V Carreira Camiño das Letras

Día festivo e como é habitual, día de carreira. Tocou disputar a V Carreira Camiño das Letras con saída dende o Pico Sacro (Boqueixón) e meta na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela) ata completar unha distancia de 15 Km. 

Os obxectivos serían:
  • Intentar mellorar o tempo que teño nesta proba acadado o ano pasado que é de 1:03:09.
  • Intentar chegar ao podio xa que o ano pasado fun 5º da categoría.
  • Desfrutar dunha proba dura pero cun percorrido incrible polo Camiño de Santiago.
Como xa recollera o dorsal nos días anteriores en Área Central e a saída me quedaba de camiño, vou directamente ao lugar da saída en vez de ir ata a meta para coller o bus que nos levaría ata a saída. Fun dos primeiros en chegar, polo que quedo esperando no coche ata que viñera o primeiro dos buses xa que alí no Pico estaba a soprar un forte aire frío.

Mentres saudaba a compañeiros das carreiras, póñome a facer os exercicios de quecemento ata que chegada a hora, somos chamados para a liña de saída onde este ano antes de dar comezo a proba ían gravar un mannequin challenge para o cal nos repartiron libros xa que era o día das Letras Galegas. Rematada a gravación colocámonos para saír, situeime algo máis atrasado do que debería pero quería saír máis tranquilo que o ano pasado para non cargar moito as pernas na baixada.

Foto: Concello de Boqueixón
Tras o pistoletazo, comezamos a proba, algún saíu como se fora correr os 100 metros que rápido o grupo neutralizou, mentres eu, algo encerrado sen poder recuperar postos na primeira baixada do Pico Sacro. Unha vez xiramos a dereita para seguir baixando o Pico, dirección Lestedo comezo a gañar postos aínda que non notaba aínda o corpo preparado para apertar o ritmo pero como íamos baixando comecei a deixarme levar. 

Foto: Concello de Boqueixón
Así os 3 primeiros Km's que son todo o tempo baixando marquei uns ritmos de 3:23, 3:13 e 3:12 min/km e estaba situado no 6º posto (creo recordar) por diante sabía que ía un corredor con unha boa vantaxe e detrás un grupo de 4 corredores que pouco a pouco estaba dando caza polo que tiña dúas opcións: intentar chegar ao grupo e ir con eles ou intentar chegar e seguir con un ritmo forte para conseguir sacarlle distancia coa que poder xogar na parte final (a parte dura da proba).

No Km 4 conseguín alcanzalos e é a partir do km 5 cando decidín seguir co meu ritmo forte e tirar ata onde as pernas aguantasen. Por diante non había sinais do outro corredor.

Xa polo Km 7 a altura de a Susana, xa tiña unha boa vantaxe collida ao grupo que me perseguía e nun cruce que tiñamos que coller a esquerda e despois a dereita, equivoqueime ao xirar e collo primeiro a dereita xa que os conos que había daban a entender iso e o de Protección civil que estaba alí, non estaba mirando para dar as indicacións, a min parecíame raro que fora por aí porque se volvía cara atrás e cando me xiro vexo que o grupo que xa era de dous corredores colleu cara o outro lado polo que tocaba remontar de novo, por sorte so foron uns 70 metros os que me equivoquei.
Rápido os volvo alcanzar e como xa estábamos a metade de carreira non sabía se seguir tirando ou tomalo con máis calma porque estaba a chegar o duro da proba pero como tiña boas sensacións volvo a tirar forte e seguir coa estratexia de antes.

Polo km 9 xa volvía ter unha boa diferencia e a moto que ía cun cámara gravando a proba pónseme a gravar seguido, eu sentíame como se fóra profesional e durante case un km me estivo gravando durante o cal creo que ía con unha técnica perfecta para que saíra ben o vídeo... 😂😂 Cando me deixa de gravar e podo recuperar o alento, comezamos unha das baixadas que tamén e bastante dura cara Santa Lucía porque xa íamos polo km 10 e as pernas xa ía cargadas.

Tras a baixada tocaba empezar o duro da proba, comezamos a subir Santa Lucía xa no km 11. Todo ía ben, por detrás tiña unha diferencia considerable para intentar manter a posición ata o final e as sensacións seguían sendo moi boas. Todo se puxo "gris" cando nun cruce subindo polo Eixo, eu ía seguindo as frechas do Camiño de Santiago e un señor que estaba arrimado a unha valla (eu supoño que era un voluntario) mandoume cara o outro lado, eu pregunteille se era por aí e díxome que si, polo sigo tirando mentres ía observando cara onde tirar porque por alí non había sinais nin nada ata que de repente, cheguei a estrada xeral, nese momento xa sabía que estaba correndo por onde non era pero sabía que un pouco máis adiante, se seguía comezaba a subida de terra cara Angrois, polo que sigo tirando e cando baixo cara a subida esta outro voluntario de protección civil cos brazos abertos preguntándose: "¿e este de onde ben?" eu díxenlle que había un señor que me mandara cara arriba e díxome que non pasaba nada que ía segundo, por sorte conservaba a posición pero fixen 200 metros de máis intentando volver o percorrido da carreira... 

Durante toda a subida pola pista de terra fun discutindo comigo mesmo, intentando darlle unha explicación ao acontecido porque non entendía o motivo de que o señor me mandase cara arriba, se era por fastidiar a carreira, porque non se lle explicou ben por onde tiña que ir a proba, non o entendeu e fixo o que lle deu a gana, non sei..., pero menos mal que conservaba o segundo posto e mentres ía discutindo na miña cabeza fun subindo e xa estaba en Angrois, km 13.
Durante a longa recta de Angrois que picaba seguido cara arriba, as forzas comezaban a faltar e comecei a mirar cara atrás seguido pero seguía tendo unha gran diferencia. 

Chegamos ao empedrado onde os peregrines que fan esta ruta do Camiño de Santiago ven por primeira vez a catedral, era baixando polo que decido apertar un pouco máis porque sabía que a subida que viña despois era moi dura.
Comecei a facer a última subida medianamente tranquilo xa que cada certo tempo miraba cara atrás para ver a diferencia que tiña, de momento non vía a ninguén perseguíndome ata que na metade da subida vexo como a diferencia que tiña xa non era tan grande e xa tiña ao perseguidor a uns 200/300 metros aprox. queimo todas as forzas que me quedaban na subida e por inercia vou ata meta durante un tramo pequeno pola Cidade da Cultura.

Foto: RunPhotos Galicia
Cando estou chegando a meta o speaker Terio Carrera anuncia que era o segundo en chegar a meta, igualando o meu mellor resultado nunha proba que conseguira na I Carreira Solidaria de Lugo.

Foto: FotoCarlosGrafías
Como sabía que tocaba subir ao podio, funme cambiar ao coche e cando volvín, ¡SORPRESA! o corredor que quedara na primeira posición dime que correra sen dorsal porque non chegou a tempo para recollelo e fixo a carreira igual, polo que automaticamente pasaba a ser o gañador da proba.

O resultado final foi:
  • Posición xeral: 1º de 187. 🏆
  • Posición categoría: 1º 🏆
  • Tempo: 59:55 minutos.
  • Ritmo: 4:00 min/km
Foto: Concello de Boqueixón
Os obxectivos máis que cumpridos xa que despois de 4 anos e 9 meses puiden subir ao máis alto do podio sendo o vencedor absoluto ademais conseguín mellorar o tempo en 3:14 minutos facendo uns 300 metros demais polo que a melloría tería que ser maior.

Falando despois con outros compañeiros de carreira sobre o que me pasara no Eixo, a eles o mesmo señor tamén os mandara polo camiño erróneo, só que a eles colleron antes o percorrido que tiña que ser o da proba.

Este ano o avituallamento final foi a máis xa que igualaron o que había o ano pasado con auga, batido, zume, e froita pero ademais había degustación de tenreira galega se isto segue así para o ano vou levar prato e cubertos para comer. 😂

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Miguel Iglesias Amores ........... 59:55
  2. Alexandre Fernández Tojo ..... 1:00:29
  3. Ricardo Villar Rodríguez ......... 1:00:58
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Loreto Herrero Blanco ..... 1:12:01
  2. Geli López Vilas ................... 1:14:04
  3. Shaila Muñiz Pérez ............ 1:15:21

PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de Concello de Boqueixón, RunPhotos Galicia e FotoCarlosGrafías. Video realizado por: Xurdir. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments