III Trail da Camelia

En principio ía participar no Campionato Galego de Cross que se celebraba en As Pontes pero ao ser lonxe e non formarse un equipo para competir, decidinme por participar por primeira vez, e iso que é na casa, no III Trail da Camelia e que paralelamente tamén se disputaba a V Maratón da Camelia, BTT e unha andaina. A proba tiña unha distancia de 15 Km con un desnivel positivo de 350m.

Os obxectivos serían:
  • Seguir collendo ritmo competitivo.
  • Desfrutar do monte que teño preto da casa e non coñezo.
Puxen o despertador para ir ver a saída da maratón pero cando mirei o teléfono e vin que marcaba 1º decidín quedarme na cama. 

Cheguei a Vedra e fun recoller o dorsal mentres ía saudando a compañeiros de carreiras. Tras recoller o dorsal funme cambiar e menos mal que cando estaba saíndo da casa volvín polos guantes porque a temperatura non era moito máis alta e había unha néboa que facía que a sensación térmica aínda fora máis baixa xa que impedía que o sol nos quentase un pouco.

Tras as instrucións do que nos íamos atopar no camiño e unha conta atrás, deu comezo a proba. Saín practicamente en cabeza e sumado a que o primeiro Km era baixando foi unha saída moi rápida tanto que segundo o reloxo saíume este km a 3:18 min/km. 

Foto: Pablo Rios
Ía intentando seguir a cabeza da proba xa que me encontraba entre os 15 primeiros e todo ía ben agás a respiración que me estaba custando moito pero creo que era motivo do frío que estaba facendo. 

Todo se comezou a truncar cando nos adentramos na Ruta do Pereiro (ruta de sendeirismo) xa que tiñamos que ir pegados ao rio Pereiro por un camiño moi estreito. Nesta zona comecei a perder de vista aos corredores de adiante e a perder postos. Cando non estabamos no camiño estreito, estabamos polo barro que había debido as últimas chuvias. Había tanto barro que nun dos salto que había que dar, apiques estou de irme ao chan, parecía unha pista de patinaxe, as zapatillas non agarraban nada.

Foto: Organización
Entorno ao km 3,4 tivemos que pasar por debaixo da autoestrada a zona tiña unha especia de "beirarrúa" de formigón e ao lado ía o rio Saramo pero polas últimas chuvias estaba todo anegado, parecía que íamos correndo polo rio. Despois veu a única subida que fixen andando e non porque eu quixera senón porque non tiña agarre. Eu intentaba correr pero esvaraba seguido.

Xa polo km 4,2 chegamos ao primeiro cruce que faríamos cos da proba BTT onde, en principio, os que íamos correndo eramos máis rápidos. Só nos cruzamos uns 200 metros con eles e xa colliamos camiños distintos.

Foto: Ribadoulla
Continuamos ao carón do rio ata o km 5,4 onde saímos a estrada asfaltada cunha subida duns 200m. a néboa comezaba a desaparecer e o sol comezaba a quecer polo que nese punto saquei os guantes que xa me comezaban a estorbar e os metín no cinturón. A partir de aí empecei a notarme mellor e a recortar distancia cos corredores que levaba por diante.

Xa por pistas de monte sen ter visión do rio estaba indo rápido e a sentirme máis cómodo. Así chegamos a Capela de Santa Isabel (Km 6,7) onde para chegar a ela tivemos que subir escaleiras a lo Rocky.

Foto: Organización
Deixando a capela atrás conseguín alcanzar aos corredores que levaba por diante e que vou perseguindo ata o primeiro e único avituallamento da proba (Km 8 aprox.) onde eles se paran e eu como é habitual sigo.
Tras o avituallamento quedo perseguindo a outro corredor que se parara e arrancou cando pasei eu. Uns metros máis adiante tiven que corrixir a ese corredor xa que se ía meter por unha pista equivocada. Sorprendeume ter que avisar eu a outro corredor porque polo normal son eu o que sempre se equivoca ao estar acostumado a correr por asfalto onde é moito máis complicado perderse.

A partir de ai fun todo o tempo detrás de ese corredor, as veces víame con forza para pasar pero estabamos levando un ritmo moi bo e non conseguía adiantalo.

No Km 10,7 volvíamos ao rio e a facer o camiño inverso, isto provocou que pouco a pouco se me fora escapando o corredor que levaba por diante e que perdera un posto (queda demostrado que a zona do rio non era o meu terreo). 

Foto: Organización
Entorno ao Km 12,2 saímos da ruta de sendeirismo e deixamos o rio atrás polo que tocaba correr moito se quería recuperar o posto perdido. Os últimos 3 Km que quedaban da proba eran compartidos cos da ruta BTT por unha zona moi embarrada pero a min xa me daba igual mancharme máis. Pasoume o de sempre, ao principio da proba vou intentando evitar o barro e non mollar os pes pero ao final como non hai máis remedio pois xa ía polo barro todo e meténdome en todos os charcos. O cambio de mentalidade e o ritmo que estaba impoñendo neste últimos km fixo que pouco a pouco me acercase aos dous corredores que levaba por diante.

Os últimos 1,5 Km eran de subida constante e xa por asfalto, isto beneficiábame e comecei a marcar un ritmo moi forte. Conseguín gañar eses dous postos e chegar a meta cunha vantaxe de 8 seg. sobre o meu perseguidor.

O resultado final foi:
  • Posto xeral: 17º de 159.
  • Posto categoría: 12º.
  • Tempo: 1:07:40
  • Ritmo: 4:31 min/km.
Os obxectivos cumpridos, aínda que me custou bastante meterme en carreira e a zona do rio atragoóuseme tanto na ida como na volta polo demais conseguín levar un bo ritmo e quedarme a 5:41 min do primeiro clasificado. En canto a ruta e os lugares polos que pasamos teño que volver para desfrutalos mellor porque houbo zonas que valen moito a pena e que descoñecía.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Sergio Requeijo Requeijo ... 1:01:59
  2. Federico Losada Conde ...... 1:02:11
  3. David Alonso Nogueira ...... 1:03:02
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Eva de la Fuente Iglesias ... 1:21:18
  2. Sonia Martínez Leyenda .... 1:22:00
  3. Ana Blanco Pérez ............... 1:23:42
Pd: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Pablo Ríos, Organización e Ribadoulla. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments