Última proba e comezarei a preparar o Campionato Galego de Media Maratón que se celebrará en Riveira o 10 de Setembro.
Despraceime ata o Concello de Rois, concretamente ata o entorno da Ermida de Soutullo en Quintáns-Urdilde onde se celebraba o I Trail NaturFest organizado por Chorima sobre unha distancia de 14 Km.

Os obxectivos serían:
  • Desfrutar da última proba, natureza e entorno.
  • Intentar saír forte e tirar ata onde aguante xa que nos trails sempre vou con máis coidado e este a ser antes do parón de verán podo probar a ver que sae.
Tras conseguir chegar a zona de saída na que debín ir polo camiño máis longo e con máis curvas que había, recollín o dorsal e fago tempo ata que foi a hora de poñerse a quecer un pouco. Aínda que o día estaba anubrado e caía algo de auga, facía calor polo que en carreira se ía esperar unha gran humidade no ambiente.

Cando faltaban 15 minutos para a saída, póñome a quecer facendo os primeiros metros da proba na que se ía saír con unha longa baixada, algo que me ía penalizar pero a ver se conseguía colocarme ben e intentar non perder moitos postos.

Consigo colocarme bastante ben, aínda que sabendo que eu baixando non son moi bo, decido atrasarme un pouco para que os que baixan como se non existira un mañá, non me leven por diante.


Dáse a saída e efectivamente vou perdendo postos pero en canto se empeza a estirar todo, comezo a gañar de novo as posicións e iso que aínda seguiamos baixando. 


Tras a primeira baixada duns 500 m. aprox. comezamos a subir de novo para cruzar por unha aldea e volver a baixar cara o monte onde xa comezaba o duro desta proba xa que agora tocaba subir continuamente, onde intentei correr seguido e non botarme a andar. Isto fixo que quedara no grupo perseguidor da cabeza. Ía tirando ben, intentando chegar ao seguinte grupo pero pouco a pouco se me foron escapando e non conseguir velos debido a gran cantidade de néboa que había na zona.

Polo km 4 aprox. a piques estou de perderme, menos mal que ía con outros corredores que me dixeron que por alí non era e sigo con eles ata chegar ao avituallamento que estaba situado no km 5,5 aprox. Eu decidín non parar e continuar xa que sabía que ese era o punto máis alto e que agora practicamente todo o que viña era baixar.


Tras o avituallamento viña unha zona rápida de leve baixada pero fácil polo que os perseguidores non eran capaces de collerme ata que a cousa se empezou a complicar con un par de baixadas máis técnicas onde perdo dous postos.

Nunha desas baixas o corredor que tiña por diante caeu sen maiores consecuencias, iso fixo poñerme a pensar xa que se un corredor de trail cae, eu que son de asfalto ía pasalo mal. Así foi, nesa baixada aínda a fun baixando bastante ben pero sobre o km 7,5 aprox. había unha baixada bastante técnica, tanto que non sabía nin onde pisar e apiques estiven de ter que parar de todo para baixar máis tranquilo, o problema ía ser parar porque unha vez que empezas a baixar, parar é complicado e máis con pedras soltas e estando o terreo mollado. Por sorte baixo sen ningún percance e ao chegar abaixo unha respiración profunda e a seguir correndo.


Xa só restaban 6 Km para chegar a meta e o máis complicado estaba feito, agora o único problema que podía ter sería de forzas pero de momento ía bastante ben, tanto que nesta zona consigo alcanzar outro corredor pero que, nunha das poucas subidas que quedan eu bótome a andar porque xa non había moitas forzas para correr e me saca unha distancia que non dou recuperado.

Para chegar a meta había que volver a subir o que no comezo da proba baixamos, nese punto eu xa ía desfondado de todo e vou correndo e andando para que non me collese ninguén por detrás, aínda que tras varias miradas, non viña ninguén e entro en meta correndo para dar boa imaxe.


O resultado final foi:
  • Posición xeral: 7º de 72.
  • Posición categoría: 3º 🏆
  • Tempo: 1:08:49
  • Ritmo: 4:55 min/km

Os obxectivos cumpridos, desfrutei moito desta carreira, aínda que tamén houbo algunha zona na que sufrín pola miña integridade física pero nos trails é o que toca. En canto o resultado moi satisfeito ao conseguir o meu primeiro podio no monte facendo así unha boa despedida ata Setembro.

Información técnica:
  • Distancia: 14 Km.
  • Desnivel +: 580 m.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Iván Brea ................................ 1:06:04 
  2. Sergio Bouzas Gómez ............ 1:06:05
  3. Carlos Juanatey García ........... 1:06:10
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. María González Martínez ....... 1:20:43
  2. María Mareque Martínez ........ 1:23:17
  3. Sonia Lois García ................... 1:32:39
Rematada a V Carreira Carneiro ao Espeto, tiven uns 50 min. para recuperar o alento e estirar ben as pernas xa que ía participar noutra proba que se celebraba paralelamente a esta, a II Carreira por Parellas Carneiro ao Espeto. Unha proba duns 2 km aprox. nos que tiñas que correr con un compañeiro atado por unha corda e onde decido participar con Alberto Pereiras.

O obxectivo sería:
  • Desfrutar e pasalo ben mentres facemos unha nova modalidade de carreira.
Recupero máis ou menos, xa que a gran carreira que acababa de facer seguro que me ía pasar factura pero confiaba en que ao ser unha distancia corta non se notase moito. O compañeiro chega xusto 15 minutos antes da saída, menos mal que xa recollera os dorsais para participar.

Cando somos chamados para a saída, imos rápido xa que tiñamos que recoller a corda, mirar como nos íamos atar e intentar colocarnos adiante xa que aínda que só íamos a desfrutar e pasalo ben, había que evitar posibles tropezóns e perigos coa corda. 


Tras unha conta atrás dáse comezo a proba e Alberto saíu máis rápido, a min estábame custando moito coller ritmo xa que notaba as pernas como dúas pedras nas que os músculos parecían estar de adorno e así os primeiros metros vou intentando seguir a estela de Alberto mentres íamos gañando moitos postos, adiantando por todos os lados e colocándonos en 3º lugar tras uns 600 metros de carreira, incluso nos poñemos en 2º lugar pero tras un xiro e comezar a subir nos atacan e perdemos ese posto volvendo a ser 3º. 

Nese momento foi cando ao meu compañeiro lle empezou a faltar o aire e me pide que vaiamos un pouco mais tranquilos, eu xa estaba en modo competición es as pernas xa volvían a responder, non ao 100% pero para facer un bo tempo si. Relaxo o ritmo esperando que o compañeiro se recupere mentres botaba miradas cara atrás para controlar que non nos pasase ninguén máis e polo menos chegar en postos de podio.


A falta de 300 metros para a meta dígolle ao compañeiro se pode apertar un pouco que se acercaban por detrás e xa só quedaba chegar a meta, dime que si e comeza a tirar pero cruzóuseme no medio, cerrándome o paso por onde eu ía correndo. Por sorte non tropecei e conseguimos chegar a meta con un bo ritmo e mantendo a posición de podio.


O resultado final foi:
  • Posición xeral: 2º de 29
  • Posición categoría: 2º
  • Tempo: 6:25 min.
  • Ritmo: 3:11 min/km
Ao final comprobando os resultados levamos unha sorpresa, xa que nos vimos en segunda posición, tras facer unhas preguntas a un compañeiro do Atletismo Moraña da parella que quedara primeira, dinos que aos segundos se lles esquecera poñer o chip de control e por iso non saían na clasificación.

Os obxectivos máis que cumpridos, xa que ir a unha proba a desfrutar e quedar segundos non se pode dicir todos os días. O ritmo non é real xa que a proba ao final foi menos distancia sobre 1,7 km polo que sairía un ritmo de 3:46 min/km algo que me parece máis acorde. 

Mágoa que tras esperar a entrega de trofeos pensado que ao ser segundos tiñamos algo non foi así xa que daban premios aos primeiros de cada categoría (home-home, home-muller e muller-muller).

PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de Difusion para Atletismo +9 Moraña. Moitas gracias.
Tocaba disputar a penúltima proba antes do merecido "descanso" de verán para volver con máis ganas e afrontar o Campionato Galego de Media Maratón que se celebrará en Riveira o 10 de Setembro. Así despraceime ata Moraña onde se celebraba a V Carreira Carneiro ao Espeto, sobre unha distancia de 10 Km.

O obxectivo sería:
  • Intentar mellorar o tempo do ano pasado no que fixen un tempo de 39:08 min. aínda que chegaba con pouco rodaxe polo que non sabía como ía responder o corpo.
Unha vez que cheguei, fun recoller o dorsal para a carreira e ver a primeira das carreiras de categorías inferiores, rematada a proba, comecei co quecemento mentres saudaba a compañeiros de equipo e das carreiras.

Cando somos chamados para a darse a saída, colócome o máis adiante posible para evitar as aglomeracións do comezo, aínda así, tras darse a saída perdo posicións por ir con precaución pero que rápido ía recuperar.


O primeiro km fun gañando postos seguido mentres comezaba a marcar un ritmo alto, máis do normal para ser principio de carreira pero estábame sentindo moi cómodo e as sensación eran moi boas.


Seguín tirando aínda que pouco a pouco deixaba de gañar postos xa que os ritmos se empezaban a igualar. Fórmase un pequeno grupo sobre o km 2,5 no que me axuda a coller un pouco aire e relaxar as pernas xa que decido manterme nel mentres recuperaba.


Ao paso polo control do km 5 marco un tempo de 18:56 min. que equivale un ritmo de 3:47 min/km, bastante ben pero había que apertar máis, aínda que xa ía pensando en que se me ía facer duro a parte final pero había que intentalo.


Comecei a segunda volta apertando máis para coller ao compañeiro de carreiras Sergio Requeijo e unha vez que chego, anímame para que agora vaia polo grupo que ía por diante, fágolle caso e intento chegar onde eles pero as pernas xa non estaban con ganas de ir e decido relaxar un pouco e intentalo máis preto da meta.

Restaban dous km e aínda había que subir unha longa pendente pero sen moita inclinación que acabou cas miñas forzas, dende alí xa empecei a mirar cara atrás para ver a situación e só viña o compañeiro e a primeira das mulleres, polo que o último km o fago máis "tranquilo" e xusto antes de entrar en meta espero polo compañeiro para chegar xuntos a meta. Estes últimos 5 km's fágoos en 17:46 min que supoñen un ritmo de 3:33 min/km.


O resultado final foi:
  • Posición xeral: 16º de 175.
  • Posición categoría: 4º.
  • Tempo: 36:44 min.
  • Ritmo: 3:40 min/km.
O obxectivo máis que cumprido xa que fixen 2'24'' menos que o ano pasado, ademais se a proba estivera homologada sería a miña mellor marca na distancia, polo que acabei moi contento co tempo que fixen pero menos coa posición, volvín facer outro 4º e quedarme as portas do podio pero parece que vou polo bo camiño e cada vez estou indo máis rápido. 

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Akka Essaadaoui ....................... 32:28
  2. Rubén Pereira Cardalda ............. 33:24
  3. Abel Barros González ................ 34:19
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Paula Mayobre González ............ 37:00
  2. Rocio Alvite Ferreiro .................. 37:57
  3. Marinela Mayo Caamaño ........... 38:14
Tras conseguir mellorar a miña marca nos 5 Km no Campionato Galego de Curtis, xa só me queda desfrutar das últimas probas deste mes sen buscar grandes obxectivos pero sempre intentando dar o mellor de min. 
Por iso este finde toca disputar o I Medio Maratón "O Gran Camiño" que transcorrería integramente polo Camiño de Santiago unindo Arzúa con Arca (O Pino).

Os obxectivos serían:
  • Intentar facer unha boa carreira como me saíu nunha media similar como é Os 21 do Camiño.
  • Seguir coas boas sensacións e rendemento das últimas carreiras.
  • Desfrutar dunha nova etapa do Camiño a Santiago.
Como xa recollera o dorsal os días previos a carreira, unha vez que chego a O Pino, vou directamente ao autobús que nos leva ata Arzúa onde está situada a saída. De camiño a Arzúa produciuse unha situación curiosa e é que por diante nosa ía a Policía Local e varios coches de Protección Civil coas luces acesas polo que parecía que íamos custodiados, como se estivera chegando alguén importante.

Chegamos a Arzúa e tras unha visual a como era a saída póñome a quecer mentres buscaba a os outros compañeiros de equipo que ían disputar a proba. Atópoos a falta de 10 minutos para a saída, sacamos a foto de equipo, últimos sprints para acabar de quecer e para a liña de saída.


Colócome bastante adiante para ser unha media maratón, non ir a buscar un tempo e chegar alí coa sensación de que ía ser moi posible de que petase polo camiño, xa que os días previos, tiven malas sensacións adestrando con dor pola zona abdominal. Aínda así a estratexia será tirar dende o principio e ata onde o corpo aguante, despois a desfrutar o que se poida.

Dáse a saída e menos mal que estaba colocado adiante porque os primeiros metros era un embotellamento con un par de curvas pechadas e zonas estreitas.


Tras pasar esa zona de precaución comezo a coller ritmo de competición e a gañar postos, esas malas sensacións que tiña antes da carreira desapareceron e atopábame moi ben polo que empecei a tirar forte.

Un aliciente co que nos íamos atopar durante todo o percorrido serían os peregrinos, xa que todos nos animaban e cada un nos seu idioma. Como non, cando recibía eses ánimos había que agradecerllo e como non daba falado para manter ben a respiración, polgar para arriba e aplauso cada vez que recibía ánimos.

Entorno ao km 2 ou 3 alcanzo aos compañeiros de equipo que saíron mellor ca min e pouco a pouco os vou deixando atrás, sempre coa idea de intentar alcanzar ao seguinte corredor aínda que baixando sempre había quen me adiantase, xa que as baixadas non son o meu forte.


Antes de chegar a metade de carreira, sufro un "ataque", e é que ao pasar polo lado dun can este ven cara min ladrándome, menos mal que non botou o dente... Isto fixo que incrementase un pouco máis o ritmo e ao pasar polo control no km 10 marco un tempo de 38:24 minutos que equivale un ritmo de 3:50 min/km, bastante ben para ser unha media e na que non estou a buscar tempo, ademais as sensacións eran perfectas ata ese momento, con ganas de apertar máis pero como tiña medo de petar había que controlar un pouco.


Sufro un par de cortes de ritmo e é que non daba pasado por mor dos peregrinos que ocupaban todo o camiño pero eles estaban no seu dereito, pódese dicir que o camiño e deles e nos estabamos de paso.

Sigo mantendo un ritmo forte, aínda que nas pendentes comezo a notar algo de cansancio e de que as pernas xa non estaban tan cómodas. Cada certo tempo botaba unha mirada cara atrás para ver como ía e de momento ninguén polo horizonte.


A falta de 5 Km para o final intento forzar máis xa que me adiantan dous corredores, aguanto un pouco o seu ritmo pero son incapaz de seguilos xa que comezo a ter dor no estómago, como se me fora dar flato polo que desisto na súa persecución e intento ter controlado ao corredor que viña por detrás.


Os 2 últimos km's fixéronseme eternos, xa ía coas forzas xustas e o corredor que viña por detrás cada vez estaba máis preto, a parte non contaba con ter que dar unha volta por Arca ata chegar a meta. O ter que apertar un pouco para que o corredor que viña por detrás non me collese, achégome aos dous corredores que tiña por diante pero sen ser capaz de darlles caza e chegar a meta por detrás deles.

Nada máis entrar en meta xa estaba Terio Carrera anunciando a miña chegada e dicindo no posto que quedara, algo que me sorprendeu ao igual que cando vin o tempo co que crucei a meta.


O resultado final foi:
  • Posición xeral: 11º de 231.
  • Posición categoría: 4º
  • Tempo: 1:21:37
  • Ritmo: 3:52 min/km

Os obxectivos cumpridos, xa que a carreira saíume moi ben, as sensacións e rendemento foron incribles, incluso eu me sorprendín cando vin o tempo cando cheguei a meta e desfrutei moitísimo correndo entre os peregrinos xa que todos te animaban a seguir.
Mágoa que me volve pasar como na media Os 21 do Camiño que tras ir un bo rato 3º da categoría volvo perder o posto a escasos km's da meta, quedándome a 38'' do podio e é que o 3º, 4º e 5º clasificados senior entramos en 60''.

En canto a carreira, dura con constantes subidas e baixadas pero que eran ben de levar predominando a baixada, algo que a min non me ven ben pero cos ánimos dos peregrinos levábase moito mellor. Espero que se manteña no calendario esta media maratón porque ten moito potencial para ser unha das grandes. 

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Pedro Nimo del Oro ....................... 1:12:10
  2. Roberto R. Jiménez Gallego .......... 1:14:55
  3. Javier Paredes González ................ 1:15:10
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Rocio Alvite Ferreiro ...................... 1:24:48
  2. Esther Rodríguez Díez .................... 1:25:14
  3. Ariana González Verde ................... 1:27:37
Regreso a Curtis un ano despois para participar no Campionato Galego de 5K en ruta e só no campionato decidindo non anotarme a proba popular que se disputaba paralelamente. Na edición do 2016 non fun quen de rebaixar o meu tempo acadado hai dous anos en A Estrada que é de 18:15 min.

O obxectivo está claro:
  • Conseguir MMP, estará complicado pero non imposible.
Unha vez chego a Curtis, vou recoller o dorsal, tomarlle un té negro e prepararme para comezar co quecemento pero antes pasar por cámara de chamadas para confirmar asistencia.
Rematado o quecemento vou para a saída e aínda que me debía colocar un pouco máis adiante preferín saír na zona media e controlar un pouco máis os primeiros metros para non pagar moito o esforzo na segunda volta.
Dáse a saída e arranco con moita precaución de non tropezar é o que pasa ao saír máis atrasado.

Tras pasar os primeiros 300 metros xa se comezaba a estirar o grupo e poñendo a cada un no seu sitio. Custoume moito arrancar e o primeiro km a pesar de ir gañando postos, non me atopaba nada cómodo, incluso me estaba a doer o estómago pero pouco a pouco foi pasando e atopando mellor para seguir tirando. Na primeira volta gañei moitos postos pero as sensacións que tiña non eran boas e non estaba correndo cómodo, paso por meta para comezar a segunda volta onde intento ver o tempo que levaba pero estaba tapado polo cartel da federación e me é imposible saber como ía polo que a seguir tirando. Tras ver a clasificación final o tempo de paso da primeira volta foi de 8:57 min que equivale ir a un ritmo de 3:35 min/km, bastante ben xa que de aguantar a ese ritmo faría marca.


Comeza a segunda volta onde levaba un grupo por diante e que me propoño darlle caza para seguir tirando, así fago media volta ata que o consigo alcanzalos na última "pendente", non era moi empinada pero ao ir atope parecía que si. Adiántoos e intento escaparme deles xa que o último km picaba cara abaixo e é onde máis me custa correr. Ese último km, non din aguantado e adiántanme un par de corredores pero xa non me importaba só pensaba en seguir tirando ao máximo e mirar o tempo que fago, incluso chego esprintando con outro corredor, no que pero no esprint pero só quería saber o tempo. Finalmente esta última volta fágoa en 9:05 min que equivale a un ritmo de 3:38 min/km, ao final notei algo o cansancio e esforzo pero creo que acabei bastante sen perder moito tempo na segunda volta.


O resultado final foi:
  • Posición xeral: 34º de 137.
  • Posición categoría: 9º
  • Tempo: 18:02 min.
  • Ritmo: 3:36 min/km
O obxectivo cumprido, xa que conseguín mellorar a marca que tiña na distancia 13 segundos e baixar aos 17:56 min no tempo neto, polo que para a próxima terei que saír un pouco máis adiante para seguir mellorando e ir arañando segundos ao crono. As sensación durante a carreira non foron boas, o primeiro km con dor no estómago e despois coa sensación de pesadez, de non ir rápido pero que finalmente puiden completar unha gran carreira. 
Tras consultar a clasificación, vexo que se me chego a anotar a carreira popular, quedaba 3º da categoría, unha mágoa pero bueno, quedo coa satisfacción de haber conseguido mellorar a miña marca.

🏆 Clasificación xeral do campionato homes 🏆
  1. David Santos Domínguez .............. 15:00
  2. Alejo Ares Prada ............................ 15:15
  3. Diego Barreiro Carneiro ................ 15:53
🏆 Clasificación xeral do campionato mulleres 🏆
  1. Paula Mayobre González ............... 17:17
  2. Aurea Retamal Muñiz .................... 19:50
  3. María S. Castro Soliño ................... 20:06
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de Tere para Running Oleiros. Moitas gracias.