VII Carreira Pedestre Concello de Oroso

Primeira proba despois da Maratón da Coruña e carreira 200 como membro do equipo Pinarium. Tocaba ver que tal ían as pernas e para iso despraceime ata Sigüeiro onde se celebraba a VII Carreira Pedestre Concello de Oroso sobre unha distancia de 10 Km. Esta proba xa a teño corrido varios anos, a última vez no 2017. Buscando información da proba vin que este ano serían dúas voltas de 5 Km polo que xa non tiña nada que ver co percorrido que coñecía.

O obxectivo sería:
  • Comprobar o estado das pernas, ritmo e sensacións que teño durante a proba para establecer próximos obxectivos.
Cheguei máis pronto a Sigüeiro do que tiña pensado. A idea era marchar ao rematar a clasificación de Formula 1 pero unha bandeira vermella fixo que arrancase antes de tempo para Sigüeiro e así acabar de ver a clasificación alí.
Cando rematou a clasificación, fun acabar de cambiarme e poñerme a quecer un pouco xa que só restaban 30 min. e había que estirar un pouco as pernas antes de darlle caña.

Coloqueime na saída un pouco máis atrasado do que polo normal debería saír xa que non sabía como ían responder as pernas e prefería saír un pouco máis tranquilo e ir apertando segundo fose a proba. Xa preparado un compañeiro do Barbantia Roda, explicoume algo da supercompensación tras correr unha maratón e que podía ser que correse máis rápido do normal. Eu aí xa me vin arriba e cambio de estratexia.

Foto: Concello de Oroso
Nada máis se deu o pistoletazo de saída, arranquei con precaución pero rápido, incluso tiven que sortear a un corredor que se estaba levantando do chan  porque debeu tropezar e caer.
Nos primeiros metros gañei moitos postos e cando chegamos a primeira subida, aos 500 metros de comezar xa estaba colocado entres os 25/30 primeiros. Esta primeira subida posiblemente fose a máis dura da proba pero como estabamos na primeira volta subiuse ben.
O resto do percorrido foi un continuo sube e baixa case sen descanso, incluso había un pequeno tramo de terra.
Durante esta primeira volta fun gañando postos continuamente e marcando un bo ritmo, ademais as sensacións estaban sendo moi boas.

Foto: Juan Manuel Mosquera
Chegamos ao lugar de saída e houbo que facer un cambio de sentido para comezar a segunda volta onde comecei a notar o cansancio. Gañei algún posto máis pero a partir do Km 6 xa non houbo máis cambios e iso que intentei chegar ao seguinte corredor pero non houbo forma. Cando xa restaba un km para meta xa me centrei máis en controlar aos perseguidores que de gañar postos.
Así cheguei a meta sorprendido co tempo final e coas boas sensacións que tiven durante a proba.

Foto: Juan Manuel Mosquera
O resultado final foi:
  • Posto xeral: 16º de 184.
  • Posto categoría: 5º
  • Tempo: 36:23 min.
  • Ritmo: 3:40 min/km
O obxectivo superado con nota xa que non contaba con facer este tempo, vale que lle faltaban uns metros para os 10K pero quedeime a 33 segundos da miña marca nesta distancia nun percorrido que non é que sexa moi fácil de ir rápido xa que estas practicamente todo o tempo subindo e baixando.
Con este rendemento creo que podo establecer uns obxectivos máis ambiciosos nas próximas probas e a ver se sigo mellorando.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Nuno Costa ........................ 31:18
  2. Manuel A. Penas Blanco ... 32:05
  3. Amador Pena Torreira ....... 32:57
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Paula Mayobre González ... 35:50
  2. Esther Rodríguez Díez ....... 38:07
  3. Cristina Loeda Soto ............ 40:35
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Concello de Oroso e Juan Manuel Mosquera. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments