I Trail Subida o Tremuzo

Outra vez regreso ao monte para desfrutar dunha nova proba que nace este ano. Para iso despraceime ata o Concello de Outes onde se celebraba o I Trail Subida o Tremuzo, sobre unha distancia inicial de 16 Km.

O obxectivo sería:
  • Non mancarse e desfrutar deste novo trail.
Cheguei ben de tempo xa que non sabía moi ben onde era o lugar da saída pero ao final non tiña moita perdida. Tras recoller o dorsal e como aínda faltaba un pouco para poñerse a quecer esperei no coche xa que facía algo de frío para acabar de cambiarse. Chegada a hora, acabei de prepararme e púxenme a quentar un pouco mentres falaba cos compañeiros de carreira que tamén ían disputar a proba.

Cando faltaban 5 min. para o comezo, coloqueime na saída un pouco máis atrasado do normal xa que non levaba a idea de competir ao 100% senón que sería máis un adestramento de cara o obxectivo de dentro de dúas semanas. Tras anunciar que o percorrido sufrira unha modificación e que agora a distancia sería duns 14Km fixeron a conta atrás e deu comezo a proba.

Foto: Galitiming
Saín tranquilo e con precaución aínda así, ao saír máis atrasado nos primeiros metros xa fun gañando postos. Os primeiros 300m. foron por asfalto, que permitiu estirar o grupo. Logo xiraríamos a esquerda para comezar a subir xa por monte. De momento ía a ritmo cómodo e sin forzar moito aínda así, fun gañando algún posto.

Os dous primeiros km's foron de subida con un respiro no medio que para ir entrando en materia estiveron ben. A partir de aí cerca de 800 m. de baixada técnica preto do rio, que non me gusta nada pero estivo entretida intentando seguir ao corredor de adiante xa que esta parte a min sempre se me deu mal. Nesta zona por ir en persecución non me fixei nunha rama e levei un forte golpe no brazo.

Agora tocaría facer o duro da proba e é que xa comezabamos a subir cara o Tremuzo dende o km 2,8 ata o km 4,6 de subida forte das que case é mellor subir a gatas incluso rematando con un pouco de escalada entre pedras. A subida parecía interminable entre árbores que daba a sensación de estar na selva pero creo que ao estar ao "comezo" e como tiñamos forzas, aínda se ía levando ben.

Foto: Hugo García
Remata esa subida veu unha pequena baixada para estirar as pernas e onde me vin obrigado a ir máis paseniño para poder contemplar as vistas que dende alí se podían observar da Ría de Muros e Noia. Este descanso foi pequeno e outra vez para arriba. Había que chegar ao punto máis alto da proba no Tremuzo. A subida xa sen árbores e todo despexado podía dividirse en dous tramos unha un pouco máis fácil de subida constante e unha segunda técnica onde case me facía falta levar unha mochila con aparellos de escalada para ir polas pedras pero onde se podían observar unhas boas vistas. A verdade é que daban ganas de parar e de deleitarse das grandes vistas. Igual os eólicos sobran da paisaxe pero é o que hai...

Foto: Descoñecido
Tras rematar esta subida, km 6, comezabamos a baixar. Xa tiña ganas de sentir un pouco a velocidade polo que a partir de aí puido ser que empezara a competir máis en serio pero sen forzar máis da conta. Foron 2 km de baixada con algunha zona técnica e outra onde ía rezando para ir pisando ben e poder frear ao acabar a baixada xa que por momentos embalaba demasiado e non sabía como ía frear.

Foto: Hugo García
Xa no Km 8 veu unha pequena subida de preto de 1 Km para coller aire de tanta baixada e recuperar un pouco as pernas para seguir baixando xa practicamente ata o km 11. Esta segunda baixada posiblemente foi máis técnica e menos rápida xa que tiña moita pedra e unha zona onde baixaba auga polo que había pedras soltas e algunha podía ser que estivese esvaradía.

Foto: Hugo García
Dende o km 11 xa só quedaba unha subida e baixar ata meta, fisicamente seguía ben xa que ao ir sen forzar tiña reservada algo de forzas para esta parte final, incluso cando chegamos a unhas casas onde había uns señores vendo a proba me deu tempo de darlles os bos días, a educación vai primeiro e incluso pensei en parar a ver se tiñan algo de comer porque nese punto xa levaba fame...

A partir de aí pasou algo estraño xa que comecei a adiantar xente que levaba un ritmo máis tranquilo incluso se me pasou pola cabeza se había andaina porque estaba adiantando corredores que a min non me adiantaran en carreira, incluso algunha muller que dende a saída xa quedaran por detrás miña. Polo que xa supuxen que algo pasara e que posiblemente nalgún cruce ou algunha marca mal posta se equivocaron e recortaron algún tramo do percorrido.

Así dándolle voltas ao que puido haber pasado e intentado recuperar eses "postos perdidos" encarei a última baixada que nos deixaba a 100 m. da meta. 


O resultado final foi:
  • Posto xeral: 24º de 124.
  • Posto categoría: 23º
  • Tempo: 1:31:48
  • Ritmo: 6:50 min/km
O obxectivo cumprido, desfrutei moito deste novo trail aínda que tamén sufrín bastante con tanto que houbo que subir pero mellor así porque logo son máis divertidas as baixadas. Contento co resultado a pesar de que houbo xente que se saltou algún cruce e recortou camiño que fixo que a clasificación non fose a correcta pero como desta vez non saíra a competir a tope deume un pouco igual. 

Espero que en futuras edicións se solucione o tema da marcaxe aínda que eu non tiven moito problema en seguila e vina bastante correcta, polo resto un trail moi entretido e duro con algunha zona bastante técnica ou polo menos para min o era, dous avituallamento intermedios e un final, duchas e aparcadoiro ao carón da saída e voluntarios nos sitios máis conflitivos.
Espero poder asistir en vindeiras edicións pero xa coa intención de ir ao 100%. 

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Rubén Martínez Mayo ... 1:14:18
  2. Carlos Lorenzo Blanco ... 1:14:54
  3. Daniel Paz Pardo ............ 1:17:15
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Veronica Calvo Dopazo ... 1:31:25
  2. María Fabeiro Romero ..... 1:31:50
  3. Natalia Martinez Arias ..... 1:48:12
PD: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Galitiming, Hugo García Martínez e Descoñecido. Moitas gracias.

Tamén che pode gustar:

0 comments