IX Carreira do Cocido

Tras 4 anos onde esta proba coincidía con Campionatos Galegos de Cross ou por mala sorte estaba lesionado, este ano puiden volver para participar na IX Carreira do Cocido de Lalín, sobre unha distancia de 10 Km e con algunha modificación dende que eu a correse por última vez. Cambiaba o lugar da saída pasando do Concello para o centro do pobo algo que se notou sobre todo na afluencia de público nesa zona.

Os obxectivos serían:
  • Establecer unha marca xa que será a primeira vez que faga este percorrido.
  • Comprobar as sensacións e ritmo en asfalto porque o que levo corrido este ano foron dous trail (Trail da Cidá e Trail da Camelia).
Cheguei a Lalín con tempo para aparcar no Lalín Arena (onde estaban as duchas) e ir a pé ata o lugar da saída, onde daban os dorsais. Tras recollelo, acabei de cambiarme e xa me puxen a quecer mentres saudaba a compañeiros de carreira e algún de equipo que tamén ían disputar a proba.

Chegado o momento e despois de animar e ver a carreira pola inclusión, coloqueime na saída nun principio estaba adiante de todo pero non estou para saír en cabeza polo que fun deixando que xente máis rápida se fora colocando diante, ademais simultaneamente se disputaba a proba de 5Km, con saída conxunta polo que os que ían a de 5Km ían ir máis rápido. Tras unha conta atrás deu comezo a proba.

Foto: Fotografía Bernabé
Saín bastante ben, algo que me sorprendeu, sen moitos atrancos e practicamente mantendo posición. Foi unha saída rápida xa que o terreo axudaba por ser en lixeira baixada. Sentíame bastante ben e comecei a tirar forte, isto fixo que gañase un par de postos pero estaba indo a uns ritmos moi altos e non sabía se ía dar aguantado así. 

Tras unha forte baixada para chegar ao Auditorio de Lalín (Km 0,8) collemos o paseo que nese tramo parecía estar en obras mentres seguía intentando manter o ritmo. Realmente non sabía se estaba gañando postos ou non porque ao ir os da carreira de 5Km con nos, non sabía se adiantaba aos de 10K ou aos de 5K. 
No Km 2,3 estaba o cruce que separaba un proba da outro e xa quedaba todo máis claro. Estaba no segundo grupo que perseguía a cabeza de carreira polo que intentei esforzarme máis para intentar alcanzar ao grupo que tiña por diante. Seguín gañando postos polo paseo ata que quedo con outro corredor do Arenteiro que me sigue e imos os dous a por ese grupo. O terreo seguía sendo favorable pero o esforzo que estaba facendo para intentar alcanzar a ese grupo comezouse a notar xusto antes de chegar ao km 5, deixo que o corredor do Arenteiro me adiante para intentar seguirlle o ritmo. 
Así pasamos polo control do Km 5, onde marquei un tempo de 17:25 min., 23 segundos máis rápido que a marca que teño e que supoñía ir a un ritmo de 3:29 min/km.

Intentei seguilo pero eu xa ía desexando chegar a meta e sabía que aínda quedaba o peor xa que ata o km 6 máis ou menos o terreo axudaba pero a partir de aí comezaba a picar cara arriba pouco a pouco pero as pernas xa o notaban. A partir do km 6 xa non fun quen de seguir ao corredor do Arenteiro e comecei a controlar a distancia por detrás que por sorte tras o esforzo da primeira parte da carreira era grande.

Foto: VII Legio Gemina
Entorno ao km 7,7 comezaba o peor, primeiro unha dura subida duns 100m no paseo, saímos del 200m despois xa no km 8 para coller o asfalto e seguir subindo posiblemente foi esta a subida máis dura da proba pensei que non chegaba arriba, menos mal que ao rematar esta subida había público animando. O terreo seguía picando cara arriba pero xa menos polo que puiden recuperar un pouco o alento. Xa na calle do Concello unha nova subida constante duns 300 metros ata chegar a altura da Estatua de Loriga. Eu xa non podía máis e cada pouco miraba para atrás pero parecía que o posto estaba asegurado. Dende a Estatua de Loriga, unha lixera baixada, cambio de sentido e a volver a subir esta xa sabía que era a última pero a máis longa. Estivemos subindo 700 m. e onde os últimos metros a inclinación era un pouco máis dura. 

Rematada a última subida xa se vía ao fondo a meta pero aínda quedaban por percorrer 400 m. o bo foi que xa eran en baixada e por inercia chegas rápido sen dar moitas posibilidades aos perseguidores e así cheguei a meta satisfeito pero coas pernas esnaquizadas. Así foi que os últimos 5 Km me levou 20:01 min. que supoñía ir a un ritmo de 4:00 min/km, nada que ver coa primeira parte da carreira...

Foto: Fernando Alva
O resultado final foi:
  • Posto xeral: 12º de 316.
  • Posto categoría: 4º.
  • Tempo: 37:26 min.
  • Ritmo: 3:45 min/km
Os obxectivos cumpridos pero con sentimentos encontrados. Contento polo primeira parte da proba onde fun a un ritmo moi bo e para facer marca, non esperaba estar tan ben. Menos contento coa segunda parte da proba xa que non fun quen de aguantar o ritmo ou polo menos que non se me fose tanto o ritmo... Por certo o compañeiro do Arenteiro que ía comigo ata o km 5 e que despois non fun quen de seguir acabou sendo o 3º da categoría de poder aguantarlle o ritmo podía ser unha bonita batalla polo podio. 

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Jose Canda Louzao .......... 34:03
  2. Luis Iglesias Raña ............. 34:27
  3. Carlos Lorenzo Blanco ... 34:42
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Iria Campos Trabazo .................... 41:53
  2. Covadonga Vázquez Sanchez ... 43:36
  3. Loreto Rodríguez Martínez ....... 44:20
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Fotografía BernabéVII Legio Gemina e Fernando Alva. Moitas gracias!!

Tamén che pode gustar:

0 comments