Carreira Quilómetros Solidarios

Primeira carreira que fago en tempos de corentena aínda que antes houbo outra pero non me decatei a tempo. Primeiro vou comentar como estou levando o confinamento no ámbito deportivo e despois xa entro de cheo na proba.

Uns días despois de que se declarara o estado de alarma, improvisei un circuíto polo terreo da casa para non perder o estado de forma. A sorte de vivir na aldea. Cada volta ten unha distancia aproximada duns 530m. o cal parece máis un percorrido para adestrar cross ou trail polos continuos xiros e pendentes. A verdade é que estou adestrando mellor agora que antes xa que a parte de correr tamén fago exercicio de fortalecemento e polo mesmo circuíto vou ca bicicleta.

Esta primeira proba estivo organizada polo Club de Atletismo Ría de Foz. A proba comezaba as 8:00h da mañá ata as 20:00h durante ese período de tempo tiñas que realizar unha actividade (correndo ou en bicicleta) completando a distancia que quixeses ata os 5Km como máximo e por cada Km que fixeras o Club Atletismo Ría de Foz doaba 1Kg de alimentos ao Banco de Alimentos de Foz. Esta actividade tiña que ser demostrable polo que ao rematar a proba tiñas que mandar unha captura do rexistro por correo electrónico para que fose verificada.

O día aquí en Vedra non acompañaba moito xa que estaba a chover pero pouca cousa caía. Intentei esperar un pouco a ver si escampaba pero non lle vía traza e como pola tarde as predicións eran peores tocou mollarse xa pola mañá (o final fixo mellor tempo pola tarde...). Tras realizar os exercicios de quecemento coloqueime na "liña de saída" onde tiven a compañía de Shasha pero que cando comecei a correr, preferiu protexerse da chuvia.


O percorrido comezaba con un pequeno tramo en llano, o único que hai. Tiña que ter coidado con pisar sobre as pedras porque esvaraban moito.


Tras o llano tiven que facer uns xiros entre maceiras para meterme a correr polo medio da horta. De momento a terra segue sen estar preparada para o seu cultivo e onde comezaba a primeira subida.


A subida remataba a altura dun pequeno loureiro. Esta primeira subida xa che facía esforzarte xa que pouco a pouco vai picando máis cara arriba.


Unha vez no loureiro, xiro e encaramos a primeira baixada onde se colle velocidade polo que xusto antes de rematar a baixada fixen unha especie de "chicane" para frear antes do seguinte xiro.


Rematada a baixada xiro estreito entre dúas plantas onde case sempre paso rozando con algunha delas.


Tras o xiro un falso llano xa que comezo de novo a subir. Sigo esquivando plantas para chegar a ultima subida.



A ultima subida vólvese dura tras facer tantos xiros. Ademais é a zona onde máis pendente hai.


Tras facer "cumio" tocaba baixar facendo unhas eses entre árbores froiteiras. A zona máis técnica deste percorrido onde me da a sensación dalgunha baixada de trail. Ademais tiven que marcar o percorrido con cinta porque ao principio sempre me equivocaba de camiño e non sabía por onde tiña que ir.



Rematado o tramo entre as árbores froiteiras so quedaba un último tramo baixando xa relaxando o corpo e chegar a zona de saída para afrontar unha nova volta.


Este é o percorrido ao cal tras darlle 10 voltas completei a distancia de 5,3Km. Non sei se foi polo dorsal pero saíume mellor ritmo que os días anteriores, as sensacións foron boas e os 5Km pasaronme rápido non como cando estou adestrando que pola metade xa me vou arrastrando... jajaja  


O resultado final:
  • Posto final: -
  • Posto categoría: -
  • Tempo: 26:02 min.
  • Ritmo: 4:52 min/km
Obxectivo cumprido xa que puiden aportar o meu gran de area nesta iniciativa solidaria do Club Atletismo Ria de Foz coa máxima colaboración que eran eses 5Km que equivalen a 5Kg de alimentos para o Banco de Alimentos de Foz.
Ao final conseguiuse un total de 905 Km's (905Kg de alimentos) que non está nada mal. Darlle os parabéns ao Club Atletismo Ria de Foz por esta iniciativa.


PD: Fotos feitas por miña nai que estivo durante as 10 voltas perseguíndome co paraugas e coa cámara. O dorsal cada un facía o seu e creo que o meu aínda non quedou moi mal.


Tamén che pode gustar:

0 comments