VII CorreSan - Ruta dos Parques
- novembro 03, 2018
- Por: IglesiasAmores
- 0 Comentarios
Tocou disputar a terceira proba do Circuíto de Carreiras Saudables de Santiago, o VII CorreSan - Ruta dos Parques. Un percorrido de 6 Km que une A Cidade da Cultura co Parque Eugenio Granell e pasando polo Bosque de Galicia, e o paseo polo Rio Sar.
O obxectivo sería:
- Intentar mellorar o tempo acadado o ano pasado que é de 21:55 min.
Cheguei con tempo a Santiago pero igual me confiei de máis xa que cando cheguei a zona onde paraban os buses que nos levarían ata a saída, acabei de cambiarme e subín ao penúltimo bus pero entrei por unha porta e saín pola outra. O autobús xa estaba completo polo que tiven que coller o último. Nada máis cheguei a Cidade da Cultura xa me puxen a quentar porque só restaban 20 minutos para que se dera a saída. Cando vin que xa ían todos cara a saída, eu tamén fun intentando poñerme nunha boa posición pero coa lección aprendida da Carreira de Rianxo. Polo que sen poñerme adiante de todo, esperei a que dera comezo a proba que sufriu uns minutos de atraso. Deuse a saída e foi un comezo estraño non porque se saíse como se só se fora a correr 1 km senón porque nos primeiros metros tiven unha dor polo costado que non sabia a que se debía e non me deixaba correr comodamente. Isto provocou que perdese bastantes postos incluso pensei que ía ter que facer a proba a trote ou andando.
Por sorte esa molestia desapareceu aos 800 metros cando entramos no Bosque de Galicia. A partir de aí puiden comezar a recuperar postos pouco a pouco xa que a baixada polo Bosque de Galicia era estreita e perigosa polos xiros que había que dar e porque estaba o terreo mollado. Tras a intensa baixada chegamos ao Multiusos Fontes do Sar para coller o paseo que vai polo Rio Sar. As sensacións eran moi boas e durante todo o tramo do Rio Sar duns 2 Km fun gañando postos.
Rematado o tramo polo paseo do Rio Sar chegamos ao Parque Eugenio Granell no km 4,5, a zona que para min é a máis divertida xa que parece que estiveses correndo un cross ou un trail pola zona máis fácil. Xa me comezaba a custar manter o ritmo co que cheguei aí pero a pesar diso gañei algún posto máis e tamén perdín algún por mor das postes que había que cruzar xa que estaban moi esvaradías e se non recordo mal, houbo xente que o ano pasado xa caera aí polo que nese puntos pasei con moita precaución. Así fun ata a meta dando todo o que me quedaba nas pernas e conseguindo manter un moi bo ritmo durante todo o percorrido.
O resultado final foi:
- Posto xeral: 21º de 441.
- Posto categoría: 7º.
- Tempo: 21:25 min.
- Ritmo: 3:31 min/km
O obxectivo cumprido. Mellorei o tempo do ano pasado en 30 segundos aínda que o percorrido non foi o mesmo xa que tivo algunha variación na baixada do Bosque de Galicia pero se comparo o ritmo en carreira co ano pasado si que foi máis rápido polo que satisfeito co resultado obtido e co rendemento que estou acadando.
🏆 Clasificación xeral homes 🏆
- Nuno Costa ..................................... 19:07
- Amador Pena Torreira ................ 19:46
- Juan P. Fernández Rodríguez ... 20:03
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
- Esther Rodríguez Díez ..... 22:29
- Mónica Álvarez Alonso ... 24:15
- Loreto Herrero Blanco .... 25:21
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Sandra Alonso (La Voz de Galicia), Juanma Fotografía e RunPhotos Galicia. Moitas gracias.
0 comments