III Trail San Silvestre Minas de San Finx

Último fin de semana do ano e para despedilo, regreso ao monte para desfrutar do Trail San Silvestre Minas de San Finx. Trail con dúas distancias: unha longa de 25 Km e outra curta de 16 Km. Esta será a miña primeira participación nesta proba e tamén que corro neste concello. Claramente inscribinme a distancia curta porque actualmente o meu nivel non da para moito máis e hai que ir aos poucos.

O obxectivo sería:
  • Desfrutar e chegar sen ningún contratempo a meta.
Intentei chegar pronto para poder aparcar xa que nun comunicado do concello, facían unha serie de recomendacións e entre elas, era ir con tempo para aparcar e para coller o autobús que nos levaría a saída. Tras aparcar no campo de fútbol, fun recoller o dorsal que estaba a uns 500m. no pavillón. Acabo de cambiarme e aínda que había gardarroupas na zona de saída, decido ir xa listo para correr. Collín o último dos buses que alí estaba, aínda que despois tivo que ir outro porque aínda quedaban corredores alí.

Tras chegar as Minas de San Finx, estiven esperando ao frío a que chegase a hora de poñerse a quecer, un erro vir xa cambiando e non traer un xersei polo menos. Tras dar a saída da andaina, púxenme a quentar, uns 10 min. de trote e listo. Facía tanto frío que tiven que parar no quecemento e sacar unha zapatilla porque tiña un dedo do pé que non o sentía.

Intentei colocarme ben pero sin estar nas filas dianteiras xa que polo que me contaran este é un trail sen moitas zonas técnicas o que me podería favorecer. Así tras un atraso para darlle tempo aos da andaina a que colleran o seu camiño e non atopalos polo medio, deu comezo a proba perseguindo un cabalo.

Foto: Concello de Lousame
Arranquei bastante ben, aínda que igual me debería haber posto un pouco mais adiante xa que aos 250m cando nos metiamos no monte quedei un pouco encerrado e non conseguía gañar postos. Practicamente ata o Km 2,1 era todo favorable e fun gañando postos pouco a pouco, tampouco quería apertar moito porque non sabía como era o perfil do percorrido (erro meu non sabelo e tamén non darme de conta que estaba no dorsal).

A partir do Km 2,1 comezamos a subir sin descanso, a verdade que me estaba notando moi ben e incluso facía tramos andando e tramos correndo, isto fixo que recuperase postos máis rápido. Así fun ata o Km 3,5 onde a inclinación da pendente era menor pero seguiamos subindo ata o Km 4,7. Despois tocou unha baixada que se podía dicir que foi en dous tramos xa que baixamos un tramo, logo houbo un pequeno descanso onde tamén houbo que subir un pouco para logo rematar de baixar ata a seguinte subida forte xa polo Km 7,8.

Esta última subida duraba preto de 1 Km e onde se notou que me falta físico xa que vía ao corredor que levaba por diante e era incapaz de achegarme a el. Cando eu tiña que botarme a andar porque non daba seguir correndo o outro corredor seguía subindo fortemente. As miñas forzas empezaron ir a menos e xa me comecei a preocupar polos corredores perseguidores.

Tras esta subida a que posiblemente foi a baixada máis técnica e onde me empezou a doer un pouco o nocello. O primeiro tramo da baixada tiña bastante pedras soltas pero permitía seguir correndo ben con algo máis de precaución o problema meu son que as zapas que ultimamente en cada carreira que as poño acabo cunhas bochas no talón que me impiden seguir correndo ben e con dor no nocello pero iso debe ser problema de como afronto as baixadas e tocará fortalecer esa zona.

Chegamos ao avituallamento, Km 9,3 do cal como é habitual non me deteño e sigo correndo xa que xa sentía aos perseguidores preto, tanto que rematada esta baixada no Km 10,2 e no primeiro tramo no que había algo de técnica por un pequeno rio adiántame un dos corredores, intento seguilo pero nuns escasos metros xa o perdín de vista.

Foto: Raquel Mayo
Os últimos 5 Km eran bastante chans e corribles xa que discorrían polo medios de bosques e algúns tramos de asfalto. As veces vía aos corredores que levaba por diante e me dicía a min mesmo de apertar un pouco para intentar gañar algún posto pero as pernas xa non querían máis. Así fun ata a chegada a meta, onde as miñas contas sobre o posto no que ía foron incorrectas xa que eu ía pensando que ía no posto 5º/6º aprox. e cando entraron os corredores que levaba por diante e escoitei pola megafonía o seu posto, levei unha sorpresa.

Foto: Concello de Lousame
O resultado final foi:
  • Posto xeral: 4º de 162.
  • Posto categoría: 4º.
  • Tempo: 1:18:40
  • Ritmo: 4:54 min/km.
Obxectivo cumprido. Cheguei sen contratempos a meta e coa sensación de que podía conseguir un mellor posto de haber saída un pouco máis adiante e de estar en mellor estado de forma. Un 4º posto que non esperaba, mágoa que tras mirar o regulamento vin que non daban premio por categoría e só aos tres primeiros polo que ao final quedeime a 40 seg. do podio sin ser consciente de que fun durante gran parte da proba 3º.

En canto a proba, é un trail rápido para correr case durante todo o tempo, sen practicamente ningunha zona técnica polo que o fai perfecto para desfrutar ou apertar todo o que o corpo che permita. Tamén é un trail para a xente que estea empezando a facer este tipo de probas. A organización bastante ben, non notei nada en falta, o único igual algunha cinta de marcaxe máis porque había veces que estaba por frearme xa que non sabía se ía ben ao estar as cintas tan separadas unha de outras e ao ir só dábame a sensación de ir polo camiño incorrecto.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Tono Gómez Rios ... 1:10:55
  2. Adrián Iglesias Penido ... 1:17:59
  3. Manuel Canoura Abeijón ... 1:18:00
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Beatriz Barroso Pérez ... 1:27:33
  2. Elena Matalobos Redondo ... 1:30:42
  3. Natalia Martínez Arias ... 1:40:51
Pd: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Concello de Lousame e Raquel Mayo. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments