XLIII Carreira do San Martiño

Tras unhas semanas nas que non competín. Tocou volver para unha das probas con máis afluencia de Galicia, a San Martiño de Ourense, este ano xa na súa XLIII edición. Con un percorrido homologado de 10 Km no que a pesar de non ser a máis propicia para facer marca, sempre saen moi bos tempos.

O obxectivo sería:
  • Intentar mellorar a marca que teño na distancia que é de 35:50 min acadados na San Martiño 2018.
Intentei chegar cedo para poder aparcar con maior facilidade e así foi, máis ou menos onde tiña pensado e máis preto que o ano pasado. Tras estacionar, dirixinme cara o pavillón dos Remedios para esperar a que chegase un amigo que me traía o dorsal e que tamén ía participar pero que finalmente decidiu non facelo. Xa co dorsal, púxenme a quecer un pouco e dirixinmen cara a saída para poder colocarme nunha boa posición. Aquelo era un caos, había dorsais de todas as cores mesturadas e pouca xente respectou os caixóns de saída. Só estaba delimitado os do primeiro caixón o resto estabamos todos ao montón... 

Retirada a cinta que nos separaba do caixón 1, quedei colocado practicamente adiante de todo polo que podía facer unha boa saída e así tras unha conta atrás deu comezo a proba.

Foto: Tito Picouto
Arranquei bastante ben, máis ou menos conservando o posto e sen moitos problemas pero tras os primeiros 100 m. cruzando a Ponte do Milenio comezabamos a subir cara a estación de tren. As pernas non as sentín nada ben, como si xa estivese canso e sen moitas ganas de correr. Esperaba que fose por non quecer o suficiente e que pasado o primeiro km comezase a notarme mellor.

Pasamos o primeiro km e as sensacións ían mellorando. Pouco a pouco ía gañando postos e achegándome ao ritmo obxectivo. O asfalto estaba moi mollado e nos xiros había que ir con precaución. Así fun tirando o máis forte que podía pero os ritmos non acababan de saír e a cabeza non estaba centrada na carreira.

Así cheguei ao paso polo control do km 5, onde marquei un tempo de 18:21 min. que supoñía ir a un ritmo medio de 3:40 min/km. Lonxe do obxectivo pero había que seguir tirando por si conseguía recortar o tempo e irme achegando ao obxectivo.

Foto: Tito Picouto
Os ritmos non melloraron e comecei a perder postos sin ser quen de seguir aos corredores que me adiantaban. Así fun durante a segunda parte da proba, daba igual que estivese subindo, baixando ou fora en llano, non me sentía nada cómodo.

Último km e intentei dar todo o que me quedaba para marcar un tempo algo decente, incluso sprintei na recta de meta pero estaba claro que non tiña un bo día porque perdín outro posto nesa loita final.

Foto: RunPhotos Galicia
O resultado final foi:
  • Posto xeral: 80º de 2934.
  • Posto categoría: 26º.
  • Tempo: 36:56 min.
  • Ritmo: 3:42 min/km.
O obxectivo non foi acadado. Fixen 1:06 min. máis que o ano pasado que era a marca que tiña que superar polo que non quedei contento xa que tiña a esperanza de estar máis preto do obxectivo. De todas formas satisfeito porque tampouco cheguei moi preparado para esta proba: falta de adestramento e un pequeno arrefriado.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Alejandro Fernández Rivera ... 29:36
  2. Iván Roade Lago ... 29:58
  3. Fernando Rial Castro ... 30:36
 🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Joselyn Brea Abreu ... 33:47
  2. Ester Navarrete Santana ... 34:21
  3. Marta Casanova Vázquez ... 35:17
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Tito Picouto Fotografía e RunPhotos Galicia. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments