VIII Media Maratón Solidaria Zona Aberta

Última proba homologada que ía disputar esta tempada, un novo intento de mellorar a marca en media maratón. Para iso despraceime ata Vilagarcía de Arousa onde se celebraba a VIII Media Maratón Solidaria Zona Aberta, a favor da Fundación Andrea para o apoio de nenos con enfermidades de longa duración, crónica ou terminais. O percorrido posiblemente dos máis propicios para intentar facer un bo tempo, sempre que o vento o permita.

O obxectivo sería:
  • Intentar mellorar o tempo que teño nesta distancia que é de 1:19:23 acadados o ano pasado nesta mesma proba.
Cheguei ben de tempo para aparcar, recoller o dorsal e acabar de cambiarme. Mentres ía saudando aos compañeiros de carreira que estaban alí. Cando faltaban 20 min. para o comezo da proba púxenme a quecer. De momento o tempo aguantaba sin chover pero o aire xa comezaba a facerse notar o que sería un gran inconveniente para intentar mellorar o tempo. Xa só restaban 5 min. e fúmonos colocando na liña de saída. Púxenme nunha boa posición sen perder de vista a lebre que ía ir para 1:20:00 para intentar ir nese grupo. Non soe haber unha lebre tan rápida polo que era unha boa ocasión para facer un bo tempo e esa sería a estratexia a seguir, ir ca lebre ata o km 16 máis ou menos e a partir de aí tirar todo o que puidese para achegarme ao obxectivo.
Esperando a que dera comezo a proba, soou a pistola para que arrancásemos e polo menos a min pilloume desprevido. Arranquei ben, mantendo posto e con tranquilidade que a carreira é moi longa.

Foto: Tere
Os primeiros 2 Km's fun intentando poñerme preto da lebre pero estábame custando xa que non son de ir en grupo e sempre tiro eu pola miña conta polo que ía ser unha carreira distinta ao que estou acostumado. Pouco a pouco vaise formando o grupo e vou indo cara as posicións dianteiras para ir máis cómodo, co inconveniente de que ía recibir todo o aire pero prefería ir así. Os ritmos medios estaban indo perfectos, igual un pouco máis rápido pero para min era mellor.

Foto: Tere
Todo ía ben ata chegar a rotonda de Carril por primeira vez, km 8,1, xa que ao facer o cambio de sentido comezou a dar o aire de cara e facíao con ganas. Nese punto tiña que ir cara a parte traseira do grupo para evitar o aire pero seguía estando adiante e aberto polo que traguei todo o vento facendo un esforzo extra para manter o ritmo.

Foto: Gerard Novell Leruth
Completamos a primeira das voltas e aínda que ía ben comecei a notarme canso e pouco a pouco fun quedando atrás no grupo polo que decido tomar a glucosa que levei para evitar cambras. Polo normal non acostumo levar nada para tomar nas medias maratóns pero decidín levala por probar a ver si me sentía mellor. Tras tomala no km 11, as sensación non eran mellores ía co grupo pero xa facendo un esforzo para non descolgarme de todo.

Aguantei ata o km 13 máis ou menos a partir de aí pouco a pouco vía como o grupo se ía escapando e aínda que as veces apertaba por ver si conseguía volver a acercarme ao grupo, non houbo maneira e as opcións de acadar o obxectivo íanse perdendo.

Foto: Tere
Con cada corredor que me adiantaba intentaba engancharme a el para recuperar o ritmo, estaba perdendo bastante tempo pero non había forma de seguir a ninguén. As pernas xa as levaba esnaquizadas e aínda quedaba un bo tramo co aire en contra. Que mal o pasei nesa zona, se na primeira volta o aire xa se facía notar, na segunda volta aínda era máis forte ou polo menos a min me parecía xa que non avanzaba. Rematada esa zona só quedaba entorno a 1,5 km para meta, unha última mirada cara atrás para ver que se cocía detrás miña e vín como viña un grupo importante polo que tiven que apertar os dentes para intentar non perder moitos máis postos xa que a opción de mellorar o tempo non a ía cumprir, polo menos quedar nun posto decente. Recta de meta e perdo un posto máis pero eu non tiña nin forzas para sprintar e así chego a meta, desfeito e decepcionado co tempo acadado.

Foto: RunPhotos Galicia
O resultado final foi:
  • Posto xeral: 47º de 351.
  • Posto categoría: 9º.
  • Tempo: 1:22:11.
  • Ritmo: 3:54 min/km
O obxectivo non foi cumprido. Quedeime a 2:48 min. da miña marca e fisicamente acabei esgotado polo que se notou que non estaba preparado para esta distancia. Agora que a tempada practicamente este remata (quedan un par de carreiras para desfrutar), toca ir pensando non próximos obxectivos e poñerse a adestrar para chegar nun bo estado de forma.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Juan C. Mosquera Dopazo ... 1:12:50
  2. Víctor H. Pacheco Martínez ... 1:13:54
  3. Pablo M. García García Paz ... 1:14:34
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Ana B. González Margaride ... 1:27:48
  2. Laura Núñez Naveira ... 1:35:35
  3. Eva de la Fuente Iglesias ... 1:36:59
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Tere, Gerard Novell Leruth e RunPhotos Galicia. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments