Campionato Galego de Maratón 2019 (A Coruña)

Para comezar coa crónica da miña primeira maratón, hai que remontarse uns meses atrás xa que dende Decembro de 2018 me propuxen este ano asistir a esta maratón e que comezaría a adestrar a principios de ano.

Chegou Xaneiro, comecei a buscar plans de adestramento para seguir e chegar con algunha garantía de que a ía rematar a proba pero os plans que atopaba non os acaba de entender, os días foron pasando e pensando: "bueno se non a preparo en 4 meses aínda a podo preparar en 3". Non houbo maneira e segundo ían pasando os días cada vez estaba máis convencido de que este ano tampouco lle tocaría, xa levaba varios anos pensando en correr unha pero nunca tan convencido como esta xa que tras mellorar o ano pasado a marca na media maratón e que o levaba intentando xa 3 anos agora tocaba buscar un novo reto.

Faltaban 6 semanas e xa tiña decidido que este ano tampouco lle ía tocar pero todo cambiou a seguinte semana. Diego González, presidente do equipo no que estou, CD Pinarium, mandoume unha mensaxe por si quería e podía ir a maratón para poder formar un equipo co cal competir no campionato galego. El sería quen me levaría o adestramento durante as 5 semanas que restaban e se eu me vía ben pois finalmente sería da partida.

A primeira semana caeron 79,5 Km, notouse que non estaba acostumado a adestrar en condicións nin tantos km's porque as pernas comezaron a notar a carga e apareceron dores que polo normal non tiña. A segunda semana foron 96 Km, onde realicei a tirada longa de 32Km e que xa supoñía facer a "carreira" máis longa que fixera ata o momento e aínda que os últimos km's ía fundido e sen forza saíume un ritmo bastante decente e non moi lonxe do obxectivo.
Na terceira semana fixen 72,2 Km e comezaron os problemas un pouco máis serios. Ambos xeonllos estaban protestando e o tendón de Aquiles tamén, tanto que non puiden rematar un dos adestramentos pola dor e por precaución mellor parar.
Na cuarta semana fixen 89,2 Km e as dores ían remitindo o corpo comezaba a asimilar o adestramento e nesta semana aínda que foron máis km's os ritmos xa eran máis tranquilos. O problema foi meteorolóxico xa que ata esa semana o tempo acompañou pero nesta comezaron as chuvias.
Última semana 49,3 Km a ritmos moi tranquilos para non forzar máis a maquinaria e chegar ao Domingo coas pernas en óptimas condicións.

Non sentín nervios nin nada ata o día antes. Despertador para as 5 da mañá, deixei todo preparado para que non se me esqueza nada e a intentar durmir. 5:00 am soou o despertador, hora de ir almorzar o de sempre e poñer rumbo A Coruña. Desta vez non conducía eu xa que levaba o coche miña irmá, máis que nada porque non sabía como ía estar ao rematar a proba. Por sorte atopamos onde aparcar a primeira aínda que a 30 min. a pé do lugar da meta. Cheguei a Praza de María Pita onde estaba a meta e onde quedara cos demais integrantes do equipo que íamos disputar a maratón. Diego González e "Kote" Santiago. Éramos tres, os xustos para formar o equipo polo que tiñamos que chegar a meta os tres si ou si para poder puntuar.


Tras deixar as pertenzas no gardarroupas dirixímonos cara a saída a uns 500m. situada no Obelisco para pasar por cámara de chamadas. Logo puxémonos a quecer un pouco para estirar un pouco as pernas e última pasada polo baño.
Dirixímonos para a liña de saída e poñémonos no caixón correspondente. Nese momento estaba bastante nervioso, desexando que dera comezo a proba e practicamente a hora xusta, 8:30 am, deu comezo a proba.

Foto: Víctor Echave (La Opinión A Coruña)
Sorprendeume un pouco o rápido que saíu a xente, igual tanto como se fora unha media maratón, incluso creo que en algunha media ou trail me deu a sensación de que a saída fose máis tranquila. Arranquei ao ritmo obxectivo entre 4:15 / 4:20 min/km, co compañeiro de equipo Kote xa que me ía facer de lebre durante a proba ata o km 32 aprox. a partir de aí a tirar o que se puidese.

Nos primeiros 3 km dirección o Aquarium Finisterrae foise pouco a pouco formando un grupo coa intención de rondar as 3 horas. As sensacións de momento eran boas, ningunha molestia e indo cómodo co ritmo.

Foto: Tere
Dimos volta na rotonda e volvemos polo outro lado da calle ata Riazor xa no km 5,5. O grupo xa estaba consolidado e eu ía quedándome atrás do grupo para protexerme un pouco do vento que por momentos era bastante incómodo. Damos volta ao carón de Riazor e volvemos para o interior da Coruña poñendo rumbo a zona do porto que por comentarios que vin e lin é a peor da proba xa que non hai público e faise aburrido correr por alí. Antes de chegar a esa zona, non sei cal puido ser o motivo, empecei a ter moita fame, nunca me pasara de ter tanta fame en carreira e iso que só levabamos 8 Km...

Foto: Tere
Este ano na zona do porto tiñan animación na entrada e saída desta estrada, a que denominaron "O muro do inferno", con uns demos e música. Neste punto tamén tiñan un aspersor por si se quería refrescar do cal pasei porque de momento ía en óptimas condicións xa que só levabamos 10Km da proba. Xusto cando me avisou o reloxo do km 10 collín unha ampola de glucosa que levaba e tomeina, ademais un dos avituallamentos estaba alí e xa podía coller a auga para que baixase mellor.

Saímos da zona do porto e poñemos rumbo o lugar da saída, xa que había que dar 3 voltas ao percorrido. Aquí comezaron os problemas, tiña moitas ganas de ir mexar pero non quería parar porque despois tiña que esforzarme máis para volver a enganchar ao grupo co desgaste que iso supoñía, polo que intento aguantarme. Dimos volta en Correos e encaramos a segunda volta. Esta primeira volta de 14Km fíxena aprox. en 1:00:21 que supoñía un ritmo medio de 4:19 min/km e quitando o problema de que mexaba por min todo ía ben.


Comecei a segunda volta e as sensacións seguían sendo as mesmas. Todo se comezou a truncar preto do km 19 a altura da praia de Riazor, comecei a notar unhas picadas no xemelgo como si me cravaran unha punta. Isto provocou que tivera que cambiar a pisada e intentar entrar máis plano ou de talón para que o xemelgo sufrira menos a ver si así se recuperaba un pouco. Parecía que si funcionaba pero en canto me despistaba un pouco e volvía a pisada normal, picada outra vez. Pola miña cabeza xa comezaba a pasar a idea de que non ía dar rematado, entre as ganas de mexar e o problema no xemelgo non tiña boa pinta a cousa...

Km 20 chegamos outra vez ao Estadio de Riazor e tomo outra ampola de glucosa. Continúo máis centrado en pisar ben para protexer o xemelgo que en mirar a que ritmo estabamos indo. Completamos a media maratón en 1:31:14 e de aguantar a este ritmo íamos rondar as 3 horas. O grupo pouco a pouco íame deixando atrás, estábame custando seguir a ese ritmo e todo ía cambiar no km 24,5 xa que o compañeiro de equipo ten que ir a un dos baños que había ao longo do percorrido e me quedo "só". Un km despois tomei un dos xeles con cafeína que levaba e parecía que me sentara ben porque pouco a pouco volvín a chegar ao grupo e cando volvemos a pasar pola saída para comezar a terceira e última volta xa estaba de novo con eles. Acabando estes 28 Km en 2:01:09 que supoñía un ritmo medio de 4:20 min/km.

Foto: Running Oleiros
Comezamos a terceira volta en grupo pero pouco ía durar. Rumbo ao Aquarium Finisterrae un dos corredores do Running Oleiros vaise escapando pouco a pouco e decidín ir con el a pesar de que xa comezaba a notar que as forzas empezaban a non existir. No avituallamento que estaba antes de chegar ao Aquarium collo auga para baixar a última ampola de glucosa que tiña que tomar no km 30 e o resto da auga useina para botala polo xemelgo que me daba problemas por recomendación do compañeiro de equipo que me dera antes. Parecía que funcionaba e todo volvía a ir relativamente ben pero foi a calma antes da tempestade.
A altura da Praia de Riazor, entorno ao km 34 viñeron máis problemas aos xa comentados do xemelgo que estaba a punto de caramelo de dicir basta e as ganas de mexar que non pasaban, sumáronse os problemas de estómago, que cada pouco me viña unha forte dor que me facía ir máis amodo e tamén me comezou a doer o tendón de Aquiles que supoño que foi provocado polo cambio de pisada.

No km 35 tiña que tomar o outro xel que levaba pero como ía tocado do estómago decidín non tomalo por si ía a peor. Con estes novos problemas comecei a non ser quen de aguantar o ritmo do compañeiro do Running Oleiros e funme quedando, perdendo postos sen ser capaz de reaccionar e desexando chegar a meta. Non sei como se me vería dende fora pero a min dábame a sensación de que ía medio zombi pero aguantando o ritmo entorno aos 4:30 min/km.

Todo cambiou no km 39, un pouco antes de chegar ao último avituallamento, empecei a tirar como se de repente me dera un chute de adrenalina e todo parecía responder ben, o xemelgo funcionaba, xa non tiña dor de estómago nin a sensación de que me ía mexar pero o Aquiles si que seguía tocado polo que nos xiros tiña que ter coidado ao apoiar. Comecei a marcar ritmos preto aos 4:05 min/km e a gañar todos os postos que perdera ata o momento, incluso creo que gañei máis postos dos que perdín e ata teño que pasar polo aspersor porque agora si que me facía falta refrescar.

Foto: Alfonso Díaz
Que longo se me fixeron estes últimos 3 km, ía ben pero xa desexaba chegar a meta, cada pouco miraba o reloxo para ir calculando máis ou menos si ao final ía dar baixado das 3 horas e vendo que seguía indo rápido para estar no final da proba.
Entrei na Praza de María Pita, últimos metros, miro o reloxo, non ía conseguir baixar das 3 horas pero tampouco era un obxectivo e cruzo a meta, sin ser consciente de que acababa de rematar unha maratón pero nese momento só quería sentarme e relaxarme para coller alento.

Foto: Running Oleiros
O resultado final foi:
  • Posto xeral: 66º de 492.
  • Posto categoría: 18º
  • Posto xeral campionato: 30º de 104.
  • Posto categoría campionato: 9º
  • Posto por equipos: 3º de 12 🏆
  • Tempo: 3:03:23
  • Ritmo: 4:21 min/km
Tras un minutos nos que intentei recuperar o alento e comecei a despexar a cabeza, empecei a sentir unha gran felicidade por rematar a proba e a ser consciente do que acababa de conseguir xa que tras só 5 semanas de preparación creo que fixen un moi bo tempo e conseguín rematar bastante ben a pesar dos problemas que tiven en carreira e de superar o famoso "muro" que me durou uns 5 Km onde estiven a piques de poñerme a andar e a abandonar.


Tras ducharme, marchei porque miña irmá tiña outros compromisos e non podía quedar a entrega de trofeos que para sorpresa cando xa case estaba na casa, chámame Kote para avisarme de que eramos 3º por equipos e así poñer un broche de ouro a miña primeira maratón.


🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Dominic Pkemoi Cheronges ... 2:19:24
  2. Hosea Kiprotich Rutto ............. 2:19:58
  3. Carlos Costa ................................ 2:24:26
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Mª del Rosario Figueroa Figueroa ... 3:07:13
  2. Mª Rosa Romero Antón ....................... 3:14:51
  3. Sara Pita González ................................. 3:17:52
🏆 Clasificación xeral campionato homes 🏆
  1. Miguel Penedo Taboada ... 2:35:35
  2. Carlos Lorenzo Blanco ..... 2:35:41
  3. Esteban Díaz Pérez ........... 2:37:36
🏆 Clasificación xeral campionato mulleres 🏆
  1. Mª del Rosario Figueroa Figueroa ... 3:07:13
  2. Sara Pita González ................................. 3:17:52
  3. Inmaculada Corton Tesouro .............. 3:28:49

Tamén che pode gustar:

0 comments