Trail de San Isidro 2020

Despois de participar o día anterior na XVIII Padrón 10K, tocou ir estirar as pernas aos montes de A Pobra do Caramiñal xa que se celebraba o Trail de San Isidro 2020. Con un percorrido dos máis duros do Circuíto Revolutrion Trail Series sumando 13,5 Km e un desnivel de 795m+.

Os obxectivos serían:
  • Tirar ata onde aguanten as pernas despois da proba do día anterior.
  • Desfrutar e chegar sen consecuencias a meta.
Cheguei con tempo xa que alí non hai moito sitio onde poder aparcar. De momento o tempo aguantaba e o único que facía era bastante frío pero tiña toda a pinta de que ía chover. Tras recoller o dorsal e dar unhas voltas por alí facendo tempo, non había moitas ganas de poñerse de corto, tocou ir cambiarse e poñerse a quecer rapidamente para non estar tremendo co frío. Chegada a hora funme achegando a zona de saída e a verdade é que quedei bastante adiante. Así tras unha conta atrás arrancou a proba. Saín tranquilo e moita xente da que estaba por detrás miña estábame adiantando como se foran a correr un 5K quedei bastante sorprendido do rápido que saíron algúns.

Tras un primeiro tramo de asfalto duns 350m. chegamos a "Corredoira das prejuntas", un treito de 200m. a verdade é que aínda non sei porque ese camiño sempre está anegado ou se é parte dun regato pero encántame ese tramo.

Foto: Koala36 Retratografia
Despois de ese tramo veu unha zona bastante corrible e sen moita dificultade técnica máis que mirar ben onde se pisaba xa que todo estaba bastante esvaradío. Isto fixo que comezase a recuperar bastantes postos que perdera ao comezo. Tras unha pequena subida a aldea de Pumadino, Km 2, veu unha baixada curta pero intensa, Km 2,6,  xa que non me faltou nada para baixar co cu arrastras... Rematada a baixada fomos por unha das zonas que menos me gusta ir cando fago trail, pegados ao rio xa que me custa bastante ir rápido e sen medo a esvarar ou tropezar con algunha raíz e acabar na auga. Saímos desa zona entorno ao Km 2,8.

Foto: Arousa Neo
Pouco a pouco fomos separándonos do río Lérez e comezando a subir. A subida de momento íase levando ben e eu atopábame bastante cómodo, non sentía a fatiga pola carreira do día anterior.

A cousa foise complicando entorno ao Km 4, a inclinación de subida xa era maior, había unha densa néboa que parecía que estabamos poñendo rumbo a Mordor, non vías máis de 100 m. e o aire que alí estaba facendo era bastante forte. O único bo que lle atopei a isto foi que como non víamos ata onde había que subir nin o que restaba pois a cabeza asumiu mellor ese esforzo. Na metade da subida tivemos un acompañante máis xa que se sumou a choiva.

Practicamente xa facendo cumio, Km 5 íamos correndo preto dos eólicos e esa zona daba bastante medo con todas as condicións climatolóxicas que había, os eólicos que non se vían coa néboa e o ruído que metían era unha situación propia para unha película de medo...

Cando estabamos polo Km 5,5 acordeime desa zona do ano pasado xa que acabara coas pernas todas rascadas e picadas polo toxos e este ano non foi menos. Tendo un camiño ao lado, nos íamos saltando de toxo en toxo... cousas do trail.

Tras esa zona, o terreo volvíase favorable e xa puiden volver a correr aínda que ía con bastante precaución porque estaba todo moi esvaradío e non me atrevía moito a ir pisando nos charcos ao non saber o que podía haber baixo a auga.

Así fomos ata o Km 7,8 onde si que o pasei realmente mal para poder correr. Íamos por un camiño practicamente saltando de pedra en pedra, chovendo e co vento en contra. Tiven que ir correndo coa man diante dos ollos porque coa forza que viña a chuvia parecía que me estivesen cravando agullas nos ollos. Esa zona fíxoseme eterna e rematou sobre o Km 8,8 aprox. Ese tramo psicoloxicamente acabou comigo, xa estaba desexando chegar a meta.

A partir de aí comezamos a baixar e eu a perder moitos postos. Foi unha baixada bastante técnica coa dificultade engadida do terreo moi esvaradío, había zonas nas que pensei que non ía dar sacar a zapatilla da cantidade de barro polo que estabamos indo. Cando sentía corredores xa detrás miña, intentaba apartarme a un lado e deixábaos pasar. Eu só quería chegar a meta de unha peza.

Non me lembro moi ben ata onde estivemos baixando con todo aquel barrizal e con zonas bastante técnicas pero tras ese tramo a cousa cambiou e puiden volver a correr máis cómodo e cruzamos por última vez o rio no Km 12,5.

Foto: Arousa Neo
Xa só restaba 1 Km para meta no que tras unha pequena subida a aldea Vilas, xa foi deixarse levar ata meta aínda que tiven que apertar un pouco nos últimos metros para non perder un par de postos máis. Vale que cando sexa técnico e a cousa se pon complicada perda postos pero en asfalto non o podo permitir.

Foto: Suso Balado
O resultado final foi:
  • Posto xeral: 49º de 218.
  • Posto categoría: 9º.
  • Tempo: 1:32:04.
  • Ritmo: 6:53 min/km
Os obxectivos conseguidos aínda que houbo momentos nos que sufrín pola miña integridade física con bastantes esvaróns baixando onde tiven que poñer as mans no chan para non ir a rastro e esa zona onde nos chovía de cara e era practicamente imposible ver. Polo resto moi contento xa que non notei fatiga pola carreira do día anterior e parece que comezo a estar mellor de forma.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Esteban Toucedo Santos ... 1:15:28
  2. Óscar Brión Brión ... 1:15:29
  3. Óscar Guerra Magán ... 1:17:38
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Verónica Calvo Dopazo ... 1:29:50
  2. Beatriz Barroso Pérez ... 1:32:31
  3. Elena Matalobos Redondo ... 1:32:51
Vídeo resumen da proba creado por Canal Rías Baixas:


PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Koala36 RetratografíaArousa Neo e Suso Balado. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments