IX Carreira do Espíritu Santo

Tocou disputar unha desas probas das que realmente non importa moito o resultado, senón ser solidario. 
Despraceime ata Muros, concretamente a Campo de Cortes onde se ía celebrar a IX Carreira do Espíritu Santo, sobre unha distancia de 8 Km organizada pola Asociación O Rumial. A proba ten un carácter solidario a favor de Cáritas xa que a inscrición da carreira era polo menos un Kg. de alimentos non perecedoiros. A carreira xa a fixera no 2015 pero segundo tiña entendido modificou un pouco o seu traxecto.

Os obxectivos serían:
  • Seguir collendo ritmo de competición.
  • Intentar apertar máis para poder definir próximos obxectivos.
Unha vez cheguei ao lugar da proba, entreguei os alimentos e déronme o dorsal. Funme cambiar para poñerme a quecer e xa fun vendo xente de certo nivel polo que a carreira ía ser rápida. Quecendo xa vexo que a saída está 700 metros máis atrás polo que xa se comezaba subindo. Coloqueime na zona dianteira pero sen estar adiante de todo xa que ía intentar saír con un ritmo forte e aguantar ata onde puidese.

Foto: Asociación O Rumial
Dáse a saída e aínda que con máis atrancos do que tiña pensado, pronto fun collendo espazo e puiden comezar a coller o meu ritmo e a gañar postos. Así tras recorrer os 700 metros de subida ata chegar ata onde estaba a liña de meta, xa vou colocado entre os 15 primeiros e as sensacións eran moi boas.

Foto: Jesús Fernandez
Tras o primeiro paso por meta xiramos a esquerda e seguimos subindo pero agora con pendentes máis duras e por pistas forestais. Non recordaba moi ben como era a proba pero as subidas fíxéronseme eternas. Estivemos subindo sobre 2,5 Km constantemente mentres ía mirando a ver cando viña o descanso para recobrar o alento.

Tras este duro comezo de subida constante, tocaba baixar e menuda forma de baixar... non sei se era mellor estar subindo ou baixando. A primeira parte da baixada fíxose por pistas forestais ata que facemos un cambio de sentido e collemos o asfalto, onde estaba o primeiro dos avituallamentos. A baixada era forte e cargábanse moito os cuadríceps. Así estivemos durante 3,5 Km con algunha zona que me recordaba a esas grandes subidas serpeantes das montañas pero que nos tiñamos que baixar.

Rematada a zona de baixada, xa preto do km 6, tocaba volver subir sen descanso ata meta, antes de poñerse a subir había outro avituallamento. Cada certo tempo miraba cara atrás para comprobar a distancia cos perseguidores xa que dende o km 3 aprox. estaba rodando só con unha distancia duns 200 metros tanto por adiante como por detrás.
Intentei manter un ritmo constante para non forzar moito máis, aínda que realmente xa ía fundido, a baixada desfixérame as pernas. Incluso mentalmente me vin abaixo xa que non era capaz de coller un ritmo no que me sentise cómodo e só pensaba en poñerme a andar e acabar a proba.

Pouco a pouco fun subindo a pesar de que un dos corredores que me perseguía me adianta e me anima a seguir tirando, intentei seguilo pero era un ritmo moi alto para as condicións nas que estaba. Entre o esforzo que estaba a facer e a calor que facía houbo unha zona da subida na que notei como se me marease, tiña que haber collido auga no avituallamento... esta pequena sensación de mareo pasóuseme cando collimos unha zona de sombra e sentín o fresco. 

Restaban uns 300 metros e intento apertar un pouco máis xa que vía como outro corredor me estaba dando caza e cando por fin se ve o arco de meta, o outro corredor comeza a aumentar máis o ritmo e consigue adiantarme, eu intentei sprintar pero só fixen o amago porque nese momento pensei que non valía a pena forzar máis e preferín entrar máis relaxado.

Foto: Jesús Fernández
O resultado final foi:
  • Posición xeral: 13º de 122.
  • Posición categoría: 6º.
  • Tempo: 30:53 minutos.
  • Ritmo: 3:52 min/km
Os obxectivos cumpridos, conseguín aguantar un ritmo competitivo durante gran parte da carreira pero a dureza da proba e o meu estado que aínda non está ao 100% fixeron que sufrira bastante no último km pero de todas formas moi contento co resultado xa que quedei a 23 segundos do 3º clasificado da miña categoría.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Manuel Dosil Lago ............. 27:46
  2. Carlos Lorenzo Blanco ..... 28:14
  3. Ismael López González ..... 28:24
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Lucía González López ............ 33:53
  2. Marinela Mayo Caamaño ..... 34:55
  3. Natalia Lorenzo Pérez ............ 37:30
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de Asociación O Rumial, Jesús Fernández. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments