V Carreira Solidaria Festas de Lalín

Desta vez tocou correr un venres pola noite xa que se ía celebrar a V Carreira Solidaria das Festas de Lalín. Proba que dá inicio as festas deste pobo e que ademais é solidaria xa que o recadado vai destinado a Cruz Vermella Lalín. O percorrido que xa teño feito outros anos serían 2 voltas ata completar unha distancia de 6Km pero que seguramente lle faltasen metros para chegar a esa distancia.

O obxectivos serían:
  • Tomala como adestramento/activación para o día seguinte que tamén ía competir.
  • Intentar mellorar o tempo que teño na proba que é de 20:56 min. acadado no 2018.

Intentei chegar cedo porque como empezaban as festas ía estar máis complicado aparcar e así foi, xa había rúas cortadas por onde tiña pensado meterme. Menos mal que algo coñezo por Lalín e atopei onde aparcar e non me levou moito tempo. Fun recoller o dorsal xa cambiado pero tiven que volver para o coche deixar os agasallos da proba e esperar a que fora a hora de poñerse a quecer porque aínda que non estaba facendo frío, para estar coa camiseta de correr chegáballe ben e antes de enfermar mellor esperar ao quente.

Chegado o momento tocou poñerse a quecer e pouco a pouco o "frío" que facía foi desaparecendo, o problema era que as sensación que estaba tendo non eran moi boas. Notábame canso e como con dor nas articulacións polo que cada vez tiña máis claro que hoxe non ía ser día de mellorar ese tempo. Funme achegando a liña de saída e quedo colocado nunha boa posición, como nunha segunda, terceira fila. Tras unha conta atrás, arrancou a proba.


Arranquei ben, gañando algún posto durante os primeiros 200m que eran baixando. As malas sensacións que tiña quentando parecía que desapareceran e o corpo estaba respondendo bastante ben pero prefería ir con máis calma é a ver a segunda volta como estaba.

Chegamos a subida da estación de autobuses a subida máis dura da proba e aí xa non me notei tan ben, como que non tiña as forzas de sempre para subir. Aínda así mantiña o posto e incluso me achegaba aos corredores que ía por adiante. Esta subida tiña dúas partes: primeiro subías ata a estación, viña unha recta onde podías recuperar un pouco e volvías a subir a costa do IES Laxeiro, máis curta pero que tamén lle chega ben.

A partir de aí longa recta con tendencia a baixar que remataba nunha forte baixada cara a Praza da Igrexa. Nese punto gañei o último posto xa que dende aí mantiven o posto e nada cambiaría na segunda volta.


Subimos a Av. Luis González Taboada ata que xiramos a dereita e baixada ata meta para completar a primeira volta con un tempo de 10:48 min.

Durante a segunda volta intentei apertar máis a ver se era capaz de gañar algún posto xa que as sensación non eran malas pero foi imposible e máis ou menos a distancia co corredor que levaba por adiante mantíñase polo que tamén ía mirando cara atrás para polo menos conservar o posto e así foi. Toda a segunda volta en solitario e facendo un tempo nesta volta de 11:00 min., uns segundos máis lento pero non moi lonxe do tempo da primeira volta polo que nada mal.


O resultado final foi:
  • Posto xeral: 7º de 107
  • Posto categoría: 7º.
  • Tempo: 21:48 min.
  • Ritmo: 3:53 min/km
Os obxectivos cumpridos sabía que non ía ser día de mellorar o tempo que tiña nesta proba e como activación para o día seguinte estivo ben xa que quentando pensaba que ía tocar sufrir e finalmente saíu unha boa carreira entrando no top 10. Como dixen ao principio faltábanlle metros para facer os 6 Km e máis ou menos quédase en 5,6 Km.

En canto a organización estivo ben, voluntarios da Cruz Vermella nos cruces, avituallamento final con auga e froita, duchas no pavillón Lalín Arena e de agasallo unha bolsa de tela e unha mini toalla.


🏆 Clasificación xeral homes 🏆

  1. Marcos Oro ... 17:54
  2. José Canda Louzao ... 18:00
  3. Xosé Pérez Blanco ... 18:47
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Patricia Fondevila López ... 28:07
  2. Mónica Montoto Vázquez ... 28:08
  3. Susana López Blanco ... 30:00

Pd: Clasificación completa. Moitas grazas.

Tamén che pode gustar:

0 comments