Campionato Galego de 10K en ruta 2019 (Xinzo de Limia)

Tocou disputar o Campionato Galego de 10K en ruta que este ano tiña a súa sede en Xinzo de Limia. Só disputei unha proba aquí no 2015 e acabei bastante mal xa que fun con gripe pero este ano todo parecía estar ben, agás porque non puiden adestrar nada durante a semana por unha molestias no ombro pero que xa estaba practicamente recuperado.

O obxectivo sería:
  • Intentar mellorar a miña marca na distancia que é de 35:50 min. acadados na San Martiño 2018.
Polo normal sempre chego con marxe as probas polo tema de aparcar e ir polo dorsal tranquilo pero desta vez cheguei bastante xusto xa que, cando me achegaba a recoller o dorsal xa estaban avisando de que quedaban 10 min. para o peche da cámara de chamadas pola cal tiña que pasar por participar no campionato e facer constancia de que estaba presente.

Tras pasar pola cámara de chamada acabei de cambiarme e púxenme a quecer un pouco, estaba soprando bastante aire e seguramente ía ser un gran inconveniente durante a proba. O que non contaba é que ese aire fose frío xa que en principio chegaba unha masa de aire cálido...

Cando faltaban 5 min. para o comezo da proba fun para a saída e coloqueime bastante ben par saír rápido dende o principio. Houbo varios intentos para arrancar pero a pistola non quería funcionar ata que nunha delas por fin soou o pistoletazo e puidemos comezar.

Foto: VII Legio Gemina
Comecei con máis atrancos dos esperados pero tras os primeiros 500 metros xa estaba a marcar o meu ritmo forte e a recuperar moitos postos. Saín mentalizado de poñerme no ritmo obxectivo, 3:35 min/km, e despois intentar aguantar aí. Así fun tirando ata que no km 3 xa estaba onde quería, nun ritmo medio de 3:34 min/km pero foi chegar aí e comezar os problemas. Tras un cambio de sentido no km 3,2 sopraba todo o aire de cara e as veces daba a sensación de que non avanzabas, ademais era unha longa recta de preto de 1 km ata que te volvías a meter entre os edificios e casa que te protexían un pouco de ese aire. Comecei a perder o ritmo obxectivo, cando intentei volver a ir rápido as pernas non estaban respondendo como me gustaría e xa me atopaba canso.

Así cheguei ao km 5, metade da proba, nun tempo de 18:15 min que supoñía un ritmo medio de 3:39 min/km. Non perdera moito o obxectivo pero as sensacións que estaba tendo non eran moi boas.

Foto: VII Legio Gemina
Arranquei a segunda volta intentando forzar para seguir con posibilidades de conseguir mellorar o tempo pero foi como na primeira volta, aínda que xa non ía tan rápido coma na primeira parte, ía ben ata facer o cambio de sentido xa no km 8,1 pero foi sentir todo ese aire en contra e decidín que non era día para facer un bo tempo polo que me deixei levar o último 1,5 km ata meta xa indo a uns ritmos entorno a 4:00 min/km e perdendo bastantes postos pero non me sentía con forzas para forzar máis.

Foto: VII Legio Gemina
O resultado final foi:
  • Posto xeral: 51º de 283.
  • Posto categoría campionato: 11º
  • Tempo: 37:55 min.
  • Ritmo: 3:47 min/km.
O obxectivo non o conseguín xa que acabei facendo 2:05 min. máis que a miña mellor marca e iso que o percorrido era bastante favorable para facer un bo rexistro pero o aire que fixo e non chegar nas mellores condicións foron a causa deste tempo. Tocará adestrar máis e mellor para que no próximo intento poida estar máis preto de mellorar xa que o 25 de Maio será o Campionato de Media Maratón na que intentarei mellorar a marca.

🏆 Clasificación campionato homes 🏆
  1. Rubén Diz Díaz ..................... 32:32
  2. José Canda Louzao .............. 33:19
  3. Javier Paredes González ... 33:42
🏆 Clasificación campionato mulleres 🏆
  1. Iria Fernández Fontenla .... 39:26
  2. Sonia Teijeiro Ferro ............. 40:19
  3. Victoriana Losada Pérez ... 41:14
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de: VII Legio Gemina. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments