II Trail Mosteiro de Soandres

Tras participar o día anterior no CorreSan de Angrois. Tocou desprazarse ata A Laracha, primeira vez neste concello, onde se ía celebrar o II Trail Mosteiro de Soandres polo que era o meu regreso ao monte dende Setembro que fixen o Trail Desafío Vértice. Había dúas distancia a escoller o longo de 27Km e 1000m+ e o curto de 14Km e 600m+. Como a partir da media maratón en trail para min xa é demasiado inscribinme na distancia curta.

O obxectivo sería:
  • Coma sempre no trail, desfrutar do entorno e da carreira.
Cheguei ben de tempo xa que había que coller un bus que nos levaría a saída. O percorrido era lineal con saída no Mosteiro de Soandres e con chegada no IES Agra de Leborís. Cando cheguei A Laracha aínda era noite e fun morrendo co sono xa que a noite anterior non me daba durmido e creo que só durmín entre 3 ou 4 horas... Tras recoller o dorsal, fun prepararme para subir ao bus pero sen quitar o chándal xa que estaba facendo moito frío e no lugar da saída había gardarroupas que despois a levaban ata a meta.

Xa no Mosteiro de Soandres practicamente esperei ata o último momento para quitar a roupa, non tiña gana ningunha de pasar frío. Mentres deume tempo a que o speaker da carreira, Pablo Ríos me fixera unhas preguntas co micro xa que coincidira tamén que fora o mesmo speaker na proba do día anterior.

Chegado o momento, tocou cambiarse pero antes de poñerse a quecer, estiven vendo a saída do trail longo e tras eles xa me puxen a trotar un pouco para ir entrando en calor. A hora indicada, 9:45h, e tras unha conta atrás deu comezo a proba.


Arrancamos subindo, primeiro uns metros por asfalto ata que nos desviamos cara o monte por un camiño que case parecía un rio polo que xa dende a saída cos pés mollados... Acabamos de subir practicamente no Km 1. Dende aí zona para correr algo que me favorecía polo que algún posto vou gañando pero tiña que ir con moita precaución porque estaba todo moi enlamado e como te despistases un pouco podías acabar no chan. A altura do Km 2,5 volvemos a subir practicamente outro Km nesta subida xa tocou ir andando tanto pola inclinación porque esvaraban as zapas coas follas e non se ía gañar moito correndo. 


Rematado este tramo outra vez zona para correr primeiro entre barro e auga, despois por un pequeno tramo de asfalto e para rematar unha pista de terra e area compacta que fixo que de distanciase dos perseguidores.


Chegamos ao Km 5 xusto cando comezamos a subir de novo onde o voluntario que había aí me informa que esta era a última subida. Esta subida funa facendo entre andando e correndo xa que non era moi dura e que nos levaría a un último tramo xa por asfalto onde si que había moita inclinación ata o punto máis alto desta proba no Mirador de Santa Marta, Km 6, que agora facendo a crónica sei o que eran as edificacións que se ven no vídeo xa que cando cheguei alí parecía unha parada de bus porque non se vían as mesas e as grellas que teñen.

Foto: Pepe Rama
Deixando atrás o mirador comezamos a baixar novamente, unha zona que se foi moi rápido porque non estaba enlamado, polo menos o primeiro tramo xa que tras esa primeira baixada xa nos metemos outra vez nun camiño que estaba cheo de auga ata saír ao asfalto sobre o Km 7,1 onde estaba situado o avituallamento intermedio no cal como é habitual non me detiven. Continuamos un pouco máis por asfalto ata o Km 7,5 onde había un pequeno repeito e outra vez a mollar o pés por outro camiño con auga e barro.

Sobre o Km 8,9 ao pasar polo lado dunha casa que tivemos a compañía dun can pequeno que non estaba moi contento de vernos, pensei que nos ía perseguir pero só protexía a casa dentro do seu territorio.

A partir do Km 9, despois de outro pequeno tramo de asfalto fomos por un camiño super enlamado non tiñas escapatoria pero o peor non era a lama xa que camuflada tamén había bostas de vaca e non sabía moi ben o que estabas pisando... agora si que quería un tramo con auga para lavar as zapas.

Volvemos ao asfalto e a terra compacta onde xa fun soltando todo o "barro" que podía levar nas zapas mentres seguíamos por terreo favorable ata o Km 10,5 onde había outro pequeno repeito a sombra xa que aínda estaba a herba conxelada. Despois xa seguimos baixando entre pinos.

Foto: Raúl López (Diario de Bergantiños)
No Km 11 había unha forte baixada na que non lle faltou nada para lesionar o nocello xa que embalei de máis e nunha pisada sentín dor pero por sorte non foi a máis. Continuamos por un pouco máis de monte ata a altura do Km 12,2 onde nos poñemos a correr ao lado do río Anllóns.


Este tramo foi complicado xa que o río ía algo fora do seu cauce e había algún tramos que tiveron que desviarnos un pouco pero que seguía igual de enlamado. Ademais de non tropezar coas raíces, tampouco se podían pisar porque estaban moi esvaradías e estiven a piques de caer varias veces. Por ir con máis precaución o corredor que viña por detrás adiántame ata que a zona xa non era tan "técnica" e recupero ese posto.
Este tramo visualmente era moi chulo e levaríanos ata o Km 13 onde tras cruzar unha ponte comezaríamos un último repeito ata chegar ao asfalto e a unha pintada no chan que poñía "500m meta" polo que comecei a tirar un pouco máis para asegurar posición e así tras rodear o IES Agra de Leborís, entramos no pavillón onde estaba situada a meta.


O resultado final foi:
  • Posto xeral: 13º de 103.
  • Posto categoría: 7º
  • Tempo: 1:18:36
  • Ritmo: 5:43 min/km
O obxectivo cumpridos, gustoume este trail e sorprendeume o posto acadado xa que pensaba que ía máis atrasado. As sensación foron bastante boas para levar 5 meses sen correr polo monte. Cando cheguei a meta nova entrevista co speaker para valorar un pouco o percorrido. Só tiven un problema, que deixei as zapas para cambiarme na casa e tiven que andar en chancletas por A Laracha adiante ata que o mozo de miña irmá me deixou unhas para saír do apuro.

En canto a carreira todo bastante ben, zona para aparcar fácil, entrega de dorsais rápida, voluntarios nos cruces máis perigosos, a sinalización ben visible, avituallamento intermedio creo que só liquido, avituallamento final moi completo, un vale por unha comida que se daba no pavillón con callos, as duchas no mesmo pavillón e de agasallo daban unha bolsa/mochila onde viña o dorsal e o vale da comida. O único pero que lle poñería sería o horario que penso que se pode facer un pouco máis tarde pero polo resto creo que a organización estivo perfecta. 


🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Rubén Gómez Lamas ... 1:04:14
  2. Andrés Florez Pérez ... 1:05:34
  3. Jesús Rodríguez León ... 1:07:58
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Silvia Miragaya Carballal ... 1:32:38
  2. Vanessa Salegui Franco ... 1:34:50
  3. Noelia Amado Fernández ... 1:36:20
Pd.: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Pepe RamaRaúl López (Diario de Bergantiños). Moitas grazas.

Tamén che pode gustar:

0 comments