VII CorreSan - Barrio de San Pedro

Xa sen opcións na clasificación final do circuíto, tocou disputar a última proba do VII CorreSan que nos levaría a percorrer as rúas do Barrio de San Pedro. Nun percorrido de dúas voltas ata completar a distancia de 4,8 Km.

Os obxectivos serían:
  • Desfrutar desta nova proba xa que é a primeira vez que se vai facer este percorrido.
  • Tomala como adestramento e activación para a proba do día seguinte.
Cando cheguei a Santiago dirixinme ao aparcadoiro de Belvís xa que quedaba a 200 metros da saída pero estaba cheo e tiven que buscar outra zona onde poder aparcar. Cando o conseguín, só restaban 30 minutos para a saída e aínda tiña que andar uns 15 min. polo que xa fun a trote e así aproveitei para ir quecendo. Xa na a zona da saída, quentei un pouco por onde puiden xa que estaban os rapaces das categorías inferiores acabando de correr. Cando remataron e fomos chamados para a saída, coloqueime nunha zona media pero tirando cara adiante xa que a idea era ir máis tranquilo do que normalmente vou pero tampouco ir andando.

Tras unha conta atrás deu comezo a proba. Arranquei con moita precaución xa que o terreo polo que era a saída e practicamente toda a proba era empedrado e estaba todo mollado da chuvia que caera e que seguía caendo intermitentemente.

Foto: Xoán A. Soler (La Voz de Galicia)
A primeira volta foi para ver que tal era o percorrido e posiblemente fora o máis duro e "técnico" das catro probas. Comezabamos subindo uns 200 metros aprox., logo viña unha zona favorable que foi onde comecei a gañar postos xa que xa había máis sitio por onde poder marcar un ritmo propio. Rematada esa zona favorable viña outra subida (Km 0,75) pero esta xa tiña unha pendente considerable. Rematada esta pendente novamente zona favorable ata o Km 1,5 onde había un xiro perigoso e estreito. Despois seguíamos baixando ata unha nova e última subida tamén con unha pendente considerable (Km 1,85). Ao rematar esta subida xa só quedaba unha longa baixada e un xiro perigoso para entrar na recta de meta.

Así a primeira volta fíxena en 9:13 minutos que supoñía ir a un ritmo de 3:50 min/km de media polo que estaba indo bastante ben e controlando.

Foto: Juanma Fotografía
A verdade é que me sentía moi raro correndo sen esforzarme moito e intentando controlar o ritmo para non forzar máis da conta porque unha vez estás en carreira é moi fácil caer na tentación de ir a por todas e ao que dean as pernas.

A segunda volta ao saber xa como era o percorrido xa podía controlar mellor o ritmo sabendo o que ía tocar pero aínda que fun todo o tempo controlando, sobre o km 3,5 aprox. a molestia que me aparecera na Media Maratón de Vilagarcía a semana anterior volveu aparecer e xa non era tanto o xemelgo senón máis cara o soleo ou tendón de Aquiles. Aínda así fun mantendo o ritmo e practicamente durante toda a proba gañando postos.

Esta segunda e última volta fíxena en 9:15 min. que supoñía ir a un ritmo de 3:51 min/km, dous segundos peor que na primeira volta polo que o ritmo que fun levando foi bo e conseguín manter un ritmo estable.

Foto: RunPhotos Galicia
O resultado final foi:
  • Posto xeral: 52º de 371.
  • Posto categoría: 15º.
  • Tempo: 18:28 min.
  • Ritmo: 3:42 min/km
Os obxectivos ben aínda que esa molestia no soleo/tendón de Aquiles deixoume un pouco preocupado xa que tras a media maratón de Vilagarcía dinlle descanso ao corpo e pensaba que tiña as pernas recuperadas pero polo visto debe haber algo de sobrecarga. Aínda así saíume un ritmo bo e sen apertar moito aínda que houbo un km que me saíu a 3:37 min/km.

En canto a carreira e bastante rompe-pernas xa que practicamente estas durante todo o percorrido subindo ou baixando e case non hai llanos. Ademais se lle sumamos o empedrado, algo que non me gusta nada e a que estaba mollado, facíase moi perigoso. Posiblemente das catro probas do CorreSan deste ano, esta foi a que menos me gustou. Sigo botando de menos a cronoescalada individual, era un formato novo e que me gustou moito.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Amador Pena Torreira ................ 15:43
  2. Nuno Costa ..................................... 15:43
  3. Juán P. Fernández Rodríguez ... 15:44
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Esther Rodríguez Díez ..... 18:23
  2. Mónica Álvarez Alonso ... 18:49
  3. Johana Torres Torres ....... 20:34

Tamén che pode gustar:

0 comments