VIII Sin Son 10K

Tras case un mes sen competir e sen apenas adestrar tocaba volver a competición e que mellor que facelo que na VIII Sin Son 10K. Unha proba en liña que vai dende Portosín ata Porto do Son completando unha distancia de 10 Km.

Os obxectivos serían:
  • Chegar a meta en boas condicións xa que rematei o último adestramento con molestias nun xeonllo.
  • Se todo vai ben, rematar a proba nun ritmo medio de 3:40 - 3:45 min/km.
Chegamos a Porto do Son co tempo xusto para coller o último autobús que nos levaría ata Portosín onde estaba a saída. Antes, cando xa estabamos de camiño, tiven que volver a casa porque se me esquecera coller o dorsal que xa recollera días antes.

Xa en Portosín, fun cara o gardarroupas para deixar o xersei que levaba porque estaba soprando un aire frío. Nada que ver co tempo que nos atopamos polo camiño xa que estaba a chover e facendo bastante aire pero ao chegar a costa todo cambiou e ata estaba despexado pero persistía o forte vento.

Tras entregar a roupa, xa me puxen a quecer. O vento tiña toda a pinta que ía facer de esta proba que fose máis dura xa que os refachos eran moi fortes. Incluso a mar estaba moi picada, tanto que a auga pasaba por encima do rompe-olas que protexe o porto.

Cando faltaban uns 5 min. para que dera comezo a proba, funme achegando ao meu caixón. Sabía que non estaba para ir a uns ritmos fortes polo que me coloquei máis atrás do normal e segundo fora indo a carreira xa iría apertando máis ou menos.

Xa só restaba un minuto e déronlle saída aos que facían a proba en patíns e agora era a nosa quenda, disparo ao aire e arrancou a proba.

Foto: Sin-Son 10K
Saín con moita precaución, ao estar máis atrasado hai máis xente coa que ter tino de non tropezar e tamén ía vendo como respondía o xeonllo que parecía que todo ía ben. Así o primeiro Km, saíume nun ritmo de 4:04 min/km. Pouco a pouco comezaba a notarme mellor e como todo se ía estirando, xa era máis fácil comezar a gañar postos mentres seguíamos dando esa pequena volta por Portosín antes de saír a estrada xeral e poñer rumbo a Porto do Son. Este ano nesa volta en Portosín houbo un pequeno cambio para aumentar uns metros a distancia e chegar así aos 10 Km xa que sempre daba entorno a uns 100m menos.

Foto: Marcos Creo
Saímos a estrada xeral, Km 3,5 onde seguía soprando un forte aire nas que a veces me daba a sensación de non avanzar ou que ía tirar comigo. Os ritmos xa eran mellores pero nada que ver cos de antes xa que estaba rodando entorno a 3:50 min/km e coa sensación de que estaba indo ao máximo. Aínda así, pouco a pouco seguía gañando postos.

Foto: Marcos Creo
Así cheguei ao paso polo control do Km 5, onde marquei un tempo de 20:00 min. de aguantar así chegaría a meta con un tempo de 40:00 min. lonxe do obxectivo polo que tería que apertar para intentar achegarme a el, algo complicado xa que as sensación non eran moi boas e o aire seguía soprando forte.

Foto: Sin-Son 10K
Tras pasar o punto de control continuei intentando sacar ese ritmo que me faltaba e aínda que as veces parecía que o ía conseguindo, logo me fatigaba e tiña que ir un pouco máis tranquilo. Chegamos ao punto máis duro da proba, sobre o Km 7 unha pendente de case un Km que este ano a pesar de ir mal de ritmo fun subindo bastante ben. Supoño que ao ir máis tranquilo non se me fixo tan dura como outros anos.

A partir de aí practicamente o que quedaba xa era favorable e preto do último km comecei a perder postos polo que decidín intentar dar todo o que me quedaba nese último Km, a ver que ritmo era capaz de marcar. Isto fixo que recuperase algún dese postos perdidos e facendo este último km a 3:35 min/km. Encarando a recta de meta xa me deixei levar e perdo algún posto de corredores que entraron a sprint.

Foto: Sin-Son 10K
O resultado final foi:
  • Posto xeral: 142º de 1127.
  • Posto categoría: 43º.
  • Tempo: 39:12 min.
  • Ritmo: 3:55 min/km
O obxectivo non se cumpriu, aínda que cheguei sen molestias as sensación non foron moi boas pero creo que era o normal. Sen apenas adestramento e tomando o primeiro km para ver se o xeonllo estaba ben. Ao final puiden rematar sen ningún percance facendo así un bo adestramento para ir recuperando o ritmo perdido e estar o mellor posible para o comezo da tempada 2020.

En canto a proba nada en contra, segue estando a un gran nivel organizativo e gran trato o corredor. Posiblemente entre as mellores de Galicia, polo menos dende o meu punto de vista. Percorrido rompe-pernas con subidas e baixadas constantes pero que permiten correr moi rápido. Gardarroupas, camiseta de agasallo e avituallamento intermedio e final moi completo. Ademais varios puntos onde poder ducharse ao rematar e autobús para levar os corredores tanta para a ida como para a volta.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Alejandro Fernández Rivera ... 30:11
  2. Adrián Ben Montenegro ... 30:52
  3. Iván Roade Lago ... 31:00
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Joselyn D. Brea Abreu ... 35:06
  2. Esther Navarrete Santana ... 35:13
  3. Edymar D. Brea Abreu ... 36:35

Tamén che pode gustar:

0 comments