XVI Cross de Verán de Broña

Tocou participar nunha das probas que posiblemente estea entre as que máis me gusta, o Cross de Verán de Broña situada na Praia de Broña en Outes con un percorrido a escoller entre 5K e 10K e no que practicamente corres por todo tipo de superficie.

Os obxectivos serían:

  • Desfrutar e seguir collendo ritmo de competición.
  • Intentar chegar ao podio xa que das dúas veces que fun cheguei a el (2017 e 2018).
Cheguei con marxe para poder aparcar preto da praia e de onde estaba situada a saída. Logo fun recoller o dorsal a caseta de socorrismo mentres xa comezaba a atopar con algún compañeiro das carreiras. Tras recoller o dorsal xa me fun cambiar para estar listo a que chegase a hora de poñerse a quecer. Chegado o momento un pouco de trote suave con un compañeiro de carreiras investigando un pouco o percorrido e xa me din de conta que había algún cambio e cando chegamos a un cruce onde estaba protección civil xa nos comentou que o percorrido era distinto e dende o meu punto de vista parecía que ía ser máis duro.

Coloqueime na saída un pouco atrasado non ía ser carreira de facer moi bo tempo e como xa sabía mais ou menos o que non íamos atopar había que tomar a proba con calma. Así arrancou a proba onde nos primeiros metros houbo que ir con precaución para non tropezar pero pouco a pouco foise estirando o grupo e xa era máis fácil recuperar postos.


O primeiro km fomos pegados a praia e despois polo paseo de Broña. Tramo un pouco perigoso porque o chan estaba coas follas dos pinos e esvaraba un pouco e había que tomar os xiros con algo de precaución. Un pouco antes de chegar ao Km 1 xiramos cara unha pista forestal cunha pequena pero intensa subida. As sensacións eran boas pero notábame como se xa estivese indo ao máximo e que non houbese máis ritmo.

Dende aí, pequena baixada e comezamos a subir pouco a pouco polo mesmo camiño de terra ata chegar a zona de formigón onde a inclinación era maior. Como recordo esta zona da primeira vez que fixen a proba, daquela vez quería botarme a andar... Agora xa sabía o que había e ademais que íamos ter que pasar por aí dúas veces.

Rematada esa zona o terreo volvíase chan e chegabamos ao primeiro avituallamento Km 2,3 do cal había auga pero que non collo. Dende aí comezamos a baixar por un camiño de terra ata chegar a un xiro onde nos metemos por unha pista de monte. Agora comezaba a parte de "trail" que duraría ata o 3,5 aprox. Tramo con tendencia a baixar onde había que controlar ben a pisada.


Tras a zona trail, xa íamos por un sendeiro bordeando a costa ata chegar ao punto de saída onde os da proba de 5K pasaban pola arco de meta e os de 10K seguiamos de fronte para continuar polo sendeiro e encamiñar así a segunda parte da proba.

Foto: Club Atletismo Lousame
Esta segunda parte era máis dura que a primeiro ou polo menos a min foi o que me parecía xa que dende o Km 6,3 tivemos unha longa subida por asfalto ata chegar ao punto onde pasamos na primeira volta, a subida de formigón.

A partir de aí xa era o mesmo percorrido que na primeira das volta. Eu ía apertando para intentar chegar aos dous corredores que levaba por adiante pero o ritmo era moi similar xa que apenas conseguía achegarme. Por detrás tamén tiña unha marxe polo que visto que non ía ser capaz de chegar aos corredores de adiante decido controlar para manter o posto. 

Foto: Club Atletismo Lousame
Aínda así nos últimos metros tiven que apertar xa que o corredor que me seguía estaba máis preto pero sabía que non era da miña categoría polo que tampouco pasaba nada se perdía ese posto.

O resultado final foi:

  • Postos xeral: 11º de 81.
  • Posto categoría: 2º 🏆
  • Tempo: 42:44 min.
  • Ritmo: 4:16 min/km

Os obxectivos cumpridos conseguín chegar ao podio aínda que fun segundo e non primeiro como os outros anos. As sensacións foron boas aínda que notei que me falta ritmo polo que tocará seguir sumando km's para os próximos obxectivos.


En canto a carreira tras os cambios de percorrido para min é mais duro. Mágoa que se perdera a parte final na que se corría pola praia e se remataba subindo polas escaleira porque facía única a proba. Había avituallamento intermedios líquidos e o avituallamento final con auga e sandía. De agasallo unha camiseta de algodón.

Ademais paralelamente a proba estábase facendo unha especie de curso de RCP para aprender a facelo que este ano tiven a ocasión de facer e aprender a facelo e a verdade é que cansa bastante, non tiña nin idea de como se facía e penso que é algo que se debería saber facer xa que non custa nada e podes salvar unha vida.


🏆 Clasificación xeral homes 🏆

  1. Victor Ramos Sambade ... 37:20
  2. Daniel Paz Pardo ... 38:13
  3. Alan Sardinero González ... 38:57

🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆

  1. Beatriz Barroso Pérez ... 48:35
  2. Mª Aurora González Fernández ... 49:35
  3. Marinela Mayo Caamaño ... 52:55

Pd: Clasificación completa. Fotos cortesía de: Club Atletismo Lousame. Moitas grazas.

Tamén che pode gustar:

0 comments