XII Carreira do Cocido
- marzo 13, 2022
- Por: IglesiasAmores
- 0 Comentarios
Despois de tan só 5 meses volvo a participar nunha nova edición da Carreira do Cocido xa que a anterior disputada en Outubro fora a edición suspendida pola pandemia. Cheguei a esta proba moi xusto de adestramento, ultimamente ando enfermo cada dous por tres... Novamente había dúas modalidades de carreira 5K ou 10K, no meu caso inscribinme aos 10K.
O obxectivo sería:
- Intentar mellorar o rexistro da última edición que foi de 36:51 min.
Coma sempre cheguei cedo para poder estacionar máis comodamente. Tras recoller o dorsal volvín para o coche a esperar a que chegase a hora de cambiarse e poñerse a quecer xa que estaba a facer bastante frío. Cando restaban 40 min. para o comezo da proba, empezo a cambiarme para ter tempo de quecer ben. Durante o quecemento deu tempo a sacar unha foto con parte dos integrantes do equipo que tamén ían disputar a proba.
Foto: Atletismo Deza |
Tras o quecemento, faltando xa 5 min para o comezo da proba somos chamados a liña de saída, desta vez a diferenza coa edición de Outubro xa non había caixóns de saída e volvía a saída conxunta. Coloqueime máis atrasado do que debería porque sabía que o meu ritmo non ía estar para saír máis adiante e así tras gardar un minuto de silencio pola guerra de Ucraína, deu comezo a proba.
Foto: Atletismo Deza |
Arranquei tranquilo e con precaución durante os primeiros 100m. xa que me quedei un pouco encerrado ao saír máis atrasado e non podía marcar o meu ritmo. Pouco a pouco fun recuperando postos e xa empezou a haber máis espazos polo que era máis fácil ir ao teu ritmo.
Adentrámonos no Paseo do Pontiñas aos 500m do comezo da proba e a area/zahorra do chan despois de tantos días de chuvia estaba feita en algúns puntos un barrizal e coas zapas de asfalto parecía unha pista de patinaxe. Isto fixo que o ritmo cambiase e estivese máis atento a intentar non caer que a seguir co ritmo que estaba impoñendo.
Foto: Fernando Alva |
A partir do punto de control comecei a sentirme un pouco mellor xa que só ía centrado en correr e non en mirar onde pisaba. Isto fixo que pouco a pouco fose recuperando algún posto. O ritmo non era moito mellor xa que íamos con tendencia a subir aínda que non se notaba moito. Comparado con outros anos o tramo do paseo pasóuseme rápido e cando me din de conta xa estamos na última subida dura do paseo, Km 5,8.
No Km 6,5 aprox. debeu ser onde o ano pasado se perdeu algún dos corredores porque este ano esta cheo de cintas marcando o camiño a seguir polo que era imposible perderse... Seguimos percorrendo o último tramo do paseo que vai máis polo pobo ata chegar ao Auditorio, Km 7,7. A partir de aí tocaba asfalto e a afrontar as últimas subidas, nestas subidas perdo algún posto, xa non tiña pernas para moito máis. Intento engancharme ao corredor que levaba por adiante para non perder mais postos, algo que consigo e así rematamos as subidas sobre o Km 8,8.
Foto: Atletismo Deza |
O resultado final foi:
- Posto xeral: 41º de 294.
- Posto categoría: 11º
- Tempo: 39:07 min.
- Ritmo: 4:01 min/km.
O obxectivo non se conseguiu pero agora mesmo non hai moito mais nas pernas, toca adestrar máis e gañar todo o perdido esperando que gripes e irritacións de garganta me deixen tranquilo. Quedei sorprendido co posto acadado xa que non foi tan malo como pensaba.
En canto a proba, día complicado para facer un bo tempo polas condicións nas que estaba o paseo do Pontiñas nos primeiros Km's, mellor sinalización, avituallamento intermedio liquido e final liquido e sólido, bolsa do corredor con camiseta e alimento sólido. Outra cousa que regresou foron as duchas. Para min sígueme gustando máis coa saída e meta no centro do pobo aínda que dende esta nova ubicación quedan as duchas máis preto.
🏆 Clasificación xeral homes 🏆
- Nuno Costa ... 31:50
- José Canda Louzao ... 31:57
- Marcos Oro Vence ... 32:50
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
- Patricia Varela Santiso ... 39:51
- Vanesa Blanco Rey ... 42:03
- Tamara García Rodríguez ... 42:37
0 comments