V Trail Vila de Padrón "Desafío Vértice"

Tras o "descanso" do mes de agosto tocaba volver a competición e nada mellor que facelo correndo polos montes. Para iso despraceime ata Padrón onde se ía celebrar o V Trail Vila de Padrón "Desafío Vértice". Había dúas distancias a escoller: trail longo de 22Km e 1570m+ ou o trail curto de 15Km e 800m+. Ata o último momento tiven dúbidas de que distancia escoller xa que xa tiña feito o longo pero como viña sen apenas adestrar finalmente decidinme polo curto que me ía chegar ben.

Os obxectivos serían:

  • Empezar a coller ritmo de competición e desfrutar da proba.
Cheguei bastante xusto de tempo xa que tras aparcar no campo da feira, fun recoller o dorsal, acabei de prepararme e xa collín o bus que nos levaría a saída.
A saída esta situada no lugar de A Grela (Lampai) no Concello de Teo. Tras deixarnos o bus púxenme a dar un paseo polo percorrido que máis ou menos ía ser o mesmo que os outros anos pero xa non me lembraba ben como era a saída.
Chegado o momento púxenme a quecer con un pouco de trote para activar as pernas e cando restaban 10 min. xa fomos chamados para colocarnos na saída pasando polo control de carreira para verificar a asistencia. Así tras unha conta atrás deu comezo a proba.


Arranquei bastante ben, gañando postos e aos 300 de comezar xa empezamos a subir. Intentei subir correndo pero cando xa levabamos uns metros e vía que non se acababa xa empecei a camiñar. Subimos ata o Km 0,8 con un último tramo por asfalto. Xusto nese punto quilométrico viñan os corredores do trail longo que saíran unha hora antes e que xa viñan de facer preto de 7Km a partir de aí o percorrido era o mesmo para as dúas distancias. 

Comezamos a baixar preto de 1Km aínda que polo medio había algunha subida non moi dura. A baixada xa tiña o seu aquel e tiñas que mirar moi ben onde pisabas. Baixando xa me din de conta que ía ter un problema durante toda a proba e é que a malla que levaba non me apertaba na cintura e ía me caendo polo que entre ir gravando para Youtube e ir subindo a malla ía ter bastante choio...


Dende o Km 1,8 ata o 2,3 subida por pedras solta e algún tramo no que había que salta de pedra en pedra polo que tiven que ir con precaución e ir mirando ven o camiño a seguir. Pasado este tramo, tocaba baixar. Baixada rápida por camiño sen moita dificultade polo que tramo que se me deu bastante ben e así chegamos ao primeiro dos avituallamentos no Km 3,7 no cal non me deteño xa que para o meu punto de vista estaba moi preto para os do trail curto pero imaxino que estaría nese punto para os da distancia longa.

Foto: Koala36 Retratografía
Dende o avituallamento comezamos a subir. Os primeiros metros fágoos correndo xa que a subida non era moi empinada pero pouco a pouco a cousa foise complicando e xa tocou botarse a andar. Así foron pasando os km's e cada vez o tema poñíase máis técnico con algunha baixada perigosa e algunha subida das que parece que non rematan nunca.

Sobre o km 7 máis ou menos comecei a ter problemas con un dedo do pé xa que me estaba molestando como se fixera unha bocha ou de rozar a zapatilla non sabía o que era pero nas baixadas sufría bastante e era moi incomodo.

Chegamos ao km 8,3 ao que sería a subida mais dura e longa do percorrido, a subidas aos eólicos do Monte Meda. Case 800m de subida con unha pendente media de 29,3%. Pensei que non remataba nunca, fíxoseme durísimo facer cumio xa que ademais tiñas que mirar ben onde poñías o pé porque había pedras soltas e podías esvarar, defeito tiven que botar as mans o chan unha vez porque ía de fociños... pero pouco a pouco foise subindo e unha vez chegados aos eólicos xa se podía dicir que o "duro" estaba feito xa que dende alí practicamente era todo baixar ata Padrón.


Tras chegar aos eólicos sobre o Km 9,4 estaba o segundo dos avituallamentos no cal si que me paro para coller un anaco de plátano que o vou comendo mentres sigo andando e así chego ao cruce no que os do trail curto nos dirixiamos as antenas do Monte Meda para comezar a baixada mentres os do trail longo ían Por outro lado para baixar, volver a subir e baixar por onde os do trail curto. Recordo ese tramo cando fixera o trail longo que ía coas pernas que case non me tiña en pé...


Km 9,7 e tocaba comezar coa baixada do monte meda, por sorte estaba todo seco xa que a primeira parte e sobre grandes rochas e se chega a estar mollado as zapatillas non agarran nada e é bastante perigoso aínda así hai que baixar con moita precaución. 

Foto: Ivancho López
Pasado o primeiro tramo de penedos viña entorno a 1Km de baixada por corta lumes con pedras soltas onde por momentos ía sen control xa que non se daba freado porque ías patinando fíxoseme tan larga a baixada como a subida e igual de dureza.


Por sorte tras rematar a baixada no Km 10,5 onde había unha ambulancia estratexicamente colocada xa non quedaba moita máis dificultade e o que restaba xa era bastante corrible o problema e que eu estaba sen forzas nas pernas e non puiden correr todo o que me gustaría neste último tramo.

Case os últimos 3 Km era todo asfalto algo que me tiña que ir ben para recuperar algún posto pero ía roto e dor nas costas, non sei o motivo pero ultimamente pásame moito e sempre na mesma zona...


Así fago os últimos km a un ritmo de 5:00 min/km deixándome levar ata chegar a meta e sufrindo máis do que tiña pensado. Menos mal que me anotei a distancia curta.     

O resultado final foi:

  • Posto xeral: 18º de 72.
  • Posto categoría: 15º.
  • Tempo: 1:52:08.
  • Ritmo: 7:26 min/km.

Os obxectivos máis ou menos xa que pensaba que ía desfrutalo máis pero houbo partes nas que sufrín bastante. Toca seguir adestrando porque se nota o parón de verán e hai que recuperar moito ritmo perdido xa que para Outubro veñen obxectivos importantes.

En canto a carreira foi dura moito máis técnica do que me lembraba e houbo partes nas que sufrín pola miña integridade física. Percorrido duro, non tiñas moitas partes nas que puideses recuperar un pouco o alento xa que ou estabas subindo ou estabas baixando sen descanso. Dous avituallamento no que o primeiro como xa dixen antes moi pronto para os da distancia curta. Voluntarios nos cruces e sinalización perfecta xa que non me deu a sensación de que fora perdido ou de non saber cara onde tirar. Duchas e aparcadoiro preto da chegada e o avituallamento final completo ademais había post-carreira con cervexa e pizza.


🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. Rodrigo Eiras González ... 1:24:30
  2. Chema Quintián Agrafojo ... 1:29:06
  3. Victoriano Trenco Diz ... 1:30:56
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Andrea Montero Trepat ... 1:57:02
  2. Eva de la Fuente Iglesias ... 2:02:16
  3. Lucía Parga Basanta .. 2:08:31

Pd: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Koala36 Retratografía e Ivancho López. Moitas grazas.

Tamén che pode gustar:

0 comments