que levaba moi bo ritmo (km's dende o 3,3 ata o 6).
Foto: Organización da proba |
Saíndo do casco e volvendo a estrada, empecei a marcar o meu ritmo, sentíame moi cómodo pero non sei se o reloxo estaba ben porque me marcaba que ía a un ritmo de 3:20 min/km e tiven que afrouxar un pouco porque senón seguramente a segunda metade da proba ía rebentar. O grupo no que estaba pouco a pouco o fun deixando atrás e só me seguía un corredor. Creo que das poucas veces que alguén me intenta seguir o ritmo e era unha sensación rara, estaba facendo a función de lebre.
Foto: Diego Torrado (PontevedraViva) |
A proba seguía cara unha das zonas que menos me gusta, a estrada que vai cara Monteporreiro, xa que son longas rectas e sen animación onde tes que tirar máis de cabeza para non virte abaixo e seguir co ritmo que levabas antes axudado polos ánimos da xente. Tras facer o segundo cambio de sentido no km 8,8, alcánzanme un par de corredores que me poño a seguir para ir ao seu ritmo xa que era máis forte que o meu, xa ían sendo horas de comezar a aumentar o ritmo. Así chegamos ao terceiro punto de control no km 10 o cal paso nun tempo de 38:08 min.
Continuaba nese pequeno grupo que se formou ata o km 13,6 aprox. na entrada de novo ao casco de Pontevedra, onde tras falar do rápido que estabamos indo nos últimos km's, algúns afrouxaron un pouco e outros, nos que me inclúo, seguimos intentado ir ao mesmo ritmo xa que as sensacións seguían sendo moi boas e de seguir así o obxectivo estaba cumprido.
Foto: Organización da proba |
Saín do casco outra vez e o reloxo volve a marcar 3:20 min/km, penso que é pola inercia da saída xa que é terreo favorable. Seguía gañando postos, algo que xa non me parecía tan normal porque xa só faltaban entorno a 5 km. Estes últimos km's tiven sensacións contraditorias xa que antes de chegar a estrada que vai a Monteporreiro tiven un baixón leve, a cabeza comezábame a dicir que ata aquí cheguei e as pernas xa as notaba cansas e doloridas, incluso xa me estaba custando seguir a xente que tiña por diante. Todo cambiou no km 18,6 foi como si o corpo fixera un reset e volvera a estar a tope. Comecei a tirar forte, xa ninguén me daba seguido e pouco a pouco os fun deixando atrás. Agora xa non podía afrouxar e seguín tirando con todo o que me quedaba ata gañei algún posto. Xa non miraba o reloxo só estaba concentrado en manter ese ritmo alto para chegar a meta.
Foto: Maribel |
Xusto antes de entrar nas pistas de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva onde tiñamos que dar case unha volta, perdo un posto. As pernas xa non podían máis e o compañeiro que me adiante díxome que fora con el, polo que fixen un último esforzo para seguilo e non perder tempo. Cheguei a meta moi contento ao ver o crono e quitándome un gran peso de encima.
Foto: Organización da proba |
O resultado final foi:
- Posto xeral: 36º de 1113.
- Posto categoría: 14º.
- Tempo: 1:19:23
- Ritmo: 3:46 min/km.
Os obxectivos cumpridos. ¡¡Por fin!!, despois de 3 anos intentando mellorar o tempo do Medio Maratón xa está feito e conseguín melloralo en 1:31 minutos polo que acabei a proba moi contento e satisfeito coa carreira que fixen, ademais vendo os paso de control (imaxe de abaixo) creo que fixen unha carreira case perfecta porque sempre fun a menos e gañando postos, menos un que me adiantou ao final pero xa non había máis combustible nas pernas.
En canto a clasificación por equipos non puido ser e acabamos sendo 6º a 24 minutos do podio.
Foto: ChampionChip Norte |
En canto a proba, moi boa organización, catro avituallamentos intermedios, un final moi completo e camiseta técnica da marca Joma. Varios puntos con animación musical. Entrega de dorsais fluída e sen colas (polo menos cando o recollín eu). Duchas e vestiarios preto da meta e saída, baños portátiles ao carón da saída (creo que é a primeira vez que os vexo).
O único inconveniente que vin foi o tema das duchas ao rematar a proba xa que cando eu cheguei que non fun dos últimos apenas botaba auga, era quente pero case non dabas sacado o xabón do corpo e polo que vin a cousa foi a peor acabándose a auga quente.
O percorrido é rápido con algunha pendente pouco pronunciada que che fai cambiar de ritmo pero que tamén ten a súa baixada para recuperar o perdido. Dous cambios de sentido que hai que facer dúas veces e todo bastante animada menos a zona xa comentada que está un pouco solitaria.
Para o ano intentarei estar de novo nesta proba e seguir pelexando por mellorar o meu tempo aínda que cada vez será máis complicado arañar algún segundo.
🏆 Clasificación xeral homes 🏆
- Alejandro Fernández Rivera ... 1:07:00
- Manuel Hurtado Sanjurjo ........ 1:08:44
- Miguel Penedo Taboada ........... 1:11:01
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
- Paula Mayobre González ....... 1:16:52
- María J. Gestido Rodríguez ... 1:21:29
- Beatriz Fernández Gil .............. 1:27:01
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Maribel, Organización da Proba, Diego Torrado (PontevedraViva). Moitas gracias.
0 comments