V Carreira Pedestre Concello de Oroso
- abril 29, 2017
- Por: IglesiasAmores
- 0 Comentarios
Queda unha semana para a aventura de correr a Wings For Life World Run pero antes toca desprazarse a Sigüeiro para disputar a V Carreira Pedestre Concello de Oroso sobre unha distancia de 10 km e que xa correra no 2015 onde conseguín chegar ao podio. Este ano chego mal porque pasei toda a semana con gripe e aínda estou saíndo dela polo que non sei como vai responder o corpo.
Os obxectivos serán:
- Ver como responde o corpo ao estar aínda con algo de gripe.
- Intentar mellorar o tempo do 2015 que é de 37:03.
- Volver a subir ao podio, aínda que coa gripe vai estar complicado.
Unha vez chego, vou recoller o dorsal e xa me vou atopando con amigos das carreiras, como aínda quedaba algo de tempo para poñerse a quecer imos tomar un café a un bar con miña nai, tía e avoa que viñeron verme correr.
Chegado o momento cámbiome e comeza a cambiar o tempo, non ameazaba choiva pero comezou a soprar un forte aire e a facer máis frío, algo que para a miña gripe non ía vir moi ben. Comezo o quecemento cos compañeiros mentres miramos o nivel que ía haber na carreira.
Rematado o quecemento, vou para a saída e como o obxectivo era mellorar o tempo e subir ao podio, coloqueime bastante adiante para saír forte dende o comezo e aguantar ata onde dea.
Dáse a saída e arranco bastante ben, sen moitos problemas, comezando a tirar e intentando aguantar o ritmo do grupo de cabeza no que de momento me atopo.
Aguanto o ritmo dos primeiros sobre 1,5 km pero despois non son capaz de seguilos e intento marcar o meu ritmo, aínda así vou gañando posicións segundo van pasando os km.
Todo cambia sobre o km 5, cando o corpo comeza a dicir basta e non dou respirado con normalidade xa que aínda teño moita mucosidade na garganta e non era capaz de respirar ben polo que teño que ir máis tranquilo e estar seguido mirando para atrás para controlar que non me adiantara moita xente.
Perdo varios postos e é que a parte de non dar respirado non recordaba que a carreira na súa parte final antes de volver cara Sigüeiro tiña unhas costas importantes que me deixaron as pernas rotas.
Sigo tirando como podo e cando vexo que queda un km para a meta, miro cara atrás onde se acercaba un numeroso grupo de corredores e é cando comezo a dar todo o que me quedaba para no perder máis postos pero na recta de meta non son capaz de aguantar o sprint de outro corredor e perdo outro posto.
O final o resultado foi:
- Posición xeral: 18º de 123
- Posición categoría: 6º
- Tempo: 37:00
- Ritmo: 3:42 min/km
Os obxectivos máis ou menos xa que conseguín mellorar o tempo do 2015 en 3 segundos pero non así a posición e non fun capaz de chegar ao podio, ademais a gripe non me deixou render ao máximo e houbo zonas nas que sufrín bastante coa respiración pero era o que tocaba ao correr medio enfermo.
🏆 Clasificación xeral homes 🏆
- Nuno Costa ........................ 32:41
- Diego Paz Sobreira ............ 33:11
- Roberto Barral Noya .......... 33:52
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
- Belén Bascoy Cao .............. 41:05
- Shaila M. Muñiz Pérez ....... 43:42
- María Tarrio Martínez ........ 45:25
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de do Concello de Oroso. Moitas gracias!!
0 comments