III Carreira Popular O Galo Corre

Seguimos sumando km's e desta vez tocou desprazarse ata Vila de Cruces onde se ía disputar a III Carreira Popular O Galo Corre, sobre unha distancia de 7,3 Km's. O percorrido era o mesmo que o do ano pasado no que disputei por primeira vez esta proba acadando un gran resultado.

Os obxectivos serían:
  • Intentar mellorar o tempo do ano pasado que é de 28:38 minutos
  • Intentar chegar ao podio como fixen o ano pasado.
Unha vez que chego a Vila de Cruces, fun recoller o dorsal e, ¡sorpresa! por primeira vez tiña o dorsal número 1. Non sei o método que usan para asignarnos os dorsais pero levar o 1 para min supoñía unha responsabilidade...

Chegada a hora, póñome a quentar cuns compañeiros das carreiras, estaba a facer algo de frío polo que había que quentar ben. Colócome na saída adiante de todo, era o dorsal nº 1 e alí era onde tiña que estar, ía intentar facer unha carreira como a do ano pasado, saíndo a aguantar o grupo que se forme na cabeza ata onde dea e despois marcar o meu ritmo. Deuse a saída e arranquei ben, sen moitas complicacións (a vantaxe de saír adiante de todo).

Foto: José Ramón Moire Silva
Rápido se foi estirando o pelotón e só lle aguanto o ritmo ao grupo de cabeza medio km, saíron moi rápido e eu non era capaz de aguantar ese ritmo. No primeiro km marco un ritmo de 3:25 min/km, xa facía moito tempo que non ía tan rápido.

Foto: José Ramón Moire Silva
Intentei manter ese ritmo alto porque ía gañando postos ata chegar a pista de terra na que gaño o último posto polo km 2,1. A partir de aí fun gañando vantaxe co meu perseguidor e por adiante cada vez os vía máis lonxe.

Foto: José Ramón Moire Silva
Sabendo que por adiante era imposible alcanzalos, céntrome en intentar mellorar o tempo xa que era un dos obxectivos que levaba para a proba, polo que intento non relaxarme moito co ritmo e seguir forzando. Así foron pasando os km's pendente para arriba, pendente para abaixo case sen descanso para recuperar o alento.

Xa na longa recta de meta mirei para atrás a ver a diferencia que tiña e era suficiente para manter o posto pero miro o reloxo e non sabía moi ben se ía dar conseguido o obxectivo do tempo polo que gasto as últimas forzas que me quedaban para chegar a tope sen relaxarme ata cruzar a meta.

Foto: José Ramón Moire Silva
O resultado final foi:
  • Posición xeral: 6º de 85.
  • Posición categoría: 1º. 🏆
  • Tempo: 28:03 minutos.
  • Ritmo: 3:50 min/km.
Os obxectivos cumpridos, conseguín mellorar o meu tempo nesta proba en 35 segundos sabendo que veño dunha lesión de tres meses creo que non está nada mal e como premio un novo podio xa que fun o 1º da categoría igualando o resultado do ano pasado aínda que na xeral perdín dous posto polo que había máis nivel este ano.


Carreira rompe-pernas, cunha saída rápida e ata o km 1,6 picando cara abaixo a partir de aí comeza unha subida constante por asfalto, terra (avituallamento no km 2,7) e asfalto ata o km 3 para facer unha forte baixada e comezar un continuo sube baixa que case non che daba tempo a recuperar o alento.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Cristian Díaz Lorenzo ........... 25:44
  2. Albino Fernández García ..... 26:26
  3. Jose Luis Louzao Tato ........... 26:45
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Patricia Varela Santiso ........ 33:52
  2. Sonia Ayude González ........ 36:24
  3. Canana Pen As Méndez ...... 36:44
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de José Ramón Moire Silva. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments