XIV Cross de Verán de Broña

Tras correr o día anterior a Nocturna Cidade Vella de Santiago, tocou desprazarse ata o Concello de Outes, concretamente ata a Praia de Broña onde se ía celebrar o XIV Cross de Verán, sobre unhas distancias de 5,5 Km ou 10 Km. Claramente eu fun a de 10 Km xa que a fixen o ano pasado e coñecía o percorrido.

Os obxectivos serían:
  • Intentar mellorar o tempo do ano pasado que é de 38:27 min.
  • Intentar igualar a posición do ano pasado onde acabei sendo 1º da categoría.
Cheguei a Broña co tempo suficiente para ir recoller o dorsal, cambiarme e poñerme a quecer un pouco con Javier, ex compañeiro de equipo. 
Coloqueime adiante de todo para saír forte dende o comezo da proba, xa que ao principio íamos por un paseo estreito e quería estar ben colocado para non ter que remontar moito despois. Tras unha conta atrás deuse a saída.

Foto: Jesús Bernal
Arranquei bastante ben, sen perder moitas posicións e polo zona do paseo fun conservando o posto. Había un inconveniente ao ir tan adiantado xa que estabamos correndo os que íamos facer 5,5 km e os de 10 Km xuntos e non sabía que ritmo ir, nin quen podían ser os rivais aos que seguir, polo que cada vez que tiña a oportunidade de gañar un posto non dubidaba en facelo e a polo seguinte.

Tras o primeiro tramo de paseo desviámonos cara unha pendente de terra onde seguín gañando algún posto e volvemos cara o paseo anterior para pasar pola zona de meta pero sen cruzala xa que collemos outra parte do paseo que era máis estreita que a primeira ata que saímos a estrada para ir alternando asfalto e camiños de terra.

No paso por meta, km 5,5, marco un tempo de 20:33 minutos que supoñía ir a un ritmo medio de 3:44 min/km, bastante ben xa que eran 18 segundo menos que o ano pasado. 


Tocaba facer o último tramo da proba que seguramente sexa o máis duro pero máis entretido xa que sobre o km 6 comezaba unha subida por terra constante ata o km 7 onde remataba en cemento e que che desfacía as pernas. Nese punto perdín dous postos que non fun capaz de recuperar xa que me custou moito recuperar da subida.

Tras a subida, tocaba un tramo de baixada por monte, a zona máis divertida (que ganas teño de volver a facer un trail...) onde pouco a pouco vou perdendo de vista aos dous corredores que me adiantaron. Eu xa comecei a controlar aos perseguidores que de momento non se vía ninguén preto ata entorno ao km 9 onde vín que xa tiña un par de corredores que viñan forte e comezo a tirar de novo xa sen mirar atrás dando todo o que me quedaba porque non quería perder máis postos.

Último tramo pola praia, ía buscando a area máis dura para que me fora máis cómodo correr pero era complicado e iso que non peso moito pero enterrábame seguido, tiramos cara meta onde para saír da praia temos que subir un par de escaleiras e xa estaba aí a meta onde cheguei moi canso pero satisfeito xa que escoitara por megafonía o posto final.


O resultado final foi:
  • Posto xeral: 5º de 128.
  • Posto categoría: 1º.
  • Tempo: 38:26 min.
  • Ritmo: 3:51 min/km
Os obxectivos cumpridos polos pelos xa que conseguín mellorar o tempo do ano pasado en 1 segundo e igualar o resultado do ano pasado volvendo a ser 1º da categoría pero desta vez gañando un posto na clasificación absoluta. A parte "negativa" foi que facendo contas ata o km 7 tras subir a pendente ía terceiro absoluto pero o cansancio acumulado da carreira do día anterior e o esforzo que fixen ao comezo da proba non me permitiron conservar ese posto.


Para o ano e sempre que poida volverei a esta proba xa que a organización e practicamente perfecta. Este ano a andaina paralela organizouse o día anterior e dende o meu punto de vista prefería que fose o mesmo día xa que así os acompañantes poderían ir facela mentres nos estamos a correr. Algo que me gustou e que se siga facendo o obradoiro de RCP/DESA que este ano incluso fixeron unha competición. Tamén había un obradoiro sobre hábitos de alimentación saudable e outro obradoiro sobre dinamometría ao cal estiven apunto de ir pero estaba moi canso para facelo.

🏆 Clasificación xeral homes 🏆
  1. J. Miguel Gómez Sánchez ............ 36:50
  2. Carlos Lorenzo Blanco ................. 36:58
  3. J. Ramón Balderrabano Mayo ... 37:52
🏆 Clasificación xeral mulleres 🏆
  1. Tina Fernández ....................... 42:23
  2. Beatriz Barroso Pérez ......... 46:40
  3. Concha Novais Troncoso ... 46:58

Tamén che pode gustar:

0 comments