X Carreira do Espirito Santo

Tocou desprazarse ata Muros para disputar a X Carreira do Espírito Santo, organizada pola Asc O Rumial Campo de Cortes sobre unha distancia de 8 Km aprox. Proba gratuíta e solidaria xa que no momento de recollida do dorsal hai que facer entrega de alimentos ou produtos para Caritas de Muros.

O obxectivo sería:
  • Intentar mellorar o tempo que teño nesta proba que é de 30:53 min. acadados o ano pasado.
Unha vez que cheguei a Muros, concretamente a Campo de Cortes, fun recoller o dorsal e facer entrega dos alimentos. Acabei de prepararme mentres chegaba a hora de poñerse a quecer aínda que ca calor que estaba comezando a facer xa non había que quentar moito. 
Chegou o momento e púxenme a quecer con un amigo de carreiras mentres comentabamos os próximos obxectivos.

Coloqueime practicamente adiante de todo xa que ía intentar saír forte dende o comezo e tirar ata onde aguantase. Tras sincronizarse coa zona de meta xa que a saída estaba uns 750 metros atrás deu comezo a proba.

Arranquei bastante ben e xa intentando aguantar ao grupo de cabeza. Os primeiros 750 metros eran de subida constante ata chegar a meta e nesa distancia o grupo de cabeza formado por catro corredores xa comezaba a coller uns metros mentres eu os seguía detrás xunto con outro corredor.

Foto: Asc O Rumial Campo de Cortes
Tras chegar a meta continuamos subindo ata o km 2,5 pero xa por pistas forestais onde a tónica seguiu sendo a mesma, seguía tirando forte pero o grupo de cabeza xa non o vía o que provocou que fose tirando só. Saqueille unha distancia ao corredor que viña por detrás e houbo momentos nos que nalgún cruce non sabía moi ben por onde tirar.

Foto: Jesús Fernández
A partir do km 2,5 baixada constante, primeiro polas pistas forestais nas que estabamos ata chegar ao avituallamento do km 3,6 do cal non collín auga por non perder tempo xa que agora tiña dous perseguidores moi preto. Seguimos baixando pero xa por asfalto ata o km 5,8 onde había outro avituallamento do que tampouco collín auga xa que os dous perseguidores me adiantaron e ía intentado seguilos porque comezaba a parte final da proba.

Foto: Asc O Rumial Campo de Cortes
Dende o 5,8 ata meta todo o tempo subindo, aquí notouse o esforzo que fixen ao comezo xa que non me notaba nada cómodo. Un dos corredores pouco a pouco foise escapando, eu intentei poñer unha marcha máis o que provocou que sacase unha marxe pequena ao corredor que me perseguía pero rematando a subida comezou a apertar e non fun quen de aguantarlle o ritmo e tiven que conformarme con deixarme ir ata meta xa que por detrás non viña ninguén preto.


O resultado final foi:
  • Posto xeral: 6º de 73.
  • Posto categoría: 3º 🏆
  • Tempo: 31:30 min.
  • Ritmo: 4:00 min/km.
O obxectivo non foi cumprindo xa que fixen 37 seg. máis que o ano pasado, aínda que me deu a sensación de que estaba indo bastante rápido. Parece que aínda non teño as pernas recuperadas da maratón e a calor que fixo puido ser a causa de facer peor tempo xa que cando crucei a meta non lle faltou nada para sufrir un mareo e tiven que estar andando seguido ata recuperarme do esforzo.

En canto a organización bastante ben, dous avituallamentos intermedios, un final moi completo, organización e voluntarios atentos dos corredores pero teño dous detalles que creo se podían mellorar, un é o tema de sinalización xa que nalgún cruce non se sabía moi ben por onde ir ou polo menos eu tiven dubidas en varios puntos tanto nas pistas forestais como por asfalto polo que algunha marca no chan, cinta ou letreiro non viña mal e outro é o tema dos premios aínda que é o de menos non sei porque os da categoría senior non levan premio, xa é a segunda vez que acado podio por categoría sen ter premio pero bueno o importante desta proba é o carácter solidario e moitas tiñan que ser así. 

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Manuel Dosil Lago ................. 28:36
  2. Manuel Vieites Carballo ..... 28:43
  3. Sergio Requeijo Requeijo ... 28:54
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Tina Fernández Barreiros ... 32:29
  2. Mada García Abalo ............... 38:30
  3. Beatriz Olveira Traba .......... 38:37
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Asc O Rumial Campo de Cortes e Jesús Fernández. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments